O mércores 20 publicouse no BOE o real decreto polo que o uso de máscaras en interiores deixa de ser obrigatorio. Isto inclúe tamén o interior dos centros educativos, polo que a partir dese día o seu uso nas aulas e corredores do instituto será voluntario. Porén, recoméndase realizar un uso responsable da máscara entre a poboación vulnerable en calquera situación na que se teña contacto prolongado con persoas nunha distancia menor de 1,5 metros. Insistimos de forma especial en que aquelas persoas que dean positivo nun test de antíxenos, pero non teñan síntomas de ningún tipo e decidan realizar as súas actividades de forma normal, utilicen sempre a máscara e limiten ao máximo os seus contactos.
En caso de facer uso do transporte escolar as persoas de máis de seis anos de edade están obrigadas ao uso da máscara no interior do vehículo agás nos supostos recollidos na norma.
Moitas grazas pola vosa colaboración. A dirección
Dende o equipo de biblioteca e o club de lectura nos achegan estas estupendas seleccións de libros.
Durante esta semana estanse a organizar no centro diversas actividades de Orientación ao noso alumnado, con especial atención ao alumnado de 4º ESO e bacharelato. Trátase de que coñezan polo miúdo as diferentes opcións que se lles presentan o próximo ano académico. Ademáis de charlas especificas para cada nivel, o venres teremos dúas mesas redondas onde exalumnado do centro falará da súa experiencia nos estudos de Formación Profesional e Universitarios. E hoxe no ximnasio tivo lugar a "Feira das optativas", unha actividade na que o profesorado dos diferentes departamentos aclara as dúbidas do alumnado respecto das características, contidos e idoneidade das diferentes materias ofertadas como optativas. Houbo unha boa participación, esperamos que moitas das dúbidas quedaran aclaradas.
Atentos/as se vos gusta a escritura. Tedes a ocasión de mostrar o voso talento no II CONCURSO LITERARIO IES XULIÁN MAGARIÑOS. Se queredes participar tomade nota das bases de participación e lembrade que o prazo para presentarse remata o 21 de abril de 2022.
Estimadas familias:
Queremos informarvos dunha nova aplicación de préstamos de libros dixitais E-ELBE 2 que lanza a Consellería de Educación, que dará ao alumnado a oportunidade de ler en liña ou descargar temporalmente ata 3.000 títulos entre os que se atopan moitas lecturas obrigatoiras dos cursos. É ademais moi interesante porque da acceso a libros actuais en galego, castelán e inglés.
Nos próximos días explicaremos nos diferentes grupos como funciona. O alumnado precisa dun contrasinal que lles permitirá rexistrarse e que nos enviaron desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares. De todos os xeitos, tedes aquí a información precisa para que comecedes a coñecer a plataforma E-ELBE 2.
ACCESO Á BIBLIOTECA (sen contrasinal o único que poderedes facer polo de agora é consultar o catálogo)
INFORMACIÓN
Dentro da materia de programación (2º ESO ) os departamentos de Tecnoloxia e Matemáticas estamos a colaborar para deseñar unha serie de aplicacións informáticas que teñan utilidade na didáctica das matemáticas.
E aquí vos presentamos o primeiro traballo froto desta colaboración: un programa elaborado na plataforma Scratch, que pensamos axudará de forma lúdica a potenciar a capacidade de cálculo mental do alumnado. O cálculo mental é unha competencia clave na aprendizaxe das matemáticas. A práctica do cálculo mental mellora a capacidade de concentración, facilita a comprensión e sentido da magnitude e do número, proporciona versatilidade e rapidez no proceso de cálculo e axuda na reflexión para decidir e elixir.
O programa está aínda en desenvolvemento, e por tanto aberto ás vosas suxestións para melloralo e facelo máis completo e atractivo. Que esté feito en Scratch fai que o alumnado coñeza e comprenda o código e que poida modificalo ao seu gusto e adaptalo ás súas necesidades. Disfrutádeo.
Para a semana comeza a nosa participación no Programa escolar de consumo de froita e leite fresca. Durante toda a semana teremos reparto gratuito de froita nos recreos, cada día unha diferente para que ninguén se quede sen a súa froita favorita.
O programa é promovido pola Consellería de Medio Rural e o Fondo Galego de garantía Agraria (FOGGA) que aportan a financiación e a quenes agradecemos a súa iniciativa e o reparto está organizado polo profesorado e alumnado de FPB e do departamento de comercio.
Pedimos a axuda das familias para incidir na importancia da alimentación variada e equilibrada e evitar o consumo frecuente da bollería industrial, da que temos sobrada evidencia nos patios e xardín do centro cheos de rsiduos plásticos.
E NON ESQUEZADES TRAER AS PILAS USADAS AO INSTITUTO !!
Por outra banda lembramos que tamén estamos participando na recollida de pilas e baterías dentro do Programa Pilabot. Traede as pilas gastadas ao centro, onde serán recollidas e tratadas correctamente, evitando que contaminen o solo e as augas dos ríos e acuíferos.
O 30 de xaneiro todos os centros educativos lembramos a importancia de vivir nun mundo en paz. É un dereito, non só da infancia senón de todo ser humano.
Debemos aprender a evitar a violencia e a resolver os conflictos e diferencias de forma pacífica. Queremos agradecer ao grupo de igualdade do centro Equa e ao departamento de Orientación, a súa implicación nesta celebración.
Neste mes de xaneiro estamos a ter un interesante ciclo de charlas científicas e de orientación para o noso alumnado de bacharelato que abranguen temas tan interesantes como a elaboración dos manuscritos medievais, o tratamento e valorización das augas residuais, os principios de funcionamento e usos do laser, ou o impacto medioambiental da industria. Non deixamos de insistir en que un gran nicho do traballo no futuro está na reciclaxe, recuperación de materias primas, e reducción de impacto medioambiental. Tamén tivemos unha charla específica para alumnado de 2º de bacharelato sobre a realización das ABAU e orientación para a escolla dos seus estudos universitarios. Grazas a todos os poñentes, profesores e catedráticos da USC: Anuska Mosquera, Francisco J. Pena , Sandra Piñeiro, Raúl de la Fuente e Almudena Hospido.
Adxúntase o calendario de exames para recuperación de materias suspensas de cursos anteriores. Este calendario xa inclúe os días de exame da quenda de xaneiro e da quenda de abril posto que a distribución semanal é a mesma.
Premer na imaxe para ver o arquivo PDF en alta resolución