Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Actividades do centro

PASO DE INFANTIL A PRIMARIA

Nestas últimas semanas do curso as nenas e nenos de 6º de Educación Infatil visitaron á aula de 1º de Primaria para coñecer como é, ver que cousas teñen na clase e preguntarlles por cuestións que lles interesan: as actividades que fixeron durante o ano, os xogos, o que máis lles gusta de Primaria...

O alumnado de 1º escolleu un par de actividades que a eles e elas lles gustan para facer xuntas e xuntos. Un día xogaron con lego e crearon diferentes construcións.

Logo merendaron na aula de 1º e leron algún conto xuntos. Ademais, durante dous días compartiron o patio co resto de grupos de Primaria.

Noutra ocasión acudiron para facer un experimento que as nenas e nenos de 1º xa levaran a cabo cando investigaron sobre as plantas. Puxeron flores blancas en auga tinguida de cores para comprobar como os pétalos cambiaban de cor. Tras varios días levaron as flores para a súa aula.

Agardámosvos o próximo curso en Primaria!!!

EXCURSIÓN FIN DE CURSO

O pasado martes, 4 de xuño, tivo lugar a excursión de fin de curso. Acudimos ao Muíño de Pedroso, onde realizamos diferentes actividades, todas moi interesantes e que nos gustaron moito: xogos populares, orientación e paseos polo bosque, reciclaxe de papel, recoñecemento de pegadas dos animais, plantar...

Rematamos este curso pasándoo moi ben e levando un bo recordo dunha das derradeiras saídas que fixemos todas e todos xuntos!!

Maios e Letras Galegas 2024

O pasado xoves 16 de maio celebramos na escola a festa dos Maios e o Día das Letras Galegas.

Tivemos a sorte de contar coa axuda dunha chea de familias que viñeron colaborar para axudarnos a confeccionar os nosos tres maios.


Traballamos e tamén desfrutamos xuntas e xuntos. Ao final, entre todas e todos creamos tres maios preciosos e cheos de cor que levamos para a pista cuberta da escola para continuar alí coa celebración.

 

O alumnado de sexto fixo unha lectura sobre a vida de Luísa Villalta e tamén recitou dous dos seus poemas.

Todas xuntas e xuntos, alumnado, profesorado e familias, cantamos o noso xa tradicional "Seresín, seresán". Ademais, este ano, escollemos tamén a canción "Cruel Filosofía", de A Banda da Loba, xa que a letra pertence á autora homenaxeada, Luísa Villalta.

 

 

Foi unha xornada preciosa, festexando a primavera e a nosa literatura! Desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega queremos dar as grazas a todas as familias que se implicaron e colaboraron con nós, facendo este día tan bonito e especial.

Que vivan os Maios e as Letras Galegas!!!

OBRADOIROS DE CREACIÓN DE TEARES

Ao longo de este mes de abril as mestras Ana e Carmen levaron a cabo diferentes obradoiros nos que ensinaron ás nenas e nenos dos diferentes cursos a tecer. Ademais fabricaron uns pequenos teares con cartón para que cada nena e neno constrúa o seu propio pousavasos.

 

 

 

ECO CONSELLOS DAS NENAS E NENOS DE CENTIEIRAS

Lembrades que Gatiza solicitou a axuda dos nenos e nenas de Centieiras para facer do mundo un lugar máis sostible? Aquí tedes os seus eco-consellos! 

Agora só queda poñelos en práctica!  

Moitas grazas ás e aos participantes por estes vídeos tan didácticos.

 

DÍA DO LIBRO

O pasado 23 de abril conmemoramos no centro o Día do Libro. Para iso, por unha banda, levamos a cabo o tradicional amadriñamento lector, as e os maiores escollen un conto para as súas afilladas e afillados. O día acompañounos polo que puidemos gozar das lecturas compartidas no noso patio. 

 

Por outra banda, fixemos unha recollida de alimentos para o banco de Alimentos Rías Altas. A cambio dos alimentos doados, as nenas e nenos podían coller algúns dos libros de expurgo da biblioteca escolar. 

Logramos nada máis nin nada menos que 265 quilos de alimentos! 


Moitas grazas familias pola vosa colaboración incondicional. 

 

DÍA DA TERRA

O pasado luns, 22 de abril, conmemorouse o Día da Terra. Para celebralo, no colexio decidimos crear unha obra textil ao longo do mes de abril. Todas as nenas e nenos participamos na súa elaboración, explorando a nosa creatividade e consendo anacos de tea con diversas formas e cores e outros materiais así como bordando mensaxes de coidado e respecto polo noso planeta. Como nos parece unha cuestión de moita relevancia, consideramos necesario incluír a toda a comunidade educativa, polo que contamos coa colaboración das familias, que fixeron aportacións moi interesantes.

O día 22 decidimos facer unha actividade para conectar co planeta, xa que a mellor forma de celebrar o seu día é gozando del e tomando conciencia da importancia de coidar todo o que nos arrodea. Saímos do colexio e fixemos unha andaina: sentamos na natureza e observamos, respiramos, escoitamos grilos, vimos algúns animais... Por suposto, levamos connosco a nosa obra artística Puntadas pola Terra.

Coidemos o noso planeta para que todas e todos poidamos continuar gozando del!!!

 

A VISITA DUNHA IMPRENTA AMBULANTE

O pasado mes de marzo o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º recibiu unha visita moi especial: Alouette Machine. Unha imprenta ambulante. 

Cris e Jean-Ba viaxan nunha furgoneta cos caixóns cheos de letras de chumbo e de madeira e iso foi o que nos ensinaron neste pequeno obradoiro. Contáronnos como se facían os libros antigamente e o laborioso que era xa que había que colocar cada letra dun xeito moi minucioso. Ademais disto as nenas e nenos puideron facer pequenas prácticas estampando os poemas que previamente elas e elas idearon coa temática do noso PDI: pegadas verdes. 

 

Visita da Asociación de Mulleres do Rural de Cabanas

O día de onte recibimos a fermosísima visita das MULLERES da Asociación Rural de Mulleres de Cabanas que nos viñeron a contar como desenvolvían unha labor que xa está esquecida en moitos sitios: o tratado da lá das ovellas: o cardado, o fío, o tecido...

Como sabedes, estamos a traballar un proxecto de centro - PDI Pegadas Verdes- dedicado ao coidado do medio ambiente e da sostenibilidade e con esta visita queriamos recuperar non só os oficios que parecen olvidados senón tamén falar sobre os recursos que temos ao noso arredor e sobre as opcións sostibles que podemos atopar e empregar dun xeito sostible e respetuoso coa natureza.

Ademais, o vindeiro luns terá lugar o Día da Terra e este ano estamos levando a cabo a construción conxunta dun tear con diferentes retales cosidos e diversos bordados con mensaxes moi importantes sobre o coidado do medio. Esta visita nos axudou a coñecer a orixe de moitas teas e tamén o traballo de tecido que podemos facer coa lá.

Queremos aproveitar para agradecer enormemente a este fermoso grupo de mulleres pola súa visita, a súa paciencia e os seus coñecementos tan valiosos. Foi unha experienca moi enriquecedora e coa que quedamos realmente abraiadas e abraiados.

 

 

Distribuir contido