Román Rodríguez anuncia que as oposicións do ensino se desenvolverán en 15 localidades de toda Galicia a partir do 22 de xuño

Haberá 195 tribunais que supervisarán o correcto desenvolvemento do proceso, no que 21.230 persoas optan a 1.743 prazas, o 86% delas de novo ingreso

O conselleiro de Educación destaca a aposta da Xunta pola consolidación da estabilidade docente “na que Galicia é desde hai anos referente estatal”

Sáb, 25/05/2024 - 13:33
o

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe que as oposicións do ensino se desenvolverán en 15 localidades de toda Galicia a partir do vindeiro 22 de xuño. Fíxoo nunha visita ao Centro Autonómico de Innovación e Formación, “o corazón do sistema de mellora e actualización das competencias docentes, a casa de todos os profesores galegos, que o vai ser tamén de todos os que se incorporen o vindeiro curso ao sistema educativo tras superar as oposicións que imos celebrar”, dixo o conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez.

Román Rodríguez explicou que o seu departamento ten xa case lista toda a intendencia para organizar estas probas, nas que van participar 21.230 persoas, “que se examinarán non só nas capitais de provincia, senón tamén en vilas cabeceira de comarca como Ribeira, Lalín, O Carballiño ou Vilagarcía de Arousa”, puntualizou.

“Estamos a falar dunha enorme loxística que supón mobilizar 975 persoas para formar parte dos 195 tribunais que xulgarán o procedemento selectivo, un total de 2.730 persoas se contamos tamén os tribunais suplentes”, detallou o conselleiro. “En definitiva, un complexo operativo para garantir o óptimo funcionamento dun proceso de oposicións no que os aspirantes optan a 1.743 prazas”, engadiu.

O conselleiro quixo poñer en valor a aposta da Xunta “por consolidar a estabilidade do piar do sistema educativo público, os docentes galegos, na que en Galicia xa somos desde hai anos un referente estatal”. Neste sentido lembrou que o 86% das prazas son de novo ingreso e as restantes permiten ao profesorado avanzar na súa carreira docente.

Reparto por especialidades e zonas

Os exames desenvolveranse en 15 localidades das catro provincias galegas, en concreto na Coruña, Ames, Culleredo, Ferrol, Santiago de Compostela, Ribeira, Lugo, Castro de Rei, Ourense, O Carballiño, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

O maior número de tribunais estará nas probas das especialidades do corpo de profesores de ensino secundario, un total de 102; mentres que para mestres haberá 76 tribunais, para profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional haberá sete, para profesores de escolas oficiais de idiomas cinco, para a acreditación do coñecemento de idioma (galego e castelán) catro tribunais e para inspectores de educación un tribunal. 

Por provincias, haberá 84 na da Coruña, 22 na de Lugo, 23 na de Ourense e 66 na de Pontevedra. A provincia con máis opositores é, en consonancia, a da Coruña, con 9.049 opositores, seguida da de Pontevedra, con 7.586. Na de Lugo están inscritos 2.231 opositores e na de Ourense 2.364. 

Máis de 18.500 prazas desde 2009

Unha vez pechados os datos de inscrición, serán un total de 21.230 as persoas que concorran ás oposicións convocadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades neste 2024. Das 1.743 prazas convocadas, un total de 1.512 son de novo ingreso. Delas, 520 son para o corpo de mestres, 875 para o de profesores de ensino secundario, 84 do novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP e 33 de escolas oficiais de idiomas.

As xeito, as 231 prazas restantes son para que funcionarios docentes poidan acceder ao corpo de profesores de ensino secundario (220) ou ao de inspectores de educación (11). Os datos das sedes poden consultarse no dossier que acompaña a esta información.

“O obxectivo deste proceso é consolidar a estabilidade do piar do sistema educativo público, os docentes galegos, na que en Galicia xa somos desde hai anos un referente estatal”, destacou o conselleiro. Neste sentido lembrou que Galicia é desde hai tempo a Comunidade coa interinidade docente máis baixa de España.

Estas oposicións ratifican o apoio do Goberno galego á estabilidade docente. Non en balde, con este novo proceso elévanse a máis de 18.500 as prazas convocadas desde 2009 no ensino público, o que supón unha importante renovación do cadro de persoal docente.