Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

EDLG

Traballo do terceiro ciclo sobre os ODS

Entrade en cada obxectivo para ver o vídeo correspondente do alumnado de 5º e 6º de primaria. Agardamos que os desfrutedes e aprendades sobre os obxectivos de desenvolvemento sostible cos nosos nenos e nenas.

Maios e Letras Galegas 2024

O pasado xoves 16 de maio celebramos na escola a festa dos Maios e o Día das Letras Galegas.

Tivemos a sorte de contar coa axuda dunha chea de familias que viñeron colaborar para axudarnos a confeccionar os nosos tres maios.


Traballamos e tamén desfrutamos xuntas e xuntos. Ao final, entre todas e todos creamos tres maios preciosos e cheos de cor que levamos para a pista cuberta da escola para continuar alí coa celebración.

 

O alumnado de sexto fixo unha lectura sobre a vida de Luísa Villalta e tamén recitou dous dos seus poemas.

Todas xuntas e xuntos, alumnado, profesorado e familias, cantamos o noso xa tradicional "Seresín, seresán". Ademais, este ano, escollemos tamén a canción "Cruel Filosofía", de A Banda da Loba, xa que a letra pertence á autora homenaxeada, Luísa Villalta.

 

 

Foi unha xornada preciosa, festexando a primavera e a nosa literatura! Desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega queremos dar as grazas a todas as familias que se implicaron e colaboraron con nós, facendo este día tan bonito e especial.

Que vivan os Maios e as Letras Galegas!!!

Luísa Villalta, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2024

Achégase o Día das Letras Galegas e deixámosvos uns enlaces a distintos contidos e actividades en liña para achegarvos un pouco máis a esta marabillosa autora. Agardamos que os desfrutedes!

Seminario Galán

Primavera das Letras

 

ECO CONSELLOS DAS NENAS E NENOS DE CENTIEIRAS

Lembrades que Gatiza solicitou a axuda dos nenos e nenas de Centieiras para facer do mundo un lugar máis sostible? Aquí tedes os seus eco-consellos! 

Agora só queda poñelos en práctica!  

Moitas grazas ás e aos participantes por estes vídeos tan didácticos.

 

Gatiza quere ser ecoloxista!

Gatiza apareceu novamente na escola e, coma sempre que vén por aquí, é porque necesita da vosa axuda. Esta vez quere que gravedes un vídeo curto, dun minuto como máximo, dándolle algún consello sobre ecoloxía, reciclaxe, sostibilidade ou medio ambiente. Tedes ata o venres día 19 de abril para traelos á escola nunha memoria usb co voso nome escrito.

Lembrade, o vídeo ten que estar en galego e gravado en horizontal.

Gatiza conta con vós!

Día de Rosalía

Hoxe, 23 de febreiro, conmemoramos o Día de Rosalía, unha das autoras máis importantes da nosa literatura. Para isto, tiñamos previsto saír polas distintas prazas do concello de Fene para recitar poemas de Rosalía, mais o mal tempo non nolo permitiu e, finalmente, realizamos o recital na pista cuberta do colexio.

Comezaron os rapaces e rapazas de sexto cantando unha versión musicada de Cantarte, hei Galicia, poema pertencente á obra Cantares Gallegos publicada o 17 de maio de 1863, data que marca a celebración do Día das Letras Galegas. 

Despois da actuación de sexto, por quendas, todos os cursos recitaron poemas de nosa autora máis universal. Fixérono todas e todos de marabilla, parabéns!

Ademais, coma sempre, contamos coa asistencia das familias que acudiron como público ao recital. Moitas grazas por acompañarnos, a pesar da chuvia e do frío.

 

Xogos en familia de febreiro no terceiro ciclo

Esta mañá volvemos desfrutar dunha xornada de xogos en familia en 5º e 6º de primaria.

Nesta ocasión os xogos elixidos foron:

    • Splittissimo, un xogo para comprender mellor as fraccións e as súas equivalencias mediante porcións de pizza do que se encargou Marisa, a nai de Óscar.

    • ODS, un xogo con preguntas sobre os obxectivos de desenvolvemento sostible que dinamizou Irene, nai de Stefano.

    • Ritmo Bola, un xogo moi entretido de atención no que hai que seguir o ritmo de We Will Rock You e encadear distintos signos sen equivocarse e que estivo dirixido por Diego, pai de Nicolás.

    • Panic Lab, un xogo de observación e agudeza visual no que hai que atopar as amebas que escaparon do laboratorio e fixarse moi ben que cumpran os requisitos amosados nos dados. Deste xogo encargouse Sonia, nai de Daniela.

    • Bobo Bobo, un xogo de cartas en equipos que pon a proba o enxeño dos participantes, que estivo dinamizado por Mónica, nai de Bruno.

    • Timeline, un xogo de cartas no que hai que crear unha liña temporal, neste caso dos descubrimentos, e que estivo a cargo da mestra Cris.

      

 

Todos os xogos foron un éxito e tanto alumnado como familias e profes pasamos un anaco ben entretido no que a convivencia e a diversión foron a nota predominate.

Grazas, familias, por compartir este tempo de xogo connosco!

Entroido sostible en terceiro ciclo

Por fin chegou unha das festas máis esperadas do ano: o Entroido!

Este ano, en liña co noso PDI Pegadas Verdes, difrazámonos de heroes e heroínas da reciclaxe. Como sempre, o noso alumnado abraiounos coa súa creatividade e imaxinación. Todas as capas e complementos que traían os nosos heroes e heroínas eran espectaculares e, ademais, había variedade: instrumentos musicais, armas, diademas, bolsos e tocados feitos con todo tipo de residuos. Nunca pensei que se puideran facer semellantes marabillas con cousas que ían rematar no lixo!

Durante a mañá, fixemos desfiles polas aulas de 5º e 6º para lucir os nosos traxes, bailamos, cantamos, xogamos... Pasamos unha mañá do máis entretida.

Feliz entroido e vémonos á volta!

 

 

Entroido sostible 2024 en sexto!

Por fin chegou unha das festas máis esperadas do ano: o Entroido!

Este ano, en liña co noso PDI Pegadas Verdes, difrazámonos de heroes e heroínas da reciclaxe. Como sempre, o noso alumnado abraiounos coa súa creatividade e imaxinación. Todas as capas eran espectaculares, decoradas con todo tipo de residuos. Nunca pensei que se puideran facer estas marabillas co lixo! Mirade que orixinalidade:

Fixemos desfiles polas aulas de 5º e 6º para lucir os nosos traxes, bailamos, cantamos, xogamos... Pasamos unha mañá do máis entretida.

Tamén merece a pena botar unha ollada máis de preto aos complementos que traían os nosos heroes e heroínas, pois eran unha auténtica pasada: instrumentos musicais, armas, diademas, bolsos e tocados.

Tanta festa abriulles o apetito, así que despois de cantar e desfilar para as familias, fixemos unha merenda con doces típicos destas datas. Estaba todo moi saboroso!

 

 

Feliz entroido a todas e todos e vémonos á volta!

Distribuir contido