Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Biblioteca

UNHA CASIÑA BRANCA

   A semana pasada os alumnos e alumnas de 4º e 5º comezámola falando do lixo; vaia tema para comezar a semana, pensaredes. Pois si, lemos a historia dunha casiña branca e a maioría pensamos que era de ciencia ficción, uns nenos que vivían nun vertedoiro infindo, onde non quedaba nada da nosa realidade, nin coches, nin árbores, nin casas... E aí vén Marcos Calveiro a descubrirnos a crúa realidade: no mundo hai moitos nenos e familias que viven nos e dos vertedoiros, e todo iso cunhas imaxes de distintos lugares do mundo.

    Falamos dos tres R, reducir, reutilizar e reciclar, como única solución de non chegar a crear ese mundo no que estaríamos todos condenados a vivir. De todas maneiras, como dicía el, Unha casiña branca é un “libro filete”, así que aínda cabe a posibilidade de que nós atopemos solucións para non chegar a eses extremos. 

 

                                

                                

Día da Árbore.


Alumn@s recitan o poema "Aproveito para falar" da escritora fenesa Mariola Hermida para facer unha conmemoración conxunta do Día da Árbore,Día da Poesía e Día Mundial da auga.Esperamos vos 
guste.

                                                                                         

 APROVEITO PARA FALAR.

Aproveito para falar

das cerdeiras en flor,

dos campos ateigados

de margaridas,

do ruido que fan os grilos

-ó atardecer-

do río manso que lava as sarabias,

das laranxas amargas,

dunha nena que pinta os beizos,

doutra que xoga con bonecas,

das formigas con ás

-nos días de brétema-

das cuncas de caldo,

das zocas que facía o padriño.

 

     Fixerono fenomenal,non si?

 

FENE LENDO MULLERES

Marzo, para a nosa escola, é sempre o mes da muller, un mes que queremos que se estenda a todos os días do ano en todos os lugares do mundo, como sinal de ter acadado esa igualdade á que temos dereito.  Por iso, o día oito, como cada un destes últimos anos, celebramos o Día Internacional da Muller, e participamos no acto de Fene Lendo Mulleres desenvolvido desde o Concello de Fene. Fomos á Casa da Cultura, á Biblioteca, a ler o poema Xan, de Rosalía de Castro, pertencente ao libro Follas Novas. Ademais de ler, puxemos música e cantamos con ela. Escollemos a Sofía Espiñeira, cantante mugardesa,  e tres cancións do seu disco Alá onde agroman as herbas, co que gañou o Certame de canción de autor en galego, do Concello de Teo. A nosa participación completámola lendo, entre todas as nenas e os nenos de quinto de Centieiras, un conto que vos aconsellamos: “A Cincenta que non quería comer perdices”, de Nunila López Salamero e  Myriam Cameros Sierra.

 

E despois, merenda para todo o mundo e  agasallos para o cole!! E un diploma!!!

 

 

                                 

                                

                                

                                  

 

                                             

CONTAMOS

Contamos” no Día de Rosalía.

 

            Para celebrar con nós o Día de Rosalía, e contarnos moitas historias do seu pobo mariñeiro, de Porto do Son, estivo en Centieiras Ánxela Franco, deputada provincial responsable da área de Educación, Benestar e Igualdade de Xénero. Recibírona  no colexio o noso alcalde, Juventino Trigo, e a concelleira de Educación, Amalia García. Nós aproveitamos para ensinarlle uns debuxos moi fermosos (ela díxonos que lle gustaban moito) que fixemos sobre unha estrofa dun poema de Rosalía. Debuxamos en todas as clases, así que xuntamos máis de duascentas obras de arte. Estamos tan orgullosas e orgullosos delas que vos convidamos a vilas ver cando queirades!

            A Ánxela regalámoslle o cadro que pintaron os nenos e as nenas de quinto de infantil, e ela convidounos a ir a Porto do Son, para ver Baroña,  os petróglifos, as lagoas...

 

CONTAMOS

Programa “Contamos”

 

            Tivemos xa a segunda sesión de “Contamos”.

 

            O martes, 26 de xaneiro, estivo na nosa biblioteca Amalia García, concelleira de Cultura e Ensino do concello de Fene, acompañada por Ángeles Coira e María Permuy, directivas da ANPA do colexio. Amalia contounos un conto de animais e explicounos que lle gusta moito ler, aínda que pola súa profesión, non pode ler tanto como querería, e por riba está rodeada de libros, porque tén unha profesión preciosa: é libreira!

 

            Si, si. Tamén lle pintamos un cadro para que o levase. Era de chuvia e paraugas, porque estes días estivemos a xogar e a aprender coa chuvia! Gustoulle moito!

 

Contamos 2

 

 

Enlace:http://www.fenecidadan.net/actualidade/nova.php?id=3672&lg=gal

CONTAMOS

Programa “Contamos”

 

                        O ano 2016 tróuxonos a primeira sesión, neste curso, do Programa “Contamos”. O venres, día 22 de xaneiro, estiveron con nós o alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a inspectora da nosa zona educativa, Elena Urtiaga. Reunímonos na biblioteca do colexio as alumnas e alumnos de educación infantil e primeiro de primaria e, alí, Elena contounos un conto moi moi fermoso, que xa lles tiña contado na casa aos seus fillos, e que sabía que a nós nos ía gustar moito: “Unha manchea de bicos”.

           

            Si, si, neste programa queremos que nos veñan visitar, para coñecernos todas aquelas persoas importantes para nós que teñan algo que desexen contarnos: un conto, unha historia, un poema… Aquilo que esas persoas sintan próximo e querido, como tamén nós queremos sentilas a ellas: próximas e queridas, por coñecérmolas e por formaren parte da nosa comunidade escolar.

 

            Sabemos que Elena e Juventino pasárono ben con nós, que lles gustaron os nosos regalos (un cadro para cada un, feitos polo alumnado da aula de cinco anos), e sabemos que volverán visitarnos, porque nolo prometeron.

Xa vos contaremos!

 

contamos 1

 

Enlace:http://www.ferrol360.es/o-ceip-centieiras-de-fene-acolle-a-primeira-sesion-do-programa-contamos/

Distribuir contido