Blogues

RECOMENDACIÓNS PARA O VERÁN

Despois dun curso moi completo, precisamos unhas boas vacacións nas que aprendamos dun xeito diferente ao da escola.

Deixámosvos aquí as recomendacións das mestras de 2º... E non vos esquezades de ver os Xogos Olímpicos de París!!!

A ABELLIÑA QUE PERDEU AS ÁS

Neste curso, o alumnado de 2º tiña unha sesión cada 15 días na aula de tecnoloxías da escola. Alí aprenderon a facer proxectos de robótica, gravaron cousiñas na radio e incluso experimentaron coa ciencia.

No terceiro trimestre, dentro do proxecto de ciencias sobre as abellas, elaboraron unha curtametraxe baseada nun conto da biblioteca: A abelliña que perdeu as ás.

Para iso, gravaron os audios na radio, debuxaron os personaxes, crearon os decorados e despois, cunha paciencia infinita comezaron a gravación coa técnica stop-motion, que consiste en facer moitas fotos movendo moi pouquiño a escea ata conseguir que pareza que se move.

Foi unha aprendizaxe moi interesante e aquí podedes comprobar os resultados. Premede na foto para ver a película!!!

AS OLIMPÍADAS DE PAPIRUS

Ao longo deste curso, todo o alumnado de primaria aprendeu cousas sobre os Xogos Olímpicos:

-Lemos o conto "Mi primer libro sobre los Juegos Olímpicos"

- Fixemos un mural coa conta atrás para a inauguración das Olimpíadas...

- Investigamos en mapas os lugares máis representativos por onde pasaba o facho olímpico...

- Coñecemos as mascotas desta edición e dalgunhas das anteriores...

- Investigamos os clubes deportivos de Bueu...

Todo o que aprendemos durante este curso, quedou reflectido na actuación final do 19 de xuño no salón de actos do IES Johan Carballeira, onde demostramos que somos uns expertos e expertas olímpicos.

 

DÍA DA LINGUA DE SIGNOS 2024

O 13 de xuño celébrase o Día Internacional da Lingua de Signos. Con tal motivo a nosa intérprete Rosa gravou este vídeo co alumnado co centro. Grazas tamén á mestra de música Elsa, por deixarnos empregar a súa canción PRESENTIMENTO. 

 

 

O tempo en Bueu!

Todos sabemos que a chuvia é auga que cae das nubes en forma de pingas, mais o que non todos sabemos, é que na nosa lingua temos 100 palabras para designar a choiva.

Isto vai depender de se falamos de chuvia feble (barruñeira, barruzo, borralla, breca, chuvisca...), chuvia forte (chaparrada, chuvascada, chuvasco, chuvieira, cifra...) ou de termos relacionados coa chuvia que representan momentos; como sucede cando remata de chover (amizar, delampar, escambrar, escampar,...).

Sóache "chove a cairos"? É cando se produce un chuvasco intermitente e adóitase utilizar moito no Morrazo!

Nestas fotos podedes observar ao alumnado de 6º recollendo os datos da caseta meteorolóxica e anotándoos para pasalos despois ao mural de Meteoescolas do Bibliocastelo.

Tercero trimestre

No terceiro trimestre seguimos cos Contacontos na biblio, traballos no laboratorio, proxectos de Ciencias, gravacións en radio, saídas pola contorna, facer Tatoos para o Art for change, xogar en Ghallufadas...

Unha das cousas que máis nos gustos foi continuar a recibir visitas dos familiares! Grazas pai de Alberto, pai de Paula, irmán de Carmela, avó de Carmen, pai de Dani...

E nas excursións... que pasada a visita a Cíes co premio que gañamos!

CONTACONTOS

Onte o avó de Aldán e o seu mono viñeron a visitarnos para un contacontos. Relataron historias que lle pasaron á súa antepasada : Natalia a mataogros, que tamén foi a mata tiburóns. Relatos incribles de tempos pasados.

Mil gracias pola visita, foi un placer recibilo e escoitalo!

ENCONTRO CON CIENTÍFICOS

O último día do mes de maio e para rematar o proxecto sobre as abellas que o alumnado de 2º de primaria traballou neste curso gozou, na biblioteca da escola, da visita de dous científicos do departamento de Ciencias da Vida e Ecoloxía da universidade de Alcalá de Henares, José Manuel Fernández Pereira e Salvador Rebollo de la Torre.

Compartiron co alumnado o proxecto de investigación no que están a traballar. Contáronlle que levan estudando dende hai anos como a ave rapaz “abejero europeo” actúa como depredadora dos panais das avespas asiáticas.

Salva e Jose expresáronse cunha linguaxe moi cercana, didáctica  e motivadora xa que souberon manter a atención e a curiosidade do alumnado durante moito tempo. Ademais, viñeron cheos de materiais que empregan nas saídas ao campo para amosarllos ao alumnado: cámaras, traxes, chips e mesmo un niño xigante de velutina e un bufo trampa.

Tamén, insistiron no importantísimo que é para a ciencia a realización do traballo en equipo e de que este estea formado por persoas de xénero diferente.

Ao terminar a charla, os nenos e nenas manifestaron as súas opinións expresando que aprenderan moitas cousas e que estivera moi interesante. Tanto é así, que algúns dicían que de grandes ían ser científicos.

A modo de conclusión, comentar que unha nena resumiu o encontro con Jose e Salva deste xeito: “Os científicos sempre se están facendo preguntas e se responden con outra pregunta”

 

Moitas grazas equipo por compartir con noso alumnado o voso proxecto!

Aquí queda algunha foto da xornada.

 

 

 

 

EXCURSIÓN DE FIN DE CURSO: AVENTURA DAKART E ACUARIO DO GROVE

O mellor día do curso, fíxose realidade o 28 de maio, cando o alumnado de terceiro e cuarto fomos de excursión  a Aventura  Dakart en Sanxenxo e ao Acurio do Grove.

No vídeo  seguinte tedes un resumo de imaxes e momentos para que poidades comprobar o ben que o pasamos.

 Sen dúbida repetiremos!

LIBRO HOMENAXE ÁS MULLERES DEPORTISTAS

Neste libro, elaborado con todo o amor do mundo, quixemos unir o proxecto interdiscipinair deste curso "As Olimpíadas de Papirus" e ademais poñer en valor o deporte realizado por mulleres.

Tratamos de incluír principañmente deportistas galegas pero tamén engadimos mulleres de outras comunidades de España. Hai moita variedade de disciplinas e tivemos moi conta o deporte adaptado

Esperamos que gocedes coñecéndoas tanto coma nós.

 

Distribuir contido