Centros que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2009/2010. Resolución provisional

Xa foi publicada no Portal Educativo a resolución provisional da quinta convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares, para o curso 2009/2010. Ata agora coñécese a relación inicial de centros que se incorporan a este programa. A resolución definitiva, que será publicada no DOG, incluirá todos os centros integrados no programa para o vindeiro curso, unha vez coñecidas as baixas e as incorporacións definitivas.

Acceso á resolución provisional.

Guías de lectura para o verán 2009

Coma en anos anteriores, e contra vento e marea, os profesionais que traballan nas bibliotecas escolares e que, día a día, miran pola formación das nenas e nenos como lectores, prepararon coidadas seleccións de lecturas para o verán que xa se anuncia:

Xornada dos clubs de lectura-2009

Celebrouse como estaba previsto o pasado día 5, en Santiago de Compostela, a XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA - 2009, coa participación das profesoras e profesores que coordinan os clubs de lectura que están a funcionar nos centros de ensino secundario de Galicia. Esta actividade puídose seguir en directo a través desta páxina. Estarán dispoñibles os distintos relatorios no enlace seguinte (en canto se resolvan algúns contratempos de carácter técnico que se nos presentaron):

Clubs de lectura 08/09. Xustificación de gastos e memoria de actividades

Lémbrase aos centros que recibiron asignacións específicas para o funcionamento de clubs de lectura durante o curso 2008/2009, en función da Orde de Resolución de 30 de decembro de 2008, que o prazo límite para a presentación da xustificación de gastos e a memoria de actividades desenvolvidas durante o curso, remata o 10 de xullo de 2009.

Bibliotecas escolares galegas no anuario de Bibliotecas Españolas 2009

No contexto das XI Jornadas Españolas de Documentación, celebradas en Zaragoza e oraganizadas por FESABID, presentouse o Anuario  de bibliotecas españolas 2009, editado pola Fundación Alonso Quijano para el fomento de la lectura. A publicación recolle un artigo sobre as bibliotecas escolares galegas, referido ás principais actuacións neste ámbito no pasado ano 2008.

Xornada dos Clubs de Lectura - 2009

O vindeiro 5 de xuño está prevista a realización da Xornada dos Clubs de Lectura, en Santiago de Compostela. Asistirá o profesorado que coordina clubs de lectura en institutos e outros centros de réxime especial e que foron seleccionados na convocatoria de clubs de lectura para o curso 2008/2009, da (daquela) Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Máis información, en Ler en man común, blogue dos clubs de lectura en centros de ensino secundario de Galicia.

Letras Galegas 2009

Está o Día das Letras petando na porta e levan todo o ano as bibliotecas escolares traballando por mantelas vivas, as Letras. Por se esto fose pouco, tamén preparan recursos e materiais específicos para a conmemoración da efeméride, adicada este ano a Ramón Piñeiro.  

Convocatoria MEC: concurso nacional de boas prácticas na dinamización e innovación das bibliotecas escolares-2009

No BOE de hoxe, 13/05/09, sae publicada o resolución de 30 de abril de 2009, da Secretaría de Estado de Educación y Formación Profesional, pola que se convoca o concurso nacional de boas prácticas para a dinamización e innovación das bibliotecas dos centros escolares para o ano 2009.

Na base segunda lémbrase que se premiarán as actuacións que se inscriban nos seguintes ámbitos:

  • "La utilización de la biblioteca como recurso didáctico y de integración curricular por los diferentes departamentos, áreas o materias, a través de proyectos de trabajo aula-biblioteca.
  • El uso de la biblioteca como fuente de información, que favorezca el trabajo interdisciplinar mediante proyectos documentales complejos.
  • La educación documental y la formación de usuarios.
  • El desarrollo de un plan de lectura integrado en el Proyecto Educativo del centro y que implique a otros sectores de la comunidad educativa, abriendo la biblioteca escolar al entorno y estableciendo redes de colaboración con otras bibliotecas.
  • El uso de las tecnologías de la información y comunicación al servicio de la biblioteca esccolar (bibliotecas virtuales, acceso al catálogo, formación, etc.)"

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de xuño.

Día das Matemáticas e lecturas

O 12 de maio celébrase o Día das Matemáticas. Desde a Biblioteca do IES Auga la Laxe, achégannos unha interesante selección de títulos relacionados con esta materia.

A páxina da FESPM (Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas) inclúe, entre outros recursos, varias actividades específicas para este día, que son todos os do ano; entre elas, unha conferencia sobre a cidade e as matemáticas do profesor Jose María Sorando.

Caderno informativo 2008/2009

Coma os anos anteriores, pero esta vez en formato Pdf, edítase una caderniño informativo cunha relación dos centros integrados neste curso 2008/2009 no Plan de mellora de bibliotecas escolares, así como unha exhaustiva relación de recursos bibliográficos e electrónicos de interese para o profesorado dos equipos das bibliotecas escolares. Complétase o caderno con informacións referidas ao modelo de biblioteca escolar, os proxectos lectores de centro, o programa de fomento da lectura Hora de ler, etc.

Libros sobre libros

A responsable da biblioteca escolar do IES de Ames informa dunha exposición realizada no centro co gallo da celebración do Día do Libro. Acompaña a esta exposición unha guía de lectura: Libros sobre libros.

Por outra parte, no blogue do IES Fernando Esquío, de Neda, hai acceso a unha interesante exposición sobre a Historia do Libro, que tamén se pode visitar nestes días. Aquí, unhas fotografías da exposición que, con absoluta xenerosidade, a biblioteca oferta en préstamo a outros centros a través do seu blogue.

Noraboa aos equipos de ámbolos dous centros polas súas iniciativas.

@s rapaces como mediadores de lectura: as mochilas viaxeiras

Seguen as mochilas viaxeiras a súa andaina, da escola á casa, da casa á escola.... levando libros, revistas, vídeos ou discos para disfrute da familia, co fin de propiciar momentos de lectura compartida. Os resultados están a ser excelentes, segundo conta o profesorado que as pon en marcha. Pódese apreciar tamén nas caras dos rapaces e rapazas... e para exemplo, dúas entradas nos seus respectivos blogues:

  1. IES Lagoa de Antela, de Xinzo de Limia
  2. CEIP Belesar, de Baiona

Lémbrase que os centros que o desexen poden solicitar máis mochilas no enderezo electrónico da Asesoría de bibliotecas escolares, xustificando a súa petición brevemente.

E Darwin segue a dar moito que investigar

Chéganos outro recurso, ben coidado e ben interesante, para avanzar na educación documental e na competencia informacional do alumnado de ensino primario, a través da figura de Darwin. Apoiando as palabras dos seus creadores, "nestes tempos de creacionistas, deseñadores intelixentes e ensino trilingüe, reivindicar un espirito científico como o de Darwin é completamente necesario", felicitamos aos responsables da biblioteca do CEIP Conde de Fenosa, de O Barco de Valdeorras, por esta iniciativa, e a súa xenerosidade á hora de difundila e poñela a disposición de todo o profesorado.

Día Mundial do Libro - 2009

Andan xa a ferver as bibliotecas escolares con actividades arredor do Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor, data apoiada pola UNESCO e que serve para dar visibilidade aos libros e á lectura. 

Gloria Sánchez, poeta e ensinante, fíxonos un agasallo-poema para as Bibliotecas Escolares de Galicia, coa fin de conmemorar este día. Aproveitamos para lembrar tamén ao poeta Ramiro Fonte, a través duns versos seus sobre o libro. Reunimos a estes dous poetas galegos neste Versos a moreas... que sempre é tempo para a lírica, e ás veces, resulta imprescindible.  

Proxecto interdisciplinar en 1º da ESO

A biblioteca escolar constitúe o centro de recursos imprescindible para o desenvolvemento dunha materia pensada para mellorar a competencia informacional do alumnado: PROXECTO INTERDISCIPLINAR (1º ESO). No IES Alexandre Bóveda, de Vigo, están a traballar neste curso un proxecto denominadao Todos somos romanos, e publican un blogue no que se pode seguir o desenvolvemento das súas actividades. Un bo exemplo de aproveitamento desta nova materia dos currículos-LOE en Galicia, unha das dúas comunidades autónomas (a outra é Cataluña) nas que se recoñece cun tempo específico(aínda que mínimo) a necesidade de educar nas habilidades de uso e tratamento da información.

Encontros dos centros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2008/2009

Os vindeiros 16 e 17 de abril, en Santiago de Compostela (Escola Galega de Administración Püblica, EGAP), terán lugar os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2008/2009, nos que se reunirán integrantes dos equipos de biblioteca daqueles centros que están incluídos neste programa da Consellería de Educación no actual curso 2008/2009.

Esta actividade de formación está pensada como un espazo de encontro entre o profesorado responsable destas bibliotecas escolares, con tempos para a reflexión conxunta e o intercambio de experiencias e materiais sobre os aspectos básicos relacionados coa xestión, dinamización e visibilización destes imprescindibles recursos educativos. As achegas de expertos como Glòria Durban, Ana Bernal, Felipe Zayas, Concha Costas, César Iglesias, Encarnación López Chicano, Juana Vázquez ou Emilio Pascual, axudarán con toda seguridade aos profesionais das bibliotecas escolares a avanzar na súa formación, o que garante apoios decisivos para a mellora da calidade do ensino que se imparte nos centros.  PROGRAMA

Premios Irmandade do Libro 2009

A Federación de Libreiros de Galicia fixo entrega, na noite do sábado 28 de marzo, dos premios Irmandade do Libro 2009, destinados a poñer en valor o libro galego e recoñecer a persoas e institucións que traballan pola difusión do libro e a lectura. Resultaron galardonados, no apartado de centros de ensino, tres centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares. Recibiu o primeiro premio o IES Eduardo Blanco Amor, de Ourense, e resultaron finalistas o CEIP San Martiño , de Pontevedra, e o CEIP Quintela, de Moaña. Noraboa aos tres centros e ás súas comunidades educativas, moi especialmente ao profesorado que traballa incansablemente por facer da biblioteca escolar un espazo de convivencia e aprendizaxe, un espazo educativo e cidadán de primeiro orde.

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil

Un ano máis chéganos o cartel conmemorativo do Día Internacional do Libro Infantil que, por encargo do IBBY, vai percorrendo o panorama da ilustración dos diversos países nos que está presente esta organización, a través das súas seccións. OEPLI, a nivel estatal e GALIX a nivel de Galicia, difunden a MENSAXE e a IMAXE para este día, imaxe e texto que nesta ocasión veñen de Exipto, da man do ilustrador Hani D. El-Masri.

Como xa é coñecido, a elección do día 2 de abril pretende lembrar a figura de Hans Christian Andersen coincidindo coa efeméride do seu nacemento, e difundir a mellor literatura infantil e xuvenil que se pode poñer ao alcance dos novos lectores.

Guía de lectura para nais e pais de adolescentes

 

A Biblioteca escolar do IES Fernando Esquío, de Neda (A Coruña), en colaboración do Departamento de Orientación do centro, editan unha  guía de lecturas, Especial Guía Familias. Interesante material que recolle títulos destinados ás nais e pais de adolescentes. Inclúen "conceptos básicos para ser pais de adolescentes" e "mensaxes clave" que orientan o labor educativo con mozos e mozas destas idades.

Parabéns por esta iniciativa que vén a exemplificar a apertura da biblioteca  a toda a comunidade educativa, non só co ofrecemento de espazos e recursos, tamén con orientacións e propostas especificamente destinadas ás familias.

Itinerarios lectores no IES de Fene

Coa colaboración do equipo docente, a Biblioteca escolar do IES de Fene, no contexto do desenvolvemento do proxecto lector de centro e do seu amplo programa de actuacións,  está a publicar uns "itinerarios lectores", seleccións de títulos por materias, de coidada factura e gran interese. Están dispoñibles na Rede, a través do blog desta biblioteca escolar, O Segrel do Penedo, na sección "documentos a compartir".

Títulos imprescindibles para unha colección de calidade - Infantil e Primaria

De entre os titulos de literatura infantil e xuvenil editados no 2007 e 2008, profesorado con ampla experiencia no trato con libros e pequen@s lectores,  fixo unha selección (a petición da Asesoría de bibliotecas escolares) dos que poderían considerarse imprescindibles.  Velaquí esta Selección de libros imprescindibles para infantil e primaria (fición)

E para manter actualizada a sección de materiais informativos (ou de consulta, coñecemento...) estoutra selección de títulos axeitados ao alumnado destas idades: Imprescindibles-Informativos para ensino infantil e primario. (Neste caso, o campo "idade" debe entenderse como "a partir de", é dicir, textos que xa poderían ser consultados, sequera parcialmente ou con axuda,  por lectores a partir de "3-6 anos", por exemplo.)

 

8 de marzo a través de actividades ALFIN

Achégase un novo 8 de marzo necesario. Os centros educativos están xa a traballar na temática propia desta data: presencia da muller na sociedade, valores de igualdade, coeducación, xustiza social... Os equipos das bibliotecas escolares galegas, contextualizando, ofertan actividades de educación documental/ALFIN de gran interese. Obxectos de aprendizaxe que aúnan a formación de alumnas e alumnos en tanto que seres sociais, e a súa educación en habilidades de acceso, uso e produción de información.

Máis Darwin

Seguen os centros a ofertar actividades de educación  no uso da información asociadas á figura de Charles Darwin, quen pola súa biografía e pola súa obra "dá moito xogo". Desde o IES Ribeira do Louro, de Porriño, remítennos este "xogo" de busca documental. Agradecemos esta información e a xenerosidade de poñer estes materiais a disposición de toda a comunidade "bibliotequera".

E no IES de Sanxenxo, no contexto do Plan anual de lectura 08/09, o Departamento de Ciencias da Natureza elaborou este boletín especial Darwin.

Guias para axudantes da biblioteca

Unha das fórmulas para integrar ao alumnado na xestión e dinamización da biblioteca escolar, avanzando así  na súa formación en tanto que usuarios da biblioteca, e favorecendo a súa participación, é a de  formar equipos de colaboradores. Cómpre que este alumnado reciba unha formación básica e, despois, actuará baixo a dirección do profesorado da biblioteca escolar. Pero a súa colaboración non se debe desdeñar e os resultados respecto da implicación deste alumnado nas actividades de busca de información ou de animación á lectura son o suficientemente interesantes como para telos en conta. Velaquí exemplos de guías para axudantes da biblioteca, que poden resultar de interese para fomentar esta participación e garantir enha eficacia mínima.

ALFIN en tempos de Entroido

Xa está iniciado o ciclo do Entroido e xa as bibliotecas escolares, en colaboración cos equipos de normalización lingüística andan a programar actividades relacionadas coa tradición destas datas. É tempo tamén para investigar e aprender a usar a información. Con esa finalidade, desde o CEIP Mestres Goldar, de Vigo, achégannos esta "caza do tesouro" para saber algo máis sobre o entroido. Esta actividade está pensada para 3º ciclo de Primaria e 1º ciclo de ESO. Incorporan ademais un exercicio de "autoavaliación"

E desde o CEIP de VIDE, en As Neves (Pontevedra), unha escola unitaria integrada no Plan de mellora de bibliotecas escolares, dan a coñecer esta guía de recursos sobre o entroido, especialmente destinado ao alumnado de educación infantil e ás súas familias.