O martes remata o prazo para optar aos premios extraordinarios de Bacharelato que recoñecen a excelencia do alumnado

Os galardóns diríxense aos rapaces que rematan esta etapa neste curso 2023/24

A proba presencial realizarase o 19 de xuño

Dom, 26/05/2024 - 15:30
b

A Xunta ten aberto ata este martes, 28 de maio, a convocatoria dos premios extraordinarios de Bacharelato para recoñecer o desempeño académico sobresaínte do alumnado que rematou esta etapa no curso 2023/24. Serán un total de 20 rapaces os que poderán obter estes galardóns, dotados con 1.000€ cada un e un diploma acreditativo.

Ademais de ter rematado o Bacharelato en Galicia neste curso e ser propostos para título na convocatoria ordinaria do mesmo, os aspirantes deben acreditar unha nota media igual ou superior a 8,75 puntos.

Para acadar o galardón deberan realizar, a maiores, unha proba presencial o vindeiro 19 de xuño, que está estruturada en dúas partes. A primeira delas consistirá nunha análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico, científico ou literario, e en responder cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na primeira Lingua Estranxeira II cursada polo alumnado como materia común do Bacharelato.

A segunda parte consistirá no desenvolvemento de temas, respostas a cuestións ou exercicios prácticos dunha materia de modalidade cursada polo alumnado a elixir entre Ciencias Xerais, Matemáticas II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II, Debuxo Artístico II, Análise Musical II e Artes Escénicas II.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 28 de maio. A presentación será, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible  no Portal Educativo e na sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.