Presentación | Horarios | Oferta educativa | Secretaría | Contacto
EDLG
As nosas historias de Gatiza: Salvador e Darío.
A historia de Gatiza de S.D.A.M (Salvador Daniel Agra Margot)
Gatiza era unha tranquila gata que vivia no país Pitufo, o país máis xenial do mundo. Gatiza era feliz aí ata que... Un maligno bruxo grego chamado ξθανιτοελγολονδριναχδ explotou o país Pitufo. Gatiza non tivo outra opción que marcharse a Fene, unha cidade en Galiza, unha comunidade autónoma de España. En Galiza pasouno xenial, ata que un día... tivo que ir ao colexio chamado CEIP Plurilingüe de Centieiras.
Ela ten 10 anos, así que está en 5º de primaria. Como é dun país máxico é invisible para os demais, pero cando oen unha voz procedente dalguén invisible... é ela! A única que pode vela é Isa, a mestra de 5º. É a única que pode vela, xa que a adoptou e meteuna nun xogo chamado Gacha Life para que ela estea a salvo. En Gacha Life o seu corpo volveuse máis raro, como se fora unha humana e coñoceu xente nova que tamén eran personaxes de Gacha Life.
Salvador Agra 5º EP
A historia de Gatiza de Darío
Ola, son Gatiza, e veño de Docelandia.
Cando era pequena, miña nai, que é bruxa, maldiciume e convertiume nunha gata azul.
En Docelandia fálase galego. Alí todo está feito de doces. As casas están feitas de galleta, os tellados están feitos de chocolate, as portas están feitas de caramelo e as chemineas están feitas de chupachups. Ao ser filla de Nuria, a bruxa, chamábanme «A Mestiza». O meu pai era feiticeiro.
Eu vivía nun orfanato. A xente vivía tranquila, ata que un día, chamaron á porta do orfanato. Era Nuria, miña nai, que viña ensinarme coñecementos arcanos. Pero eu escapei do orfanato cara a outro sitio. E cheguei aquí, onde tamén se fala galego. Fene é moi bonito, pero as casas están feitas de ladrillo, os tellados están feitos de tella, as portas, de metal ou de madeira, e as chemineas están feitas de cemento. Necesito axuda para derrotar á miña nai. Cando fuxía, vin que arrasaba o orfanato cun feitizo de lume, e que abrasaba a toda a xente do orfanato.
Continuará...
Darío Lamas 5º EP
Magosto e Día do Peón, festa rachada!
O venres día 11 de novembro celebramos na escola o Magosto e o Día do Peón. Foi unha xornada festiva na que desfrutamos moito todos xuntos, alumnado, profesorado e familias, bailando os peóns e degustando castañas asadas e chocolate quente grazas á ANPA que, como sempre, colaborou co centro de xeito totalmente desinteresado. Moitas grazas!
Para rematar a festa, houbo unha repichoca na que participaron alumnado e familias tocando música tradicional galega. Son uns auténticos e auténticas artistas, da xenio escoitalos! Non parabamos de pedirlles outra e outra, así que tocaron moitos bises e, a maioría, aproveitamos para botar uns bailes. Foi unha festa rachada!
Foi unha marabilla desfrutar desta festa xuntas e xuntos. Para o ano, repetimos, non?
Decoramos o cole para o Magosto e o Día do Peón
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega decorou a entrada da escola con este marabilloso arco de globos en cores de outono e co mural de Gatiza, que pintou o alumnado de 5º EP.
Quedoulles fenomenal, non vos parece?
MAGOSTO E DÍA DO PEÓN
Este venres, día 11 de novembro, celebraremos na escola o Magosto e o Día do Peón. Lembrade traer os vosos peóns para amosarnos as vosas habiliadades bailándoos!
Ademais, teremos unha degustación de castañas asadas e chocolate quente grazas á ANPA.
Remataremos a festa con música, desfrutando dunha repichoca. Vai ser moi divertido!
As familias do alumnado están convidadas a asistir desde as 12:00 horas, momento no que comezará a celebración. Animádevos e non volo perdades!
Os contos de medo gañadores!
Aquí tedes os contos seleccionados por Gatiza este Samaín. Todos eran arrepiantes e encantáronlle, pero escolleu estes como os seus preferidos. Moitas grazas pola vosa participación. Seguro que en Centieiras hai algún ou algunha futuros escritores de literatura de terror. Seguide así!
Exposición de cabazas e decoración de Samaín
Achégase o Samaín!
Só falta unha semana para a festa máis terrorificamente divertida do ano!
Mentres esperades que chegue o gran día, podedes aprender máis sobre o Samaín, escoitar cancións desta época do ano e ata facer un pequeno xogo para comprobar canto sabedes sobre a orixe da festa das cabazas con este Genial.ly creado polo EDLG do cole. Esperamos que vos guste!
GATIZA ANÍMAVOS A FACER DEBUXOS E CONTOS DE MEDO
Gatiza está que non para! Aínda chegou onte ao cole por primeira vez, pero vén cunhas ganas tremendas de facer cousas. Hoxe pola mañá apareceu de novo para anunciar a festa de Samaín do venres día 28 de outubro e agora anímavos a que fagades debuxos de medo (educación infantil e primeiro ciclo de primaria) e contos de terror (segundo e terceiro ciclo de primaria). Seguro que vai quedar abraiada coa vosa creatividade!
GATIZA ANÚNCIANOS QUE SE ACHEGA O SAMAÍN
A nosa nova amiga Gatiza vén con ganas de festa! E vós, xa tedes o disfrace preparado? E a cabaza, xa sabedes que deseño faredes? Estamos desexando velas! E non vos esquezades da lanterna, que ás veces no Samaín marcha a luz misteriosamente... Atentas e atentos ao que nos di Gatiza!
Gatiza é unha personaxe creada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega con Gacha Life
COÑECEMOS A GATIZA!
Esta mañá houbo unha visita sorpresa nas clases. Chegou unha personaxe que nos acompañará ao longo deste curso para animarnos a todas e todos a falar máis en galego. Queredes coñecela?
Verémola a miúdo na escola e seguro que ten moitas cousas que contarnos e algún que outro encargo tamén...
Polo de agora, a min gustaríame saber máis sobre Gatiza: Quen é? De onde vén? Como chegou a Centieiras?
Vós como imaxinades a súa historia?
Gatiza é unha personaxe creada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega con Gacha Life.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- …
- seguinte ›
- última »