Skip to Content

Portal Educación Xunta

Distribuir contido
Actualizado: hace 22 horas 52 min

O Ministerio de Universidades volve cambiar as regras do xogo do seu plan de contratación de profesores impoñendo máis gastos ás comunidades autónomas

Mér, 29/05/2024 - 20:03

Summary: 

O secretario xeral de Universidades da Xunta participa na Comisión Delegada de Política Universitaria, onde se presentou o novo acordo, que non foi negociado

Increméntase a porcentaxe que deben asumir as comunidades autónomas durante seis anos e diminúe a que lle corresponde ao Ministerio

Ademais, o Goberno central só se compromete a aboar as prazas que lle corresponden durante catro meses, deixando no aire como se sufragarán ata 2030

Imponse que as convocatorias deberán estar resoltas no primeiro trimestre do ano que vén, cando ata o momento podían distribuírse en catro anos

Idioma Gallego

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, participou esta mañá na Comisión Delegada de Política Universitaria, na que o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades anunciou un novo cambio das regras de xogo no seu plan de contratación de profesorado.

En concreto, o Goberno central volveu modificar as porcentaxes que debe asumir cada parte á hora de financiar a contratación destes profesores, incrementando a correspondente ás comunidades autónomas, que deberán asumila durante seis anos, e diminuíndo a que vai asumir o Ministerio que, ademais, só se compromete formalmente á financiación das prazas que lle corresponden durante catro meses. Do mesmo xeito, imponse que as convocatorias deberán estar resoltas no primeiro trimestre do ano que vén, cando ata o momento podían distribuírse en catro anos.

O representante da Xunta de Galicia lamentou este novo xiro do Goberno central “cando as administracións autonómicas nos adheríramos xa ao acordo anterior, tamén imposto, e o abordáramos coas nosas universidades”. “O Goberno central volve incrementar tanto a porcentaxe do que teñen que pagar as autonomías como o número de prazas, máis de 500 máis en toda España, e volve facelo sen negocialo ca parte prexudicada”, explicou.

“A Xunta tiña acordado previamente coas universidades galegas que vai asumir a parte que lle corresponda para facer posible a contratación deste profesorado, pero o trato do Ministerio é unha falta de respecto institucional”, dixo o secretario xeral. “Ademais, a forma en que o fan parece querer contaxiar ás universidades e ás administracións autonómicas do caos normativo que caracteriza ao Goberno central”, explicou.

166 prazas en Galicia

No mes de abril impúxose ás comunidades autónomas un acordo no que o Ministerio financiaba o 66% das prazas durante seis anos e as administracións autonómicas o restante 33%. Porén, agora o Ministerio comprométese só á financiación do 60% das prazas que haberá que convocar e só durante catro meses, deixando no aire como se vai proceder ao pagamento desa porcentaxe ata 2030. Porén obriga ás comunidades a asinar un acordo no que as compromete a asumir o 40% das prazas ata 2030.

En termos prácticos, co acordo anterior a Galicia correspondíalle financiar a contratación de 50 profesores universitarios ata 2030. Co actual, esta cifra ascende a 66 docentes. Pola súa banda, o Ministerio comprométese a asumir a contratación de 101 profesores durante catro meses, só unha máis da que financiaba antes. A partir do 2025 non concreta en que porcentaxe asumirá ese gasto, se o fará, nin con cargo a que fondos.

A maiores, antes dábase a opción de que as universidades convocaran as prazas en diferentes convocatorias ao longo de catro anos, para o que incluso se chegou a modificar un artigo da nova Lei Orgánica do Sistema Universitario.  Sen embargo, o novo acordo impón que todas se publiquen antes de fin de 2024 e estean resoltas no primeiro trimestre de 2025. Isto supón un aceleramento nos prazos e unha presión engadida para as universidades.

Cómpre lembrar que este plan é xa un agravio ás universidades galegas, cuxos cadros de persoal están entre os máis estabilizados do Estado e que se vén menos beneficiadas por este acordo ca outras que non foron quen de manter unha boa política laboral interna.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

A nova dirección de Gain establece contacto con diferentes axentes do ecosistema galego de I+D+i

Mér, 29/05/2024 - 19:33

Summary: 

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, recibiu esta mañá a representantes da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) dependente da consellería de Sanidade e do Clúster TIC

Idioma Gallego

A nova directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, continúa a rolda de contactos con distintos representantes do ecosistema galego de I+D+i para coñecer as súas necesidades e establecer posibles canles de colaboración futuras.

En concreto, esta mañá recibiu ao xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa, para establecer un primeiro contacto co ente encargado da formación, investigación e innovación do sistema sanitario galego. O encontro serviu para identificar sinerxias e establecer posibles liñas de colaboración futuras. Ademais, o xerente de ACIS convidou á directora de Gain a coñecer os institutos de investigación sanitaria galegos.

Así mesmo, Cotelo reuniuse con representantes do Clúster TIC de Galicia: o seu presidente, Antonio Rodríguez del Corral; o vicepresidente para pemes, Santiago Paz, e Josefina Fernández, en representación da vicepresidencia para grandes empresas. No transcurso da xuntanza, os representantes do sector TIC expuxeron a súa actividade e   plans futuros e avaliáronse posibles accións conxuntas.

O venres tocaralle o turno á Real Academia Galega de Ciencias, unha institución que está baixo o protectorado da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

A Xunta colabora con Addiga nunha xornada sobre os retos de futuro no ensino

Mér, 29/05/2024 - 12:57
Idioma Gallego

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, participaron hoxe na inauguración da XIV Xornada Retos de futuro: Xestión Directiva dos Centros Educativos organizada pola Asociación de Directores e Directivos de Institutos de Galicia (Addiga) e coa que colabora a Xunta de Galicia.

Dirixida aos equipos directivos dos centros educativos, este encontro busca afondar nas ensinanzas de formación, na xestión económica e contratación, así como nos servizos de apoio e inspección para poder avanzar, entre todos os participantes, cara a mellora do funcionamento do sistema e os seus retos do futuro.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

A Xunta presenta cREAgal como unha nova oportunidade para empregar materiais dixitais como un valor engadido en prol dun ensino de calidade

Mar, 28/05/2024 - 17:05

Summary: 

Román Rodríguez participa na presentación desta nova iniciativa para impulsar o ensino híbrido con materiais adaptados aos currículos galegos, flexibles e inclusivos

Agradece a implicación dos máis de 100 docentes que desenvolveron os primeiros contidos, que se irán incrementando ata cubrir 5º e 6º de Primaria e toda a ESO

Galicia é a única comunidade na que estes recursos en aberto cobren integramente os currículos das materias impartidas e facilitan, ademais, a atención á diversidade

Os materiais poranse a disposición dos centros educativos para o seu uso voluntario e responden á mellora dos contidos dixitais solicitada pola comunidade escolar

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación do proxecto cREAgal, a nova iniciativa da Xunta para impulsar o ensino híbrido nas aulas a través de materiais dixitais adaptados aos currículos galegos, flexibles e inclusivos, que poderá a empregarse voluntariamente nas aulas dixitais de todos os centros galegos de Primaria e ESO a partir do vindeiro curso 2024/25.

O acto de presentación contou cunha breve contextualización do proxecto por parte da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e incluíu a presentación técnica de cREAgal a cargo dos asesores encargados da mesma. Así mesmo, os docentes coordinadores do grupo de traballo que elaborou os contidos relativos á materia de Tecnoloxía e Dixitalización de 1º de ESO amosaron como exemplo varios dos recursos que van estar dispoñibles ao abeiro desta iniciativa.

O titular do departamento educativo da Xunta fixo fincapé en que unha educación de calidade “non pode permanecer allea aos avances tecnolóxicos propios da nosa sociedade”. Neste sentido, explicou que o labor do ensino “é educar no uso das ferramentas tecnolóxicas para que se convertan en recursos ao servizo dunha educación de calidade, que facilite o desenvolvemento das competencias dixitais”, tal e como establecen a Unión Europea e as leis estatais.

“A Xunta leva anos traballando, no marco da Estratexia de Educación Dixital 2030, para que a dixitalización do ensino vaia moito máis aló da dotación tecnolóxica e supoña unha mellora da formación de alumnos e docentes, a través de iniciativas como os Polos Creativos, o E-Dixgal ou o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMbach”, dixo. “O proxecto cREAgal é unha nova oportunidade para empregar material dixital de alta calidade como valor engadido no entorno educativo”, destacou.  

Formación do profesorado

O conselleiro quixo agradecer o esforzo e o compromiso dos máis de 100 docentes participantes que deseñaron o proxecto e que axudarán na súa implementación. Lembrou, ademais, que o proxecto sumarase ao novo Plan de Formación en Ensino Dixital para o profesorado, parello ao procedemento que se está a desenvolver para certificar as competencias dixitais de docentes e alumnos, tarefa na que Galicia é a comunidade que máis está avanzando.

cREAgal é o proxecto a través do que a Xunta vai poñer a disposición de todas as aulas virtuais dos centros galegos recursos educativos gratuítos en aberto deseñados, baixo unha coordinación común, por máis dun centenar de docentes. Deste xeito, a iniciativa galega é a única na que estes recursos están directamente vencellados aos currículos e cobren todas as áreas e materias.

Todas as áreas e materias

Os materiais, que se poderán empregar a partir do vindeiro curso 2024/25, proporciónanse cunha licenza aberta, que permite a súa reutilización, modificación e adaptación ao contexto de cada aula, alumno e centro, o que os fai completamente universais e personalizables. Ademais, o proxecto incide na inclusión, de modo que todos os recursos son accesibles e pensados para adaptalos á atención á diversidade.

Os recursos que forman cREAgal non compoñen en si un temario, senón que se trata de situacións de aprendizaxe nas que se propón un reto que o alumno debe alcanzar a través do desenvolvemento dunhas actividades concretas. Cada un dos recursos vai acompañado dunha guía didáctica na que se detallan os elementos do currículo que se abordan, así como os criterios de avaliación das competencias que se traballan.

O proxecto supón un chanzo máis na calidade e a equidade do sistema, tanto pola súa aposta pola personalización e inclusión como polo impulso á aprendizaxe colaborativa do alumnado, con actividades grupais. Así mesmo, promove a autonomía persoal do alumnado e reforza a competencia de aprender a aprender, cun diario no que o alumno reflexiona acerca das dificultades atopadas, desenvolve a súa autonomía e saca conclusións útiles para seguir.

A Xunta comezou a traballar neste proxecto no curso 2022-23 co deseño das bases piloto dos recursos educativos en aberto. Ao longo do vindeiro curso 2024/25 estarán dispoñibles materiais para 5º e 6ª de Primaria, de 1º de ESO e de parte das materias de 2º curso desta mesma etapa. Os contidos iranse implementando paulatinamente ata 4º curso de ESO (xa que os dous últimos cursos de Primaria e a etapa de Secundaria é cando o alumnado galego comeza a empregar recursos didácticos dixitais con carácter xeral). Os materiais poranse a disposición dos centros educativos para o seu uso voluntario e responden á mellora dos contidos dixitais solicitada pola comunidade escolar.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

A Xunta e o CSIC en Galicia reafirman a súa vontade de colaboración no impulso á ciencia e o talento

Mar, 28/05/2024 - 15:04
Idioma Gallego

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Carmen Cotelo reuniuse esta mañá coa delegada en Galicia do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Carmen González. Nesta primeira toma de contacto entre a nova directora da Axencia e a delegada institucional da axencia estatal en Galicia, reafirmaron a súa vontade de continuar colaborando no impulso á ciencia excelente feita en Galicia e na promoción do talento no ámbito do ecosistema galego de I+D+i.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

O Colexio CEIP Noalla-Telleiro de Sanxenxo estreará no vindeiro curso unha aula destinada aos Polos Creativos

Mar, 28/05/2024 - 11:25

Summary: 

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, comproba o avance dos traballos da súa instalación

Idioma Gallego

O Colexio CEIP Noalla-Telleiro de Sanxenxo estreará unha aula destinada aos Polos Creativos no curso 2024/25. Así o confirmou hoxe o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, nunha visita ao centro para coñecer os avances desta actuación.

Tras o acondicionamento deste espazo, nos próximos días instalarase o equipamento dos Polos Creativos, co obxectivo de que ao longo do mes de xuño se poñan en funcionamento e, deste xeito, se poidan empregar a pleno rendemento o vindeiro curso. “Con esta nova instalación seguimos traballando en avanzar cara un modelo de infraestruturas educativas máis innovadoras para, así, consolidar Galicia como referente a nivel estatal na incorporación de tecnoloxías no noso sistema educativo público”, sinalou o representante da Consellería de Educación.

A obra consistiu no acondicionamento do espazo, coa instalación de estantes, cambio de xanelas, renovación do piso e a eliminación de tabiques, entre outras accións. Esta actuación adáptase ás características do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para modernizar os centros dando resposta ás necesidades do século XXI.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

A Xunta mellora o modelo galego de ensino híbrido coa nova plataforma cREAgal, que permitirá crear contidos interactivos de calidade e personalizados

Lun, 27/05/2024 - 18:17

Summary: 

Esta ferramenta foi deseñada por máis dun centenar de docentes e contribuirá a reforzar a atención á diversidade e o seguimento individualizado do alumno

A través dela, ofrécense recursos educativos innovadores gratuítos e en aberto, materiais que o profesorado poderá deseñar e adaptar ao seu uso na aula

Con este proxecto, enmarcado na Estratexia Educación Dixital 2030, a Consellería de Educación atende a unha demanda da comunidade educativa

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vai reforzar o modelo galego de ensino híbrido coa posta en marcha, a partir do vindeiro curso escolar 24-25, da plataforma cREAgal, unha ferramenta innovadora de acceso gratuíto e aberta ao conxunto dos centros escolares que incorpora propostas metodolóxicas e contidos curriculares que abranguen todas as áreas de coñecemento e dá resposta a unha demanda da comunidade educativa, pois se melloran deste xeito os contidos dos que dispoñen a diario para traballar en distintos niveis.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional elevou ao Consello da Xunta un informe sobre a entrada en funcionamento deste novo recurso que permitirá o desenvolvemento de contidos interactivos e personalizados para mellorar a atención á diversidade de necesidades na aula, o seguimento individualizado do alumnado e a orientación en base ás súas preferencias. Trátase, por tanto, de facilitar que o profesorado, a través desta nova ferramenta, poida desenvolver recursos de calidade que dean resposta ás necesidades específicas da súa aula e dos seus estudantes.

Deste xeito, a partir do vindeiro curso 2024-25, cREAgal ofrecerá recursos educativos en aberto, uns materiais que o profesorado poderá libremente adaptar á súa aula de acordo coas estratexias pedagóxicas e metodoloxías innovadoras que desenvolven. Os materiais que nutren a plataforma foron deseñados, baixo unha coordinación común, por máis dun centenar de docentes, que traballaron no último ano na preparación da plataforma.

Materiais vencellados aos currículos

Todos os recursos son gratuítos a través das aulas virtuais de cada centro; teñen un alcance global, xa que cobren integramente todos os currículos das áreas e materias desde 5º de Primaria ata 4º curso de ESO, e un enfoque universal, xa que poden utilizalo todos os centros. Ademais, cada recurso acompañarase dunha guía didáctica na que se se expón unha situación de aprendizaxe, o reto que o alumno debe alcanzar, o produto final que ten que desenvolver, así como os criterios de avaliación de competencias.

A Consellería comezou a traballar neste proxecto no curso 2022-23 co deseño das bases piloto dos recursos educativos en aberto, que xa este curso se foron perfilando para 5º de Primaria e que se irán implementando paulatinamente ata 4º curso de ESO (xa que os dous últimos cursos de Primaria e a etapa de Secundaria é cando o alumnado galego comeza a empregar recursos didácticos dixitais con carácter xeral).

Avanzar na calidade e equidade do ensino

Na súa utilización práctica, cREAgal vai favorecer avanzar un chanzo máis na calidade e a equidade do sistema, xa que a flexibilidade e adaptabilidade dos recursos didácticos que aporta fan que o proceso de ensino-aprendizaxe sexa máis efectivo e inclusivo. Ademais, promove a aprendizaxe colaborativa do alumnado, con actividades grupais, e reforza a competencia de aprender a aprender, cun diario no que o alumno reflexiona acerca das dificultades atopadas, desenvolve a súa autonomía e saca conclusións útiles para seguir.

O proxecto cREAgal enmárcase na Estratexia de Educación Dixital 2030, que ten entre as súas accións de impacto xerar un ecosistema dixital adecuado nos centros educativos e formar tanto a profesorado como a alumnado nestas novas competencias e tecnoloxías, para o cal é prioritario abordar a constante mellora dos contidos dixitais.

Así mesmo, con este novo recurso, Galicia avanza no cumprimento das normativas europeas e estatais de asegurar as competencias dixitais do alumnado e blindar a igualdade de oportunidades, facilitando igualmente o traballo dos seus docentes.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

A Xunta eleva a 665 os auxiliares estranxeiros no sistema educativo galego para o vindeiro curso, récord histórico do apoio á aprendizaxe de linguas

Lun, 27/05/2024 - 18:07

Summary: 

O Consello da Xunta dá luz verde ao convenio co Estado para a dotación de parte deste recurso, que se completa con acordos coa Comisión Fulbright, entre outros

O Goberno galego destina máis de 4,7M€ a esta liña de actuación no marco da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030

Idioma Gallego

Un total de 665 auxiliares de conversa nativos de países estranxeiros apoiarán a aprendizaxe de idiomas nos centros educativos galegos o vindeiro curso 2024/25. Así se desprende do informe analizado hoxe polo Consello da Xunta, coincidindo coa aprobación do acordo entre o Ministerio e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para a dotación de parte deste recurso humano, que se completará con acordos coa Comisión Fulbright, Hanban (entidade académica chinesa) e o Instituto Camões de Portugal, ademais da liña de axudas aos centros concertados.

Trátase dun récord histórico no número de persoas que colaboran no apoio á aprendizaxe do inglés, francés, portugués, alemán e chinés. Supón, en concreto, un incremento en 10 auxiliares respecto do actual curso. Desde o ano 2009, cando houbo 67 auxiliares, o número deste apoio tense multiplicado por 100.

O Goberno galego destina máis de 4,7M€ a esta liña de actuación, cun incremento de case 75.000€ respecto do ano académico 2023/24, no marco da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030.

Líderes en auxiliares de alto perfil académico

No caso da colaboración co Ministerio aprobada hoxe, serán en total 495 auxiliares (463 de lingua inglesa, 15 de lingua francesa, oito de lingua portuguesa, sete de lingua alemá e dous de chinés). O Goberno galego financia de xeito íntegro a estadía destas persoas en Galicia, ademais de asignalas aos diferentes centros plurilingües, con seccións bilingües ou escolas oficiais de idiomas. A maiores, Galicia contará con outros 39 auxiliares dos que lle corresponden do reparto que realiza anualmente o Ministerio.

A estes 534 auxiliares destes acordos engadiranse proximamente o resto dos auxiliares que se incorporarán ao sistema educativo galego a través das devanditas vías de colaboración con outras institucións, sumando un total de 665 auxiliares de conversa para o vindeiro curso.

Entre eles cómpre salientar os 40 auxiliares de conversa estadounidenses de alto perfil académico en inglés que chegan cada curso ao ensino galego a través da colaboración coa Comisión Fulbright. Neste caso a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP financia o 87% do convenio de colaboración.

De feito, Galicia é a comunidade autónoma que máis auxiliares de alto perfil académico recibe a través desta colaboración coa Comision Binacional España-Estados Unidos de América para o intercambio cultural, educativo e científico.

Aposta polas linguas estranxeiras

Esta liña de actuación está enmarcada na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030, que ten como obxectivo para os próximos anos consolidar os programas de éxito desenvolvidos na última década no impulso do plurilingüismo, en concreto na liña de impacto 5, centrada nas dinámicas de alta especialización de apoio lingüístico.

O modelo plurilingüe da Xunta, que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira, comezouse a aplicar no curso 2010/11 para as etapas de educación obrigatoria, isto é, de Primaria e ESO. Xa a partir do curso 17/18, a Consellería de Educación ampliouno ás etapas de Infantil, Bacharelato e Formación Profesional. No actual curso 2023/24 hai un total de 500 centros plurilingües.

Ao abeiro destas políticas o alumnado galego está á cabeza entre os de mellor nivel de inglés de España segundo o ranking internacional EF EPI, o único baseado en avaliacións do idioma realizadas por 2,1 millóns de persoas de 111 países.

Amplo grao de satisfacción

Os auxiliares de conversa son un elemento clave para acercar a realidade cultural e lingüística do seu país de orixe ao alumnado galego, ademais dunha figura cun éxito consolidado na nosa comunidade. Non en balde, o 99% das persoas coordinadoras dos centros participantes consideran moi positivo este apoio e o 50% das persoas auxiliares de conversa solicitan renovar un curso máis en Galicia.

As persoas auxiliares de conversa desenvolven a súa actividade maioritariamente en centros plurilingües, escolas oficiais de idiomas e centros educativos con seccións bilingües. Reciben unha axuda económica e realizarán actividades de apoio á docencia da lingua estranxeira no centro de destino, sempre supervisados por unha persoa profesora titora-coordinadora.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

A Xunta inxecta case 1,6 M€ no centro de investigación interdisciplinar en tecnoloxías ambientais, Cretus, tras incorporarse á rede de excelencia

Lun, 27/05/2024 - 15:21

Summary: 

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, visita este centro da Universidade de Santiago de Compostela centrado na concepción, desenvolvemento e avaliación de tecnoloxías ambientais sustentables

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vai inxectar preto de 1,6M€ no Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais, CRETUS, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), tras a súa incorporación á Rede de Investigación de Excelencia de Galicia, que aglutina os axentes investigadores máis punteiros que operan nas universidades galegas.

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, visitou esta mañá o centro para coñecer de primeira man as principais liñas de investigación que está liderando así como para dar a coñecer o apoio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a estes espazos co obxectivo de asegurar un financiamento estable da súa actividade científica ata o ano 2027.

Neste compromiso estratéxico para seguir promovendo a investigación científica de calidade como axente de desenvolvemento socioeconómico, a Xunta de Galicia vén de incrementar un 31%, ata acadar os 23,6M€, o orzamento destinado á Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia, a que incorpora cinco novos centros. Deles, dous son de máxima categoría, como é o caso do CRETUS, mentres que tres son da nova categoría de colaborativos, os que aspiran a entrar nos vindeiros anos e que tamén recibirán financiamento autonómico.

Este apoio consolida o modelo galego de investigación universitaria, que sitúa a Galicia entre as cinco mellores comunidades autónomas do Estado en apoio á actividade investigadora. Ademais, Galicia é a única Comunidade cun programa completo de formación investigadora, cubrindo as etapas predoutoral e posdoutoral, así como cun programa de retención de talento.

Combinación das diferentes áreas de ciencias

O Centro Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais, CRETUS, iniciou o seu funcionamento en 2015 como agrupación estratéxica coa ambición de promover un centro de investigación referente na concepción, desenvolvemento e avaliación de tecnoloxías ambientais sustentables.

Desde a súa orixe, o propósito de CRETUS foi combinar as capacidades de diferentes áreas de ciencias experimentais (ecoloxía, ecotoxicología, modelización, química analítica e química ambiental), ciencias sociais (dereito ambiental, psicoloxía social) e de enxeñería (biotecnoloxía ambiental, enxeñería ambiental, enxeñería de procesos) cunha visión holística, para abordar retos máis ambiciosos atendendo a un triplo enfoque: diagnóstico + tecnoloxía + impacto.

Actualmente conta con 99 investigadores que centran a súa actividade en oito áreas de desenvolvemento en I+D: remediación e usos sustentables do chan, tratamento e recuperación de augas, valorización de residuos, bioindicadores, integración de datos e modelado, monitorización fisicoquímica, procesos sustentables e impacto socioeconómico e ambiental.

A Universidade de Santiago, a que pertence o CRETUS, recibirá un financiamento total de máis de 12,7M€ para os cinco centros de investigación da Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia que acadaron a acreditación en excelencia nesta última convocatoria, o que supón un aumento do financiamento para a USC dun 17%.

Os centros da Universidade de Santiago pertencentes á Rede, ademais do CRETUS, son o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, CIMUS, que disporá dunha axuda de máis de 2,7M€; o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares, CIQUS, cunha achega de 3M€; o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, CITIUS, cunha axuda de máis de 2,4M€, e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, IFGAE, que recibirá case 3M€ por parte da Xunta.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

Convocado concurso de méritos específico entre persoal funcionario de carreira e en prácticas do corpo de mestres para cubrir, en comisión de servizos, postos de escolarización a alumnado de atención preferente (ED013B)

Lun, 27/05/2024 - 13:37
Idioma Gallego

Xúntase a Orde do 16 de maio de 2024 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se convoca concurso de méritos específico entre persoal funcionario de carreira e en prácticas do corpo de mestres para cubrir, en comisión de servizos, postos de escolarización a alumnado de atención preferente.

  • O prazo de presentación de solicitudes abranguerá desde o día 28 de maio ata o día 10 de xuño de 2024, ambos incluídos.
  • Neste mesmo prazo, as persoas interesadas poderán actualizar o seu expediente persoal no enderezo web www.edu.xunta.gal/datospersoais e presentar a dita solicitude por medios electrónicos no procedemento normalizado ED011A.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Non se admitirá ningunha solicitude que non se presente por medios electrónicos empregando o procedemento normalizado ED013B.

As persoas interesadas deberán cubrir a solicitude así como a folla de autobaremación que consta na sede electrónica no procedemento normalizado ED013B.

 

File: 

Orde do 16 de maio de 2024 (DOG)

Tema: 

Comisións de servizo

Ensinanza: 

Educación primaria

Departamento: 

Servizo de Profesorado de Educación Infantil e Primaria

Colectivo: 

Profesorado

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas Xunta

O martes remata o prazo para optar aos premios extraordinarios de Bacharelato que recoñecen a excelencia do alumnado

Dom, 26/05/2024 - 15:30

Summary: 

Os galardóns diríxense aos rapaces que rematan esta etapa neste curso 2023/24

A proba presencial realizarase o 19 de xuño

Idioma Gallego

A Xunta ten aberto ata este martes, 28 de maio, a convocatoria dos premios extraordinarios de Bacharelato para recoñecer o desempeño académico sobresaínte do alumnado que rematou esta etapa no curso 2023/24. Serán un total de 20 rapaces os que poderán obter estes galardóns, dotados con 1.000€ cada un e un diploma acreditativo.

Ademais de ter rematado o Bacharelato en Galicia neste curso e ser propostos para título na convocatoria ordinaria do mesmo, os aspirantes deben acreditar unha nota media igual ou superior a 8,75 puntos.

Para acadar o galardón deberan realizar, a maiores, unha proba presencial o vindeiro 19 de xuño, que está estruturada en dúas partes. A primeira delas consistirá nunha análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico, científico ou literario, e en responder cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na primeira Lingua Estranxeira II cursada polo alumnado como materia común do Bacharelato.

A segunda parte consistirá no desenvolvemento de temas, respostas a cuestións ou exercicios prácticos dunha materia de modalidade cursada polo alumnado a elixir entre Ciencias Xerais, Matemáticas II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II, Debuxo Artístico II, Análise Musical II e Artes Escénicas II.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 28 de maio. A presentación será, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible  no Portal Educativo e na sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

O responsable de comunicación dixital do Museo do Prado expón o martes no Gaiás o seu modelo de éxito en redes sociais

Dom, 26/05/2024 - 15:26

Summary: 

Javier Sainz de los Terreros é o responsable da quinta conferencia do Ciclo de Cultura Científica, que se desenvolve na Cidade da Cultura

Idioma Gallego

O responsable de comunicación dixital do Museo del Prado, Javier Sainz de los Terreros, exporá este martes 28 de maio o modelo de éxito das redes sociais deste centro museístico no Ciclo de Cultura Científica da Xunta.

Baixo o título Estratexias de comunicación dixital. As redes sociais do Museo do Prado, a conferencia de Sainz de los Terreros afonda na revolución que supuxeron dos medios sociais e dixitais na forma na que nos comunicamos e na fórmula aplicada na estratexia dixital do centro museístico: humanizar, honestidade e transparencia. Así mesmo, abordará a influencia na nosa vida diaria da tecnoloxía asociada, como os algoritmos, o uso dos datos e a intelixencia artificial.

Javier Sainz de los Terreros é licenciado en Humanidades e en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Navarra, e máster en Xestión e Políticas Culturais na City University de Londres. Leva máis de dez anos como responsable de comunicación dixital do Museo do Prado, responsabilidade na que desenvolve unha estratexia de vídeos en directo diarios a través de Instagram, para mostrar aspectos menos coñecidos da colección do centro, cun gran éxito de audiencia, que posteriormente estendeu a TikTok.

Recoñecementos a nivel mundial

Entre outros recoñecementos, conseguiu para a institución dous Webby Awards da International Academy of Dixital Arts & Sciences, galardón que celebra a excelencia na internet e en 2022 foi seleccionado na lista de top 50 Museum Influencers da revista internacional Blooloop. No mesmo ano, o museo recibiu o premio ForYouFest 2022 de TikTok na categoría contido educativo. Ademais, The New York Times recomenda a do Prado como unha das cinco contas de arte a seguir.

O relatorio poderá seguirse de forma presencia no auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, de 18,00 a 19,30 h., e tamén será retransmitida en streaming na canle de YouTube da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Calendario do ciclo

A segunda edición do Ciclo de Cultura Científica da Xunta, baixo o lema Tecnoloxía con sentidiño, vai chegando ao seu final, tras as conferencias de Héctor Ruíz Martin, Espido Freire, José César Perales e Juanjo Montiel. 

O 4 de xuño será a quenda de Francisco Bellas Bouza, investigador e especialista en intelixencia artificial do Centro de Investigación en TIC da Universidade da Coruña, quen abordará o impacto das novas tecnoloxías na sociedade con Educación na era da intelixencia artificial: vaiamos a modo.

A última conferencia desenvolverase o 11 de xuño, da man de Luis Sánchez Santos, profesional sanitario do Sergas. Achegará unha visión desde a pediatría e as Ciencias da saúde co relatorio Cruzando saúde infanto-xuvenil e tecnoloxía.

O ciclo está dirixido ao público en xeral, comunidade educativa e aos docentes. O profesorado asistente ao ciclo completo recibirá un certificado de 12 horas de formación do profesorado. Coas charlas configurarase un libro, cun artigo específico para cada unha delas. 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

Román Rodríguez anuncia que as oposicións do ensino se desenvolverán en 15 localidades de toda Galicia a partir do 22 de xuño

Sáb, 25/05/2024 - 13:33

Summary: 

Haberá 195 tribunais que supervisarán o correcto desenvolvemento do proceso, no que 21.230 persoas optan a 1.743 prazas, o 86% delas de novo ingreso

O conselleiro de Educación destaca a aposta da Xunta pola consolidación da estabilidade docente “na que Galicia é desde hai anos referente estatal”

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe que as oposicións do ensino se desenvolverán en 15 localidades de toda Galicia a partir do vindeiro 22 de xuño. Fíxoo nunha visita ao Centro Autonómico de Innovación e Formación, “o corazón do sistema de mellora e actualización das competencias docentes, a casa de todos os profesores galegos, que o vai ser tamén de todos os que se incorporen o vindeiro curso ao sistema educativo tras superar as oposicións que imos celebrar”, dixo o conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez.

Román Rodríguez explicou que o seu departamento ten xa case lista toda a intendencia para organizar estas probas, nas que van participar 21.230 persoas, “que se examinarán non só nas capitais de provincia, senón tamén en vilas cabeceira de comarca como Ribeira, Lalín, O Carballiño ou Vilagarcía de Arousa”, puntualizou.

“Estamos a falar dunha enorme loxística que supón mobilizar 975 persoas para formar parte dos 195 tribunais que xulgarán o procedemento selectivo, un total de 2.730 persoas se contamos tamén os tribunais suplentes”, detallou o conselleiro. “En definitiva, un complexo operativo para garantir o óptimo funcionamento dun proceso de oposicións no que os aspirantes optan a 1.743 prazas”, engadiu.

O conselleiro quixo poñer en valor a aposta da Xunta “por consolidar a estabilidade do piar do sistema educativo público, os docentes galegos, na que en Galicia xa somos desde hai anos un referente estatal”. Neste sentido lembrou que o 86% das prazas son de novo ingreso e as restantes permiten ao profesorado avanzar na súa carreira docente.

Reparto por especialidades e zonas

Os exames desenvolveranse en 15 localidades das catro provincias galegas, en concreto na Coruña, Ames, Culleredo, Ferrol, Santiago de Compostela, Ribeira, Lugo, Castro de Rei, Ourense, O Carballiño, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

O maior número de tribunais estará nas probas das especialidades do corpo de profesores de ensino secundario, un total de 102; mentres que para mestres haberá 76 tribunais, para profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional haberá sete, para profesores de escolas oficiais de idiomas cinco, para a acreditación do coñecemento de idioma (galego e castelán) catro tribunais e para inspectores de educación un tribunal. 

Por provincias, haberá 84 na da Coruña, 22 na de Lugo, 23 na de Ourense e 66 na de Pontevedra. A provincia con máis opositores é, en consonancia, a da Coruña, con 9.049 opositores, seguida da de Pontevedra, con 7.586. Na de Lugo están inscritos 2.231 opositores e na de Ourense 2.364. 

Máis de 18.500 prazas desde 2009

Unha vez pechados os datos de inscrición, serán un total de 21.230 as persoas que concorran ás oposicións convocadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades neste 2024. Das 1.743 prazas convocadas, un total de 1.512 son de novo ingreso. Delas, 520 son para o corpo de mestres, 875 para o de profesores de ensino secundario, 84 do novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP e 33 de escolas oficiais de idiomas.

As xeito, as 231 prazas restantes son para que funcionarios docentes poidan acceder ao corpo de profesores de ensino secundario (220) ou ao de inspectores de educación (11). Os datos das sedes poden consultarse no dossier que acompaña a esta información.

“O obxectivo deste proceso é consolidar a estabilidade do piar do sistema educativo público, os docentes galegos, na que en Galicia xa somos desde hai anos un referente estatal”, destacou o conselleiro. Neste sentido lembrou que Galicia é desde hai tempo a Comunidade coa interinidade docente máis baixa de España.

Estas oposicións ratifican o apoio do Goberno galego á estabilidade docente. Non en balde, con este novo proceso elévanse a máis de 18.500 as prazas convocadas desde 2009 no ensino público, o que supón unha importante renovación do cadro de persoal docente.

File: 

Dossier Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta


by Dr. Radut