Skip to Content

Portal Educación Xunta

Distribuir contido
Actualizado: hace 19 horas 13 min

Convocatoria do programa Educación Responsable para o curso 2024/25

Mér, 12/06/2024 - 13:54
Idioma Gallego

Resolución do 12 de xuño de 2024 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se convoca a selección de centros docentes públicos de educación infantil, primaria, secundaria, educación especial e ciclos de formación profesional dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para incorporarse ao programa Educación Responsable: programa para o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade, para o curso 2024/25. 

File: 

Resolución do 12 de xuño de 2024 Anexos

Tema: 

Programas e plans

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral

Departamento: 

Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Subdirección Xeral de Inclusión e Innovación Educativa Servizo de Inclusión, Orientación e Convivencia

Colectivo: 

Profesorado Centros

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas Xunta

Resolución provisional da Comisión designada no procedemento de integración do profesorado do corpo, para extinguir, de profesores técnicos de formación profesional no corpo de profesores de ensino secundario

Mér, 12/06/2024 - 10:51
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 11 de xuño da Comisión designada no procedemento para que o profesorado do corpo, para extinguir, de profesores técnicos de formación profesional se integre no corpo de profesores de ensino secundario (código de procedemento ED021A) pola que se declara deserta e publica a relación daquelas que se exclúen provisionalmente do proceso de integración no corpo de profesores de ensino secundario convocado mediante a Orde do 17 de xaneiro de 2023.

O persoal interesado, que figura no anexo da citada resolución, poderá presentar reclamación obrigatoriamente por medios electrónicos, mediante o trámite "alegacións" integrado no procedemento ED021A, no prazo comprendido entre o día 13 ata o 26 de xuño de 2024, ambos incluídos.

Non se admitirán as alegacións que non sexan presentadas a través do procedemento indicado no parágrafo anterior.

 

Anuncio principal: 

Resolución provisional da Comisión designada no procedemento de integración do profesorado do corpo, para extinguir, de profesores técnicos de FP no corpo de PES convocado mediante a Orde do 17 de xaneiro de 2023

Tema: 

Oposicións

Ensinanza: 

Educación secundaria obrigatoria Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Recursos Humanos Servizo de Profesorado de Ensinanzas Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime Especial

Colectivo: 

Profesorado
Categorías: Novas Xunta

Orde do 11 de xuño de 2024 pola que se actualiza a oferta de formación profesional do sistema educativo en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso académico 2024-2025

Mér, 12/06/2024 - 09:07
Idioma Gallego

Xúntase a Orde do 11 de xuño de 2024 pola que se actualiza a oferta de formación profesional do sistema educativo en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso académico 2024-2025.

 

File: 

Resolución do 6 de xuño de 2024 (DOG) Orde do 11 de xuño de 2024

Tema: 

Escolarización

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

Colectivo: 

Profesorado Alumnado Familias Centros
Categorías: Novas Xunta

Publicación da relación provisional de solicitudes de comisións de servizos, en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral, admitidas e excluídas para o curso académico 2024/25

Mar, 11/06/2024 - 14:07
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 11 de xuño de 2024 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se aproba e se fai pública a relación provisional de solicitudes de comisións de servizos, en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral, admitidas e excluídas de conformidade coa Orde do 15 de abril de 2019, código de procedemento ED010A (DOG nº 82, do 30 de abril).

De conformidade co artigo 10 da Orde do 15 de abril de 2019, contra esta resolución provisional, as persoas interesadas poderán formular alegacións, no prazo comprendido entre o día 12 e o día 18 de xuño de 2024, ambos os dous incluídos, por medios electrónicos, mediante o trámite Alegacións activado no procedemento normalizado ED010A do seguinte xeito:

1.-Acceder á sede electrónica da Xunta de Galicia na seguinte ligazón https://sede.xunta.gal

2- Autenticarse co seu usuario e contrasinal de Chave 365 ou contrasinal se emprega certificado electrónico.

3.-Localizar o ÚLTIMO expediente presentado na sede correspondente á solicitude de comisión de servizos, en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral, (código de procedemento ED010A) e premer na opción de “Acción” para elixir o trámite “Alegacións”.

IMPORTANTE: NO CASO DE QUE POSÚA VARIAS SOLICITUDES PRESENTADAS NESTE PROCEDEMENTO, LEMBRE QUE DEBE ESCOLLER A ÚLTIMA SOLICITUDE PRESENTADA (CÓDIGO DE PROCEDEMENTO ED010A). Non se tramitarán as alegacións formuladas en solicitudes que non sexan á última presentada neste procedemento en sede electrónica.

4- Encher o formulario, anexar a documentación, se é o caso, e asinar e presentar electronicamente premendo no botón “Asinar e presentar”

A súa reclamación estará correctamente presentada cando poida descargarse tanto o trámite de alegacións asinado como o recibo de presentación desta.

 

Anuncio principal: 

Apertura do prazo de solicitude de comisión de servizo en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral para o curso académico 2024/25 (ED010A)

Servizo relacionado: 

CADP

Tema: 

Programas e plans Comisións de servizo

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial Educación de persoas adultas

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Recursos Humanos Servizo de Profesorado de Educación Infantil e Primaria Servizo de Profesorado de Ensinanzas Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime Especial

Colectivo: 

Profesorado
Categorías: Novas Xunta

O 85,5% do alumnado afirma non ter recibido nunca ou case nunca ameazas ou intimidación a través da rede

Mar, 11/06/2024 - 12:56

Summary: 

Tras avanzar onte os primeiros resultados no Consello da Xunta, o conselleiro de Educación dá conta no Consello Galego para a Convivencia Escolar da IV Enquisa de convivencia escolar e hábitos sociais

O cuestionario inclúe por primeira vez preguntas para coñecer hábitos sociais relacionados co uso das novas tecnoloxías ou roles de xénero

Máis da metade do alumnado de 5º e 6º de Primaria e máis do 90% do de ESO e ensinanzas postobrigatorias ten móbil propio

“É necesario poñer en valor o bo traballo feito pola comunidade educativa para que os centros sexan lugares seguros, inclusivos e libres de acoso”, di o conselleiro

Idioma Gallego

O 85,5% do alumnado participante na IV Enquisa de convivencia escolar e hábitos sociais realizada pola Xunta afirma non ter recibido nunca ou case nunca ameazas, intimidacións, insultos ou algo parecido a través da rede, ben sexa a través do móbil, ordenador ou outros dispositivos. Así o explicou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez que, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, deu conta hoxe dos resultados desta diagnose no Consello Galego para a Convivencia Escolar, despois de que no Consello da Xunta se avanzasen onte os primeiros datos.

“Estamos a falar do PISA da convivencia escolar, a maior enquisa nesta materia en Galicia,           coa participación de máis de 172.000 persoas, o procesamento de 43 millóns de datos e unha fiabilidade do 99%”, explicou o conselleiro, salientando que os resultados da enquisa veñen a constatar que a implicación do profesorado e as medidas postas en marcha pola Xunta a través da Estratexia galega de Convivencia Escolar están a funcionar e a repercutir nunha mellora no climas nas aulas. “Case o 90% dos enquisados consideran que os conflitos son pouco frecuentes e non representan un problema xeneralizado”, sinalou Román Rodríguez.

O titular do departamento educativo do Goberno galego recordou, ademais, que os resultados “indican que hai un aumento en xeral da percepción de que a convivencia mellorou nos últimos anos”. En todo caso subliñou que mentres exista “un só conflito, seguiremos traballando para que se solucione”. “Pero é necesario poñer en valor o bo traballo feito pola comunidade educativa para que os centros escolares sexan lugares seguros, inclusivos, libres de acoso e de estereotipos de xénero e nos que se practica a tolerancia cero fronte ás situacións de acoso de calquera tipo”, incidiu.

O cuestionario, realizado en 2023, incluíu por primeira vez preguntas para coñecer hábitos sociais relacionados co uso das novas tecnoloxías ou roles de xénero, entre outros aspectos, dado que as Tecnoloxías da Relación, Información e Comunicación (TRIC) están a gañar peso na sociedade como escenarios a onde se trasladan os conflitos.

Deste xeito, o 95,6% dos estudantes de 5º e 6º de Educación Primaria, o 82% dos de ESO e os 79,7% dos de ensinanzas postobrigatorias afirman que nunca ou case nunca recibiu condutas intimidatorias por estes medios. Pola súa parte, o 98,7% das familias afirma que os seus fillos nunca ou case nunca se sentiron ameazados, intimidados, insultados ou acosados a través de internet. Así mesmo, o 73,8% do profesorado manifesta que os conflitos relacionados co uso incorrecto dos dispositivos electrónicos ou da rede son feitos puntuais.

Hábitos na internet

Segundo se desprende das preguntas da enquisa dirixidas ás familias sobre o uso da tecnoloxía por parte dos seus fillos, o 83,3 % delas afirma que limita sempre ou case sempre o uso de dos dispositivos electrónicos e a conexión á rede dos seus descendentes, fronte ao 16,7% que afirma que non o fai nunca ou case nunca. O 68,9% das familias afirma que nunca ou case nunca permite a conexión a internet durante as horas de estudo e o 32,2 % das familias manifesta permitir a conexión a internet durante todo o día.

Con respecto ás respostas do alumnado, o 81% do alumnado de ensinanzas obrigatorias e o 90,9 % de postobrigatorias afirma que se conecta a internet varias veces á semana ou case todos os días. Menos do 2% manifesta que nunca se conecta. En canto ao número de horas que permanece na rede, manifestan pasar entre 1 e máis de 5 horas conectado á rede de luns a venres o 64,1 % dos estudantes de 5º e 6º de Educación Primaria, o 78% dos de ESO e o 77,6% dos de ensinanzas postobrigatorias. 

No que atinxe á posesión dun teléfono móbil propio, os datos achegados polo alumnado permiten concluír que o 78,2% do de ensinanzas obrigatorias (un 53,50% de alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e un 90,6% de ESO) ten un teléfono propio, así como o 92,5% do de postobrigatorias.

En canto ao uso de redes sociais, o 72,6% do alumnado de ensinanzas obrigatorias e un 83% do de postobrigatorias afirma usalas. Entre as redes sociais máis empregadas polo alumnado, TikTok é a máis utilizada entre o alumnado de ESO (51,6%) seguida de Instagram (44,8%). No caso das ensinanzas postobrigatorias as máis populares son YouTube (30,5%), Pinterest (29,1%) e Twitter (26,6%). No caso das ferramentas de mensaxería, a máis popular entre o alumnado é WhatsApp, seguida de Zoom e Meet.

A enquisa inclúe tamén preguntas sobre outros hábitos relacionados coas Tecnoloxías da Relación, Información e Comunicación, como o uso de videoxogos como actividade de entretemento no seu tempo de ocio. En base ás respostas analizadas, son unha opción de entretemento para o 80,8% do alumnado de 5º e 6 de Primaria, o 67,9% de ESO e o 56,8% de ensinanzas postobrigatorias. Na maioría dos casos xogan acompañados de amigos ou familiares.

O 91,3% do alumnado de ESO e o 87% do de ensinanzas postobrigatorias afirma que non participa en apostas en liña. Por outra banda, o 73,9% do alumnado de ensinanzas obrigatorias e o 59,3% afirma non ter entrado nunca ou case nunca en páxinas de contido pornográfico.

Sen estereotipos de xénero

Finalmente, súmase á enquisa unha batería de cuestións sobre roles de xénero e linguaxe inclusiva. Preguntado o alumnado sobre a súa opinión relacionada con quen debería realizar tarefas estereotipadas, un promedio do 85% do alumnado considera que homes e mulleres deben realizar por igual tarefas moi diversas, como pasarlle o ferro á roupa ou deseñar aplicacións informáticas. Pola súa banda, un 93 % das familias sostén que as devanditas tarefas tamén deben ser realizadas por igual.

Ante a posibilidade de asociar certas ocupacións ou traballos específicos baseándose en estereotipos de xénero, os datos máis significativos sinalan que aínda que o 53,7% do alumnado enquisado considera que a profesión de electricista a desempeñan por igual homes e mulleres, o 44,35% a asocia cos homes fronte a un 1,4 % que a asocia coas mulleres. Outras profesións tamén asociadas a un perfil masculino son a de taxista ou militar, mentres que se vinculan más coas mulleres as de modelo ou recepcionista.

No ámbito das familias, os estudantes perciben tamén igualdade de xeito maioritario. Así, o 64,3 % dos de ensinanzas obrigatorias e o 70,2% dos de postobrigatorias afirma que se ocupan dos seus estudos os homes e mulleres da familia por igual. En relación coas tarefas nas que adoita colaborar o alumnado na súa casa, a máis destacada é a de poñer ou recoller a mesa cun 87,7% seguida de facer as camas cun 81,40%. 

File: 

Informe da diagnose da convivencia e hábitos sociais Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

Román Rodríguez destaca o Centro de Investigación Mestrelab, un dos fitos da estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico da Xunta

Mar, 11/06/2024 - 12:55

Summary: 

O conselleiro de Ciencia destaca un investimento de máis de 4,2M€ do seu departamento neste espazo, que xerará 33 empregos altamente especializados

O obxectivo é facilitar a transferencia de coñecemento da ciencia á sociedade, un dos obxectivos do novo Plan de I+D+i que se vai comezar a deseñar

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá as obras do Centro de Investigación Mestrelab, en Santiago de Compostela, que conta cun investimento de máis de 4,2M€ por parte da Xunta. Este novo espazo é un dos principais fitos da Estratexia de Consolidación do sector Biotecnolóxico de Galicia 2021-2025, a folla de ruta do Goberno galego para avanzar no posicionamento de Galicia como rexión referente en biotecnoloxía.

Román Rodríguez destacou a aposta de Mestrelab pola xeración de emprego altamente especializado arredor do coñecemento. “Non en balde, este novo centro leva consigo a creación de 33 postos de traballo neste eido, a maioría deles investigadores, dos que xa están contratadas 12 persoas”, explicou. 

O Centro de Investigación Mestrelab, especializado en software científico, ten como obxectivo acelerar a investigación para o deseño de novas ferramentas dixitais de alto valor engadido para os sectores farmacéutico e biotecnolóxico, que permitirán acelerar o procesamento de grandes volumes de datos. Deste xeito, facilítase o labor dos científicos, de forma que se axilicen as partes máis rutineiras do seu traballo e se poidan acadar resultados máis rápido. 

En definitiva, como puido comprobar o conselleiro, este novo espazo nace para facilitar a transferencia de coñecemento da ciencia ás empresas e á sociedade, que é un dos obxectivos primordiais do novo Plan de I+D+i que a Xunta vai comezar a deseñar. 

Establecemento de sinerxías

O titular do departamento de Ciencia do Goberno galego destacou, así mesmo, a necesidade de establecer sinerxías e unir forzas entre todos os axentes do ecosistema de investigación de Galicia para acadar os mellores resultados.

De feito, a apertura deste centro de Mestrelab aproveita tamén a localización próxima ao Campus Vida da Universidades de Santiago, de tal modo que dentro del existan salas e espazos tecnolóxicamente habilitados para a prestación de servizos. 

Tecnoloxía galega en todo o mundo

Mestrelab naceu en 2004 como unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela.  A súa actividade céntrase no desenvolvemento e comercialización de software de procesado e análise de datos, e hoxe en día é a segunda empresa líder mundial no software de tratamento de datos de resonancia magnética nuclear. Desde 2018 forma parte da multinacional suíza Bruker Corporation, empresa líder mundial en espectrofotometría de resonancia magnética.

Con clientes en máis de 70 países nos cinco continentes, as ferramentas creadas en Mestrelab son empregadas por máis de 500 clientes industriais do sector químico e biotecnolóxico, entre eles 12 das 20 farmacéuticas máis potentes do mundo. Así mesmo, prové de licenzas dos seus produtos ás universidades máis prestixiosas do mundo, incluíndo o Massachusets Institute of Technology (MIT) e as universidades de Harvard, Oxford, Yale, Princeton ou Berkeley, entre outras.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

Publicación das datas, horas e lugares en que se fará a presentación das persoas opositoras e a primeira proba dos procesos selectivos no concurso-oposición de corpos docentes non universitarios (ED001A)

Mar, 11/06/2024 - 10:09
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 10 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se fan públicas as resolucións dos tribunais que xulgarán os procedementos selectivos de acceso ao corpo de inspectores de educación e ao corpo de profesores de ensino secundario e de ingreso ao corpo de profesores de ensino secundario, ao corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, ao corpo de mestres e ao corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional, e procedemento de adquisición de novas especialidades por parte do persoal funcionario de carreira dos corpos de profesores de ensino secundario, profesores de escolas oficiais de idiomas, profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional e mestres da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED001A) polas que se anuncian as datas, as horas e os lugares en que se fará a presentación das persoas aspirantes e a primeira proba.

 

Anuncio principal: 

Publicación da Orde do 31 de xaneiro de 2024 pola que se convocan procedementos selectivos de corpos de persoal docente non universitario (ED001A)

Servizo relacionado: 

Oposicións

Tema: 

Programas e plans Oposicións

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial

Departamento: 

Subdirección Xeral de Recursos Humanos Servizo de Profesorado de Ensinanzas Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime Especial

Colectivo: 

Profesorado
Categorías: Novas Xunta

Publicación da distribución entre os distintos tribunais das persoas aspirantes nos procesos selectivos no concurso-oposición para ingreso a corpos docentes non universitarios, convocados mediante a Orde do 31 de xaneiro de 2024

Mar, 11/06/2024 - 10:03
Idioma Gallego

Xúntase a Resolución do 10 de xuño de 2024 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se fai pública a distribución entre os distintos tribunais das persoas aspirantes definitivamente admitidas nos procedementos selectivos de acceso ao corpo de inspectores de educación e ao corpo de profesores de ensino secundario e de ingreso ao corpo de profesores de ensino secundario, ao corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas, ao corpo de mestres e ao corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional, e procedemento de adquisición de novas especialidades por parte do persoal funcionario de carreira dos corpos de profesores de ensino secundario, profesores de escolas oficiais de idiomas, profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional e mestres da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED001A).

 

Anuncio principal: 

Publicación da Orde do 31 de xaneiro de 2024 pola que se convocan procedementos selectivos de corpos de persoal docente non universitario (ED001A)

Servizo relacionado: 

Oposicións

Tema: 

Programas e plans Oposicións

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial

Departamento: 

Subdirección Xeral de Recursos Humanos Servizo de Profesorado de Ensinanzas Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime Especial

Colectivo: 

Profesorado
Categorías: Novas Xunta

A IV Enquisa de Convivencia Escolar constata unha mellora no clima nas aulas e case o 90% consideran que os conflitos son pouco frecuentes

Lun, 10/06/2024 - 18:41

Summary: 

Segundo o informe elevado ao Consello da Xunta, aumenta en todos os colectivos a percepción de que a convivencia mellora en comparación cos anos anteriores

Medra a porcentaxe de estudantes que afirma non ter padecido nin cometido condutas negativas, percepción compartida polas familias

Máis do 90% dos alumnos consideran que o seu é un centro inclusivo, onde todo o mundo é benvido, e a maioría da comunidade educativa amosa tolerancia cero coa discriminación e a desigualdade

Trátase do maior estudo que se fai en Galicia nesta materia e ten unha fiabilidade do 99%, co procesamento de 43 millóns de datos de máis de 172.000 enquisas

A Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025 ampliarase o vindeiro curso con medidas como o reforzo das escolas de nais e pais e un plan de coeducación

Idioma Gallego

O clima de convivencia nas aulas galegas segue mellorando. Así se reflicte no informe de resultados da IV Enquisa de Convivencia Escolar e Hábitos Sociais, elevado hoxe ao Consello da Xunta, segundo o que preto do 90% dos enquisados consideran que os conflitos son pouco frecuentes e non representan un problema xeneralizado. En xeral, obsérvase un aumento en todos os colectivos da percepción en relación coa mellora da convivencia escolar en comparación cos resultados de anos anteriores.

Trátase do maior estudo que se fai en Galicia nesta materia e ten unha fiabilidade do 99%. O cuestionario dirixiuse ao profesorado, alumnado a partir de 5º de Primaria ata Bacharelato e FP, persoal non docente e familias. Participaron 172.544 persoas e procesáronse 43 millóns de datos, o dobre da edición anterior, dado que se sumaron novos apartados. Ademais, por primeira vez incluíronse preguntas para coñecer hábitos sociais relacionados co uso das novas tecnoloxías, os roles de xénero ou vocacións, entre outros aspectos. Todos os detalles do informe de diagnose realizado a partir da enquisa presentaranse este martes no Consello Galego para a Convivencia Escolar.

No camiño cara a un sistema educativo cada vez máis inclusivo, a enquisa de diagnose da convivencia 2023 volve incluír un cuestionario pictográfico para facilitar a participación dos escolares que precisan asistencia. Ante a pregunta de como se sinte non centro, preto dun 90% deste alumnado manifesta sentirse feliz ou moi feliz.

Conflitos e espazos

Os principais conflitos de convivencia percibidos polo alumnado son non deixar dar clase (32,4%), faltar á clase sen causa xustificada (31,9%), agredir verbalmente (31%), chegar tarde á clase (29,2%), dicir mentiras sobre alguén (25,3%), poñer alcumes ou rirse doutro (24, 3%) e ameazar ou insultar (21,7%).

Entre os conflitos menos habituais están agredir fisicamente (12,4%), consumir drogas (alcohol, tabaco... 12,2%), entrar e saír da clase sen permiso (11,1%), roubar diñeiro ou material (10,7%), provocar, ridiculIzar ou insultar ao profesorado (9,32%), ameazar ou insultar usando as TIC (8,8%), acosar ou ciberacosar por ordenador ou móbil (7,7%), non cumprir as normas de convivencia do centro (3,6%) e observar actos vandálicos con danos no centro (2,3%).

En canto aos espazos e momentos onde se producen os conflitos, para o alumnado de ensinanzas obrigatorias o recreo é o momento no que máis se producen, mentres que os estudantes de maior idade consideran que os arredores do centro é o lugar onde tenden a xurdir con máis frecuencia.

Resolución pacífica

A resolución pacífica dos conflitos constitúe un factor de calidade na educación e un aspecto moi relevante na mellora da convivencia escolar e neste apartado cómpre destacar o papel do profesorado titor. Non en balde, a forma máis habitual de resolución de conflitos que adopta o alumnado é falando coa persoa titora individualmente (62,8%), seguida de falar entre todos (43,4%).

Pola súa banda, o 88,5% do profesorado consultado manifesta que adoita resolver os conflitos dialogando para intentar chegar a acordos ou tratando o conflito entre todos (76,5%). No caso das familias, máis dun 90% das familias consultadas afrontan a resolución de conflitos acudindo ao profesorado.

Menos condutas negativas

Ademais, medra a porcentaxe de alumnos que afirma non ter padecido condutas negativas, case un 73%, fronte ao 70% da enquisa anterior. A mellora do clima escolar dáse tanto nas ensinanzas postobrigatorias, cun 82,7% de rapaces que non sentiron este problema, fronte ao 75,9% de 2021, como nas ensinanzas obrigatorias, o 71,3%, fronte ao 68% de 2021.

Así mesmo, aumenta a porcentaxe de estudantes que declara non manter condutas negativas. Deste xeito, afirman non ter este patrón de comportamento o 85,3% dos alumnos (no 2021 foi máis do 80%). O 84,4% dos alumnos de ensinanzas obrigatorias di non cometer condutas contrarias á convivencia, fronte ao 83,6% da enquisa anterior; así como o 89,9% dos de ensinanzas postobrigatorias, seis puntos por riba do 75,9% rexistrado en 2021 para esta mesma pregunta da enquisa.

Os alumnos que declaran ter padecido estas condutas sinalan como as máis habituais que se riron deles (8,97%), que os insultaron (8,11%) ou que se difundiron rumores sobre eles (7,8%).

A maioría das familias consultadas, o 79%, afirman que os seus fillos non participaron en situacións que poidan afectar negativamente a outras persoas nin foron vítimas deses comportamentos.

Tolerancia cero

No que atinxe ás condutas do alumnado potencialmente positivas para a convivencia, máis do 80% respecta ao profesorado, atende ás explicacións, fai as tarefas encomendadas e cumpre as normas de convivencia, cunha mellora de arredor de cinco puntos na resposta a estas preguntas respecto da enquisa de 2021.

Ademais, os resultados da enquisa demostran que a galega é unha comunidade educativa moi sensibilizada e concienciada neste ámbito. De feito, máis do 90% do alumnado considera que todo o mundo é benvido no centro e unha maioría importante da comunidade educativa amosa tolerancia cero coa discriminación e a desigualdade.

Ao igual ca nas enquisas anteriores, unha gran porcentaxe de participantes manifestan un alto nivel de satisfacción co centro educativo ao que pertencen, ítem que mellorou sensiblemente respecto da enquisa anterior e que supón arredor do 90% entre o profesorado, o persoal de administración e servizos, as familias e o alumnado de 5º e 6º de Primaria. Tamén o 72,6% do alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria e o 77% do de ensinanzas postobrigatorias está satisfeito co seu centro.

Novas medidas

A enquisa enmárcase na Estratexia galega de convivencia escolar 2025, a folla de ruta para o desenvolvemento de accións globais que teñen como obxectivo que cada alumno, en cada centro e en todas as etapas educativas, sexa quen de desenvolver ao máximo posible as súas potencialidades nun clima de cooperación, respecto e tolerancia.

A estratexia inclúe o Plan integral contra o acoso e ciberacoso escolar, co obxectivo da tolerancia cero neste tipo de conductas. Desde a súa aprobación, a Xunta ten desenvolvido diferentes medidas, como a limitación dos móbiles nas aulas, a instalación no 100% dos centros educativos dun punto laranxa para denunciar anonimamente posibles situacións e a formación dos Equipos de actuación contra o acoso escolar constituídos en cada centro.

Ademais, trabállase de xeito coordinado coa Consellería de Sanidade para apoiar ás vítimas, cun proceso de deriva prioritaria aos servizos de saúde mental, tanto para a diagnose como para a intervención terapéutica e en campañas de sensibilización, deseñadas para chegar especialmente á mocidade.

A maiores, a Consellería de Educación vai seguir desenvolvendo a estratexia con novas medidas, como o reforzo das escolas de nais e pais, a través do impulso de actividades de formación referidas ao uso responsable das TIC e ao ensino dixital.

Así mesmo, estase a traballar na elaboración dun plan de coeducación para afondar no tratamento da sensibilización, da prevención, da detección precoz e da intervención ante a violencia contra as mulleres, favorecendo a eliminación de estereotipos e da fenda de xénero na formación. Así mesmo, melloraranse os sistemas de resposta educativa ante a diversidade afectivo- sexual e de identidade de xénero.

Un cuestionario anónimo

Na IV Enquisa de Convivencia Escolar os cuestionarios tiveron diferentes versións en función do colectivo da comunidade educativa ao que vai dirixido e da etapa educativa do alumnado. Así mesmo, no marco da aposta pola inclusión, incluíuse un cuestionario pictográfico para facilitar a participación de todo o alumnado.

As preguntas foron sinxelas e directas, deseñadas para a súa resposta en liña a través dunha ferramenta informática que permitiu a recollida de datos de xeito automatizado e totalmente anónimo. Para manter a súa fiabilidade, validez, consistencia interna e a trazabilidade dos resultados, conservouse o groso das preguntas da primeira e segunda edición. Por primeira vez este ano incorpórase un bloque específico de preguntas do ámbito da igualdade, outro relacionado coas tecnoloxías da relación, a información e a comunicación, e un terceiro sobre orientación vocacional.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

Román Rodríguez aplaude o “sacrificio, dedicación e motivación” do alumnado da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo

Lun, 10/06/2024 - 18:40

Summary: 

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP participa na graduación dun total de 276 estudantes de sete graos e tres másteres desta escola

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, participou esta tarde na graduación do alumnado da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, onde felicitou aos graduados “por ter chegado ata aquí e, sobre todo, pola dedicación, sacrificio e motivación dedicada a estes estudos”.

O titular do departamento educativo do Goberno galego quixo recordarlle aos mozos e mozas que estes anos “foron un traballo de equipo, por suposto voso, pero tamén dos vosos docentes e das vosas familias”. “Porque a comunidade educativa é a nosa fortaleza”, salientou Román Rodríguez, quen os animou a mirar cara o futuro con “ilusión e a iniciar un novo camiño onde aplicar todo o aprendido”. “Galicia precisa da vosa excelencia e da vosa dedicación para seguir sendo un referente, de xente decidida, capacitada, enérxica e con vontade de mellorar as cousas para liderar o seu presente e o seu futuro”, afirmou o conselleiro. “Os vosos triunfos serán tamén os nosos”, rematou.

No acto de hoxe recibiron o diploma un total de 276 estudantes de sete graos e tres másteres. Xunto ás titulacións do ámbito industrial (graos en enxeñarías Eléctrica, en Electrónica e Automática, Mecánica, en Organización Industrial, en Química Industrial e en Tecnoloxías Industriais, así como o Máster en Enxeñaría Industrial), graduouse a terceira promoción do Grao en Enxeñaría Biomédica e a primeira do Máster en Enxeñaría Biomédica, ademais da primeira promoción do Máster en Fabricación Aditiva.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

A Xunta achega máis de 1,5M€ para consolidar o vínculo con Galicia de seis investigadores excelentes recoñecidos polo Consello Europeo de Investigación

Lun, 10/06/2024 - 18:29

Summary: 

Destina unha axuda complementaria á concedida pola entidade europea para financiar investigacións desenvolvidas nas universidades de Santiago e A Coruña

O Goberno galego leva investidos máis de 22,6M€ en apoiar a participación dos investigadores da comunidade nos programas ERC, un dos máis prestixiosos

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia vai achegar ás universidades de Santiago de Compostela (USC) e da Coruña (UDC) 1.555.000€ para financiar os traballos liderados por seis investigadores excelentes, cuxo traballo está recoñecido polo Consello Europeo de Investigación (ERC). O obxectivo desta axuda, aprobada polo Consello da Xunta e que é complementaria ás concedidas pola entidade europea para os programas Consolidator Grants e Starting Grants, é consolidar o vínculo destes científicos co Sistema Universitario de Galicia.

Cómpre salientar, ademais, que cinco das seis persoas á fronte dos proxectos financiados están contratados pola Xunta ou co apoio da Xunta. De feito, catro son investigadores distinguidos contratados a través do programa Oportunius e outro forma parte do programa Ramón y Cajal, cuxa contratación complementa tamén o Goberno galego.

O número de axudas do Consello Europeo de Investigación é un dos máis prezados indicadores de excelencia científica de países e rexións e pon de relevancia o talento e o liderado internacional do seu persoal científico. Con 31 investigadores beneficiarios, Galicia é a sexta comunidade autónoma con maior volume de proxectos ERC e a segunda con maior taxa de éxito, é dicir, con maior porcentaxe de propostas efectivamente presentadas en relación ás financiadas.

O Goberno galego leva investidos máis de 22,6M€ en apoiar a participación dos investigadores da comunidade nos programas ERC. Por unha banda, desde 2012 asináronse varios convenios coas tres universidades públicas para achegar axudas complementarias para consolidar o vínculo destes investigadores en Galicia, cun importe total que con este novo acordo se eleva máis de 8,8M€.

A maiores, a través do programa Oportunius apóiase a todos os gañadores das ERC, aos finalistas, así como as propostas avaliadas e os participantes talleres formativos. Isto supuxo un investimento total de máis de 13,8M€ a 2023, desde a posta en marcha en 2014 da iniciativa.

Ámbitos das investigacións financiadas

As universidades destinarán as axudas aprobadas neste Consello a financiar as actividades referidas aos proxectos a cargo destes investigadores, catro deles coordinados pola USC e outros dous pola UDC. No caso da Universidade de Santiago, apóiase o proxecto ProtonMBR, liderado pola Consolidator Grants Yolanda Prezado, que contribuíu á concepción dunha nova técnica de radioterapia, con mini-faces de protóns. Continúa investigando para reducir as toxicidades e desentrañar dianas moleculares chave para mellorar o índice terapéutico da radioterapia.

Así mesmo, finánciase PollutedPast, liderado pola Consolidator Grants Olalla López-Costas, que explora a conexión entre o ser humano e o ambiente no pasado, en concreto para coñecer o impacto dos metais na vida e saúde das persoas en épocas anteriores.

No que atinxe aos investigadores Starting Grants, o proxecto dirixido por Diego Robledo, FishTRIM, investiga a evolución e a función das proteínas TRIM en varias especies de peixes, co obxectivo de entender a súa relevancia biolóxica; mentres que o capitaneado por Manuel Souto, ELECTROCOFS, ten como obxectivo deseñar novos eléctrodos redox-activos para o seu uso en baterías recargables.

Os dous proxectos coordinados pola Universidade da Coruña teñen á fronte investigadores Consolidator Grants. O liderado por Daniel Nieto, HOT-BIOPRINTING, céntrase na biofabricación e bioimpresión 3D de tecidos e órganos artificiais que repliquen fielmente os tecidos e órganos humanos. Pola súa banda, Jaime Martín Pérez traballa con PARACRYST para desvelar a estrutura dos polímeros semicondutores. Alcanzar este coñecemento posibilitará grandes avances no campo da electrónica orgánica para desenvolver células solares orgánicas máis estables e eficientes.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

A Xunta amplía a oferta do Instituto Plurilingüe de Valga, que contará con dous novos títulos de alta especialización de FP

Lun, 10/06/2024 - 16:38

Summary: 

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, confírmalle ao alcalde que a partir de setembro tamén operará o novo ciclo de Dual Intensiva de Xardinaría e floraría

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia amplía a oferta formativa no Instituto IES Plurilingüe de Valga coa incorporación de dous novos títulos de alta especialización e outro de FP Dual Intensiva, que suman un total de 66 novas prazas no seu conxunto. Así llo trasladou a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, ao alcalde da localidade, José María Bello, durante unha xuntanza de traballo mantida hoxe para analizar distintas cuestións neste eido.

Así pois, a partir de setembro, o Instituto de Valga impartirá, como novidade, os títulos de alta especialización de Mantemento electrómecánico e oferta parcial de mecanizado, e do de Mecatrínica industrial e oferta parcial de Automatización e robótica industrial, con 22 prazas cada un deles. Estes títulos, exclusivos de Galicia, son formacións configuradas ad hoc para atender demandas específicas das empresas.

A maiores, o vindeiro curso, tamén se suma á oferta xeral para este concello o ciclo Dual Intensivo de grao medio de Xardinaría e floraría, con outras 22 prazas.

Trátase, en palabras da representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, dunha oferta “moi axeitada á zona de Valga e á súa área de influencia” que dá resposta a demanda empresarial deste concello, onde están instaladas empresas punteiras tanto no ámbito do mecanizado como do xardinaría.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

O Ciclo de Cultura Científica da Xunta conclúe mañá coa conferencia do pediatra Luis Sánchez sobre o impacto da tecnoloxía na saúde infanto-xuvenil

Lun, 10/06/2024 - 16:29

Summary: 

O experto ofrecerá na Cidade da Cultura unha visión científica sobre o uso das novas tecnoloxías en idades temperás

Idioma Gallego

A segunda edición do Ciclo de Cultura Científica da Xunta, co lema Tecnoloxía con sentidiño, rematará mañá coa conferencia do pediatra en Atención Primaria Luis Sánchez sobre o impacto da tecnoloxía na saúde infanto-xuvenil. Como todas as charlas, poderá seguirse de forma presencial no auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, de 18,00 a 19,30 h., e tamén será retransmitida en streaming na canle de YouTube da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Baixo o título Cruzando saúde infanto-xuvenil e tecnoloxía, a cita achegarase dun xeito científico ao uso das novas tecnoloxías en idades temperás. Poranse sobre a mesa preguntas arredor da influencia que teñen estes recursos no crecemento e desenvolvemento de cativada e mocidade, así como o seu uso no entorno formativo, o que pode ofrecer múltiples oportunidades e ser ao mesmo tempo fonte de inquedanzas. O obxectivo é axudar a docentes, estudantes e familias a coñecer esta realidade e as implicacións que as novas tecnoloxías teñen nos máis mozos.

Luis Sánchez é pediatra de Atención Primaria formado na Universidade de Santiago e especializado en Pediatría no antigo Hospital Xeral de Galicia. Formou parte de diferentes sociedades científicas con responsabilidades directivas, desde a Sociedade Europea de Pediatría como presidente ata a Asociación Española de Pediatría da que é actualmente membro do Comité Executivo. Ademais, é un dos representantes dos pediatras españois na Academia Europea de Pediatría e director da Fundación Hipocrática do Colexio de Médicos da Coruña.

Sete expertos en ‘Tecnoloxía con sentidiño’

O sanitario é o encargado de concluír o II Ciclo de Cultura Científica, tras as conferencias de Héctor Ruíz Martin, Espido Freire, José César Perales, Juanjo Montiel, Javier Sainz de los Terreros e Francisco Bellas. Todos eles trataron, coas súas charlas, de ofrecer certezas e contribuír a unha reflexión seria, documentada e baseada en investigacións.

O ciclo, que comezou en marzo, está dirixido ao público en xeral, a comunidade educativa e aos docentes. O profesorado asistente á totalidade recibirá un certificado de 12 horas de formación do profesorado. Coas charlas configurarase un libro, cun artigo específico para cada unha delas.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

A Xunta difunde as capacidades de investigación e innovación de Galicia ante unha delegación internacional do sector biotecnolóxico

Lun, 10/06/2024 - 14:16

Summary: 

A directora da Axencia Galega de Innovación saúda aos representantes de seis países  que visitan o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC

Idioma Gallego

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Carmen Cotelo, animou hoxe aos representantes do sector biotecnolóxico dos seis países que participan no Galicia Biobusiness tour a aproveitar a ocasión para crear vínculos que fructifiquen en proxectos de investigación, divulgación e atracción de talento conxuntos. Esta delegación científica chega de Italia, Bélxica, Portugal, Canadá, Xapón e Reino Unido.

Así o remarcou a representante da Xunta de Galicia durante unha visita ao Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) da Universidade de Santiago de Compostela. Puxo de relevo as capacidades de investigación e innovación do ecosistema galego de I+D+i, servindo de exemplo a Fundación Pública de Medicina Xenómica e a Plataforma Innopharma da Universidade de Santiago, que tiveron a oportunidade de visitar esta mañá. A directora do Gain destacou tamén a relevancia no eido científico de figuras como Mabel Loza e Ángel Carracedo, anfitrións da visita.

Apoio do Goberno galego

Precisamente, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a través de Gain, apoiou con 5 millóns de euros, procedentes de fondos europeos REACT-UE dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, a adquisición e actualización do equipamento científico-tecnolóxico e a contratación de persoal da Plataforma de descubrimento de fármacos Innopharma, liderada polos investigadores da Universidade de Santiago de Compostela Mabel Loza e Ángel Carracedo.

Esta plataforma está recoñecida como unha das oito Plataformas de Altas Capacidades do Consorcio Europeo de Infraestruturas de Investigación Europea (ERIC EU-Openscreen) e dispón dunha das quimiotecas máis importantes de España e Europa.

A Xunta de Galicia apoia tamén a actividade da Fundación Pública de Medicina Xenómica a través dun contrato-programa que achega financiamento para os gastos estruturais da fundación de investigación biomédica.

Colaboración con Bioga

A visita desta delegación enmárcase na celebración de Galicia Biodays 2024, un evento que se celebra os vindeiros mércores 12 e xoves 14 de xuño en Vigo e que está organizado polo clúster Bioga, co que colabora a Xunta de Galicia.

Esta apoio inscríbese na aposta do Goberno galego pola biotecnoloxía como un sector estratéxico para Galicia e que se concreta na Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia 2021-2025, que se está a executar.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

Apertura do prazo para realizar as solicitudes de prestar servizos nunha ou en varias provincias así como en determinados concellos (só para o persoal interino con posto consolidado nas listas)

Lun, 10/06/2024 - 14:07
Idioma Gallego

Os artigos 33 e 34 da Orde do 7 de xuño de 2018 pola que ditan normas para a adxudicación de destinos provisionais establece que o persoal docente ao que fai referencia o punto décimo quinto do Acordo do 20 de xuño de 1995, poderá optar durante os períodos máximo e mínimo previstos nel, por realizar substitucións nunha ou varias provincias (artigo 33) ou en concellos determinados (artigo 34).

a) Concellos:

A solicitude debe formularse na páxina web https://www.edu.xunta.gal/substitutos/ para o que será preciso autenticarse mediante usuario e contrasinal de educación, Chave365 ou certificado electrónico.

A solicitude xunto coa documentación xustificativa deberá presentarse no prazo do 15 de xuño ao 15 de xullo de 2024, ambos incluídos, do seguinte xeito:

-Acceda á sede electrónica da Xunta de Galicia 

-Prema no botón en cor laranxa “Tramitar en liña”

-Abrirase unha pantalla informativa sobre a necesidade de dispor de Chave 365 ou certificado electrónico para acceder. Prema no botón “Aceptar”

-Introduza o seu NIF e o seu contrasinal de Chave 365 ou identifíquese co seu certificado dixital

-Neste intre xa pode cubrir a solicitude para a presentación electrónica da solicitude (código PR004A).

A continuación encha o formulario da solicitude tendo en conta os seguintes termos:

a) No campo EXPÓN: Sinalar ASUNTO: SOLICITUDE DE PRESTAR SERVIZOS EN CONCELLOS PRIMARIA OU SECUNDARIA (segundo corresponda)

b) No campo DESTINATARIO debe elexir no desplegable á esquerda a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e no desplegable á dereita Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos. Unha vez cuberta a solicitude prema no botón “Continuar”

-Neste paso debe anexar a seguinte documentación:

a) a solicitude de prestar servizos en concellos previamente cuberta na aplicación web substitutos https://www.edu.xunta.gal/substitutos/

b) a documentación xustificativa da solicitude de prestar servizos en concellos segundo a causa que se alegue.

Unha vez anexada a dita documentación, prema no botón “Continuar”

A seguir deberá asinar a solicitude xenérica e presentala no rexistro para o que se lle enviará o seu teléfono móbil un pin que deberá introducir para finalizar a presentación ou no caso de certificado dixital deberá introducir a súa contrasinal

Por último, a sede electrónica informaralle que estará correctamente presentada a súa solicitude e poderá obter o recibo xustificativo coa data e hora de presentación e o número de rexistro.

Lembre que é obrigatorio incluír na petición concellos en que se impartan materias ou áreas ou módulos profesionais atribuídos á especialidade correspondente e que esta opción será por todo o curso académico.

b) Provincias:

A solicitude debe formularse na páxina web https://www.edu.xunta.gal/substitutos/ para o que será preciso autenticarse mediante usuario e contrasinal de educación, Chave365 ou certificado electrónico.

A solicitude deberá formularse no prazo do 15 de xuño ao 15 de xullo de 2024, ambos incluídos e non será preciso a súa presentación en sede electrónica.

Lembre que será obrigatorio incluír provincia/s na/s que se imparta á especialidade correspondente e que a súa opción terá efectos durante todo o curso académico. No caso de que non efectúe opción enténdese que desexa prestar servizos en todas as provincias da Comunidade Autónoma.

Tema: 

Interinidades e substitucións

Ensinanza: 

Ensinanzas de réxime xeral Ensinanzas de réxime especial Educación de persoas adultas

Departamento: 

Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos Subdirección Xeral de Recursos Humanos

Colectivo: 

Profesorado

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas Xunta

Convocatoria para postos de dirección da Rede de CIFP de Galicia

Lun, 10/06/2024 - 11:53
Idioma Gallego

Publicada no DOG a Orde do 4 de xuño de 2024 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, de postos de directores e directoras da Rede de centros integrados de formación profesional de Galicia.

Orde do 4 de xuño de 2024

Tema: 

Directores/as

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo Servizo de Relación co Sistema Produtivo, Orientación e Inserción Laboral

Colectivo: 

Centros
Categorías: Novas Xunta

Habilitacións profesionais. Listaxe de cualificacións provisionais. Primeira convocatoria 2024

Lun, 10/06/2024 - 09:50
Idioma Gallego

Publicada a listaxe provisional de cualificacións das probas para a obtención de determinados carnés e habilitacións profesionais.

Contra esta listaxe poderase presentar reclamación ata o día 19 de xuño de 2024.

Máis información.

Tema: 

Escolarización

Ensinanza: 

Formación Profesional inicial

Departamento: 

Dirección Xeral de Formación Profesional Subdirección Xeral de Cualificacións, Planificación e Xestión da Formación Profesional Servizo de Xestión da Formación Profesional

Colectivo: 

Alumnado
Categorías: Novas Xunta


by Dr. Radut