Achégase un novo 8 de marzo necesario. Os centros educativos están xa a traballar na temática propia desta data: presencia da muller na sociedade, valores de igualdade, coeducación, xustiza social... Os equipos das bibliotecas escolares galegas, contextualizando, ofertan actividades de educación documental/ALFIN de gran interese. Obxectos de aprendizaxe que aúnan a formación de alumnas e alumnos en tanto que seres sociais, e a súa educación en habilidades de acceso, uso e produción de información.
ALFIN
8 de marzo a través de actividades ALFIN
ALFIN en tempos de Entroido
Xa está iniciado o ciclo do Entroido e xa as bibliotecas escolares, en colaboración cos equipos de normalización lingüística andan a programar actividades relacionadas coa tradición destas datas. É tempo tamén para investigar e aprender a usar a información. Con esa finalidade, desde o CEIP Mestres Goldar, de Vigo, achégannos esta "caza do tesouro" para saber algo máis sobre o entroido. Esta actividade está pensada para 3º ciclo de Primaria e 1º ciclo de ESO. Incorporan ademais un exercicio de "autoavaliación"
E desde o CEIP de VIDE, en As Neves (Pontevedra), unha escola unitaria integrada no Plan de mellora de bibliotecas escolares, dan a coñecer esta guía de recursos sobre o entroido, especialmente destinado ao alumnado de educación infantil e ás súas familias.
Ano Darwin
Neste ano 2009 vaise falar moito de Charles Darwin nas bibliotecas escolares galegas. Xa son moitas as que están desenvolvendo actividades arredor da súa obra. A modo de exemplo, o IES As Mariñas de Betanzos, xa ten varias entradas no seu blogue animando a coñecer a vida e a obra de Darwin, a través de libros e outros materiais presentes na biblioteca e na Rede. Tamén invitan a xogar nun "pasapalabra evolucionista" ben interesante.
O IES Vilalonga, de Sanxenxo, pola súa parte, elaborou unha guía de lecturas recomendadas .
A Biblioteca Escolar Digital, da Fundación Germán Sánchez Ruipérez en colaboración con outras institucións, proponnos unha viaxe a través da obra deste naturalista, con actividades para Primaria, ESO e Bacharelato, nunha das súas "maletas del conocimiento"
II Seminario ALFIN: Biblioteca, aprendizaxe e cidadanía
Os días 22 e 23 de xaneiro celebrouse en Vilanova i la Geltrú (Barcelona) o II Seminario: Biblioteca, aprendizaje y ciudadanía. Prácticas y experiencias de alfabetización informacional, tres anos despois do I Seminario ALFIN, celebrado en Toledo, e que dera lugar á Declaración de Toledo sobre Alfabetización Informacional. Nesta ocasión, ademáis do Ministerio de Cultura, organizaba o Col-legi oficial de Bibliotecaris-Documentalistes de Catalunya e o Departament de Cultura i Mitjans de Comunicació de la Generalitat de Catalunya. Alí estiveron tamén as bibliotecas escolares galegas.
Nas conclusións do seminario podemos ler un apartado dedicado á articulación de ALFIN (alfabetización informacional) no contexto escolar:
ALFIN para a Paz. Biblioteca do CEIP Mestre Martínez Alonso
Desde a Biblioteca Escolar do CEIP Mestre Martínez Alonso (Mos, Pontevedra) achégannos unha proposta excelente para avanzar na educación documental do alumnado. Esta webquest: xaneiro, mes da paz, está pensada, segundo o equipo da biblioteca, para 2º/3º ciclo de primaria, pero nalgúns centros tamén a van empregar para 1º ciclo de ESO. Agradecemos a xenerosidade do profesorado que comparte este recurso co resto das bibliotecas escolares, nunha dinámica de traballo absolutamente contextualizada no tempo e na realidade máis brutal.
Recursos electrónicos na Rede
En datas recentes déronse a coñecer na Rede dous novos recursos electrónicos de grande interese para as bibliotecas escolares:
- A Biblioteca Escolar Digital, posta en marcha pola Fundación Germán Sánchez Ruiperez
- Europeana, a biblioteca multimedia en liña da Unión Europea.
Por outra parte, as bibliotecas escolares que estean integradas no Proxecto Meiga teñen ao seu alcance, grazas aos acordos entre as Consellerías de Educación e Cultura da Xunta de Galicia, diversos recursos electrónicos de acceso restrinxido. Para acceder a eles, só é necesario ingresar a través da páxina da Rede de Bibliotecas de Galicia, co número de lector da biblioteca escolar correspondente e nome ou apelidos do lector ou lectora como contraseña.
Neste mesmo portal do sistema bibliotecario galego existe un apartado de recursos electrónicos dispoñibles na Rede seleccionados, en función do seu interese informativo e pedagóxico, por un grupo formado por bibliotecari@s da rede de bibliotecas públicas e da rede de bibliotecas escolares de Galicia.
Novos materiais para educación documental. Actualización da páxina de Glória Durban
A profesora catalana Glòria Durban comunícanos que vén de actualizar a súa páxina persoal, bibliotecaescolar.info, referencia imprescindible para o traballo na biblioteca escolar e moi especialmente no ámbito da educación documental/ALFIN. Reproducimos a súa explicación:
- APIs de Blogue
Materiais para a educación documental - Ensino Secundario
Desde a biblioteca do IES Poeta Añón de Outes (A coruña) remítennos uns materiais para educacióndocumental de gran interese. Atendendo a un dos contidos do Alfabetización Informacional, o uso ético da información, sendo como son na súa meirande parte tradución e adaptación de materiais preexistentes, dispoñibles a través de internet, recoñécese a autoría orixinal cunha mención explícita. En calquera caso, son excelentes instrumentos para a formación do alumnado de ESO, bacharelato e ciclos formativos no uso e tratamento da información, e debe recoñecerse o traballo realizado e agradecer a posibilidade de difundilo e poñelo a disposición do resto de bibliotecas escolares a través desta páxina:
Educación documental
A educación documental comeza dende ben pequenos. No seguinte documento, elaborado pola Asesoría de bibliotecas escolares, recóllense algunhas cuestións para iniciar ao alumnado no uso de fontes documentais diversas.
- Educación documental (revisión abril 08)
Leo quere saber: educación documental para o ensino primario
Olga Rodríguez, responsable da biblioteca do CEIP Milladoiro de Malpica, achéganos uns materiais para a educación documental:
"Este ano comezamos a deseñar un programa de actividades novo para educación documental no 2º ciclo de Primaria. Trátase da serie de cadernos Leo quere saber...
De momento contamos con 11 caderniños das series Animais e Preguntas Temáticas. Temos no forno unha serie sobre plantas e árbores, e sobre o papel: o universo e os planetas, o corpo humano, inventos e inventores e medios de comunicación. Sempre adaptados a ese ciclo. Veredes que hai un orde de dificultade: comezamos con consultas nunha única fonte, seguimos con dúas e ó final incluímos 3: dúas en papel e a wikipedia.
Inclúo un par de cadernos como mostra. O resto podedes velos (collelos, cambialos, usalos......) no blog: materiais. educacion documental. Leo quere saber".
Alfabetización na era dixital
O blog TISCAR da profesora de xornalismo da Universidade Carlos III de Madrid, Tíscar Lara, é un exemplo de xenerosidade na difusión de información. Nesta ocasión, unha achega interesante sobre alfabetización na era dixital, que ben merece unha visita.
Declaración de Toledo sobre alfabetización informacional (ALFIN)
Profesionais da información e da educación do Estado español reuníronse en Toledo, en febreiro de 2006, convidados polo Ministerio de Cultura e a Consejería de Cultura de Castilla-La Mancha, nun seminario de traballo - Biblioteca, aprendizaxe e cidadanía: a alfabetización informacional -, co fin de analizar a aplicación do concepto e a situación dos programas de alfabetización informacional en España, así como para propoñer as liñas de actuac