Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

EDLG

Entroido sostible 2024 en sexto!

Por fin chegou unha das festas máis esperadas do ano: o Entroido!

Este ano, en liña co noso PDI Pegadas Verdes, difrazámonos de heroes e heroínas da reciclaxe. Como sempre, o noso alumnado abraiounos coa súa creatividade e imaxinación. Todas as capas eran espectaculares, decoradas con todo tipo de residuos. Nunca pensei que se puideran facer estas marabillas co lixo! Mirade que orixinalidade:

Fixemos desfiles polas aulas de 5º e 6º para lucir os nosos traxes, bailamos, cantamos, xogamos... Pasamos unha mañá do máis entretida.

Tamén merece a pena botar unha ollada máis de preto aos complementos que traían os nosos heroes e heroínas, pois eran unha auténtica pasada: instrumentos musicais, armas, diademas, bolsos e tocados.

Tanta festa abriulles o apetito, así que despois de cantar e desfilar para as familias, fixemos unha merenda con doces típicos destas datas. Estaba todo moi saboroso!

 

 

Feliz entroido a todas e todos e vémonos á volta!

Comezamos os mandados da Bruxa (Re)Encarnación

A nosa Bruxa favorita está impresionante co fantástico traballo de chapa e pintura que lle fixo o equipo artístico da ANPA, dá xenio vela!

Coma sempre polo entroido, Encarnación, ou Reencarnación, coma a nomeou Darío, chegou a Centieiras dando ordes. E nós, que somos cumpridores, o luns fomos á escola coas cabezas engalanadas.

Mandados da Bruxa Encarnación

A Bruxa Encarnación xa está de volta na escola, sinal de que o Entroido xa está a chegar.

 

Ademais, desta vez a Bruxa está moi cambiada, ten un aspecto fantástico, grazas ao gran traballo do equipo artístico da ANPA. Tanto é así que algún xa dixo que en vez de Encarnación, tiñamos que chamarlle Reencarnación, porque non hai quen a recoñeza.

 

Fixádevos ben e non perdades detalle dos mandados de Encarnación:

 

Lembrade, vémonos o luns coas cabezas ben adornadas!

Saída á radio para gravar unha nova edición de Crónicas de Centieiras

Unha vez máis, o alumnado de Centieiras volveu ás ondas de Radio Fene cunha nova edición do noso programa Crónicas de Centieiras.

Premendo na seguinte imaxe, poderedes escoitar o programa:

Desta vez foi a quenda de 1º e 6º de primaria, que fixeron un repaso das actividades, celebracións e outras novas interesantes da escola.

 

Os nenos e nenas de 1º falaron dun tema do que son uns auténticos expertos e expertas, os planetas do Sistema Solar e fixérono mediante unhas enxeñosas adiviñas. A ver se sodes quen de acertalas todas.

 

Ademais de facer o labor de locutores e locutoras de radio, tamén tiveron tempo para xogar na praza un anaco e fixérono de marabilla, xogando xuntos maiores e pequenos, daba xenio velos!

Parabéns, rapazas e rapaces, fixéstelo todas e todos xenial!

Comezamos o trimestre xogando: grupos interactivos de xaneiro en 5º e 6º

O 16 de xaneiro desfrutamos na biblioteca dunha nova xornada de grupos interactivos coas familias de quinto e sexto. Moitas grazas a Ana, Mariana, Marta, Paula e Rebeca por vir xogar connosco!

 

Xogos interactivos de Nadal, badaladas e mercado de segunda man

O último día do primeiro trimestre tivemos unha xornada moi entretida de xogos interactivos cos familiares que voluntariamente viñeron participar con nós. Moitas grazas pola vosa colaboración, é unha marabilla contar con nais e pais sempre dispostos a axudarnos.

 

Despois de tanto xogar, alumnado, profesorado e familias fomos tomar as uvas ao ritmo das nosas badaladas de fin de trimestre e, finalmente,

recibimos a visita de Papá Noel, que trouxo agasallos para todo o alumnado do centro.

 

Ademais, alumnos e alumnas de sexto organizaron e levaron a cabo un mercado de segunda man de Nadal que resultou todo un éxito. Esta actividade, ademais de ser un xeito de recadar fondos para financiar a excursión de fin de curso, tamén se enmarca no PDI do centro, xa que pretende concienciar da necesidade de dar unha segunda vida ás cousas e de consumir de forma responsable, fomentando un estilo de vida máis sostible.

Agardamos que desfrutarades desta xornada especial e desexámosvos bo Nadal e feliz 2024 a todos e todas!

Gatiza felicítavos polo voso esforzo e creatividade!

Gatiza quere darvos a noraboa polo voso gran esforzo e a creatividade que amosades cos fantásticos xogos e xoguetes que fixestes con materiais de refugallo. Son todos marabillosos e orixinais!

 

Noraboa, nenos e nenas de Centieiras, non deixades de abraiar a Gatiza!

Gatiza necesita a vosa axuda polo Nadal!

O Nadal está á volta da esquina e Gatiza conta con vós e coa vosa creatividade para que fagades na casa un xoguete ou xogo con materiais de refugallo. Algún exemplo poder ser un coche cunha botella de plástico, unha casa de bonecos cunha caixa de cartón, un xogo de birlos con latas de refresco, un peón cun CD, etc. O que a cada un ou cada unha se lle ocorra.

Podedes traer os vosos xoguetes e xogos feitos con refugallos á escola durante toda a semana próxima, desde o día 11 ata o día 15 de decembro e faremos unha exposición na entrada do centro con todos eles.

Esta actividade enmárcase no noso PDI "Pegadas Verdes", pois trátase de concienciar da necesidade de reciclar e reutilizar, así como de ter un consumo responsable.

Moitas grazas unha vez máis pola vosa colaboración!

 

Xogamos coas familias de 5º e 6º

 

Hoxe pola mañá desfrutamos dunha nova xornada de xogos coas familias voluntarias do alumnado de 5º e 6º, que quixeron colaborar e compartir con nós un anaco ben divertido.

 

Este curso comezamos en 5º e 6º cos grupos interactivos, unha forma de organización da aula que une aprendizaxe e convivencia. Os grupos interactivos caracterízanse por multiplicar e diversificar as interaccións que teñen lugar na aula e por ser un tipo de organización inclusora do alumnado, na que se conta coa axuda de máis persoas adultas que dinamizan as actividades de aprendizaxe, ademais das mestras dos grupos-clase.

 

Por outra banda, nestas actividades empregamos tamén a metodoloxía ABX (Aprendizaxe Baseada en Xogos), que consiste no emprego dos xogos de mesa como recurso ou ferramenta educativa para facilitar o proceso de ensino-aprendizaxe.

 

O xogo é unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento global do ser humano, especialmente desde a infancia, e os xogos de mesa supoñen un xeito atractivo e divertido de achegar o alumnado á adquisición e afianzamento das competencias e dos contidos curriculares. Trátase dunha metodoloxía activa que ofrece unha experiencia educativa significativa, acorde ás necesidades do alumnado e que ten en conta os seus intereses e motivacións.

 

Polo de agora, con esta segunda xornada de xogos coas familias podemos asegurar que se trata de todo un éxito, tanto para os rapaces e rapazas, que xa están desexando repetir e avalían a actividade de forma moi positiva, para as mestras, posto que vemos ao alumnado e ás familias participar e desfrutar xuntos e para as familias, que ademais das valoracións que nos fan de xeito oral, déixannos tamén reflexións por escrito tan fermosas coma as seguintes:

 

Rebeca: Divertido. Competitividad sana. Muchas risas. Un gusto compatirlo, como siempre.

 

Mari: Gracias por invitarme a esta jornada tan divertida, se me pasó el tiempo volando. Si tengo que hacer una valoración a los/as alumnos/as sería muy positiva porque todos/as respetaron las normas, no tuvieron conflictos y fueron muy divertidos/as. Si pudiera, estaría de vuelta mañana. ¡Gracias!

 

Moitas grazas a vós, Rebeca, Mari, Marta, Juana e Cora, foi un pracer contar con vós para esta actividade.

 

 

 

Magosto e Día do peón

O pasado venres vivimos unha xornada moi especial de festa e convivencia entre o alumnado e as familias. A celebración do Magosto e o Día do peón foi todo un éxito grazas ao esforzo e colaboración da ANPA, que ademais de agasallar a toda a comunidade educativa con castañas asadas e chocolate quente, creou unha preciosa decoración para ambientar a pista polideportiva.

O alumnado maior estivo acompañando e ensinando a bailar o peón aos máis pequenos. Foi fantástico velas e velos tan pendentes e agarimosos cos seus afillados e afilladas da escola.

Despois de bailar o peón e poñelas botas coas castañas e o chocolate, chegou o momento da música e o baile. Os e as artistas de Centieiras volveron dalo todo para que pasaramos un anaco moi entretido desfrutando da música tradicional galega. Moitas grazas a todas e todos!

 

Distribuir contido