Skip to Content

Portal Educación Xunta

Distribuir contido
Actualizado: hace 17 horas 15 min

Educación pon en marcha o Portal das Familias, un novo servizo web de información directa sobre o sistema educativo galego

Dom, 03/11/2019 - 10:00
Idioma GallegoSummary: A través deste portal, tanto as familias coma o alumnado acceden dun xeito máis áxil a toda a información de interese sobre os procesos de matrícula, as axudas ás que poden optar, os títulos ofertados ou os premios aos que poden presentarse, entre outros

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de activar o Portal das Familias, un novo servizo web de información para todos os aspectos da educación en Galicia que son de especial interese para alumnado e nais e pais.

O obxectivo deste Portal web é achegar dun xeito máis directo e áxil datos ás familias sobre todo o que atinxe ao proceso de escolarización dos seus fillos, así como sobre o conxunto do sistema educativo galego.

Aquí poderase afondar nos procesos de matrícula dos distintos niveis (ben sexa para as etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato, ou para Formación Profesional, ensinanzas de Adultos, de Idiomas ou ensinanzas Artísticas e Deportivas), as datas de matrícula, a documentación esixida, os criterios de baremo, a asignación de prazas, etc; e tamén sobre os títulos ofertados en toda Galicia, os procesos de homologación de títulos ou o pagamento de taxas para a expedición de títulos, de certificados de estudos, entre outros.

Así mesmo, o Portal das Familias inclúe un apartado específico onde se dá conta de todas as convocatorias de axudas ás que pode acceder o estudantado en Galicia, segundo o tipo de ensinanza, ou mesmo sobre os recursos educativos complementarios de transporte e comedor; así como dos premios promovidos pola Consellería e os requisitos e trámites para optar a eles.

O Portal web inclúe outros apartados como o abalarMóbil, unha aplicación que permite ás familias consultar información dos seus fillos a través do teléfono móbil (sobre os horarios das materias, titorías, cualificacións, faltas de asistencia,...), ou un enlace específico de interese para as propias familias (Espazo Familias) e outro para o alumnado (Espazo Alumnado).

Ademais, para obter unha atención máis personalizada sobre calquera tema, inclúese un apartado específico co directorio de teléfonos e enderezos electrónicos de todos os departamentos da Consellería.

Información xeralConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalAlumnadoFamilias
Categorías: Novas Xunta

Carmen Pomar salienta a importancia da colaboración empresarial no éxito da Formación Profesional Dual

Mér, 30/10/2019 - 12:12
Summary: A conselleira de Educación visitou o alumnado que cursa parte destas ensinanzas na Refinería de Repsol O Plan de dinamización da FP Dual de Galicia prevé a creación dun premio que recoñeza o esforzo e compromiso das compañías na implantación destas ensinanzasA conselleira destacou tamén a alta inserción laboral dos titulados no ciclo que se imparte nas instalacións de Repsol, superior ao 95% Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o alumnado que está a realizar parte da formación de FP Dual nas instalacións do Complexo Industrial de Repsol Petróleo S.A. na Coruña. Trátase, en concreto, dun grupo de 20 alumnas e alumnos do ciclo superior de Química Industrial, que desenvolven a parte teórica da súa formación no IES A Sardiñeira. O 53% do ciclo desenvólvese no IES e o 47% restante no complexo petroleiro.

Durante a súa visita a conselleira salientou a importancia da colaboración de empresas como Repsol no éxito e crecemento da FP Dual. Neste sentido explicou que este tipo de colaboración empresarial é crucial para esta modalidade, “que sustenta o seu éxito na confianza e no compromiso do tecido empresarial galego. Un traballo en equipo que hoxe representa aquí Repsol e polo que quero darvos as grazas”.

Cómpre lembrar que ao abeiro do Plan de dinamización da FP Dual de Galicia a Consellería ten previsto crear o Premio FP Dual Galicia, co que recoñecer a confianza e o compromiso do tecido empresarial galego con estas ensinanzas. O galardón contará con categorías dirixidas aos titores, ás pequenas e medianas empresas, ás grandes empresas e ás organizacións (asociacións empresariais, cámaras de comercio, institucións, fundacións e outro tipo de colectividades sen ánimo de lucro).

Alta inserción laboral

A conselleira salientou tamén a alta inserción laboral dos titulados no ciclo que se imparte nestas instalacións ( de arredor do 95%), que supera a media da FP Dual no resto de Galicia (que é do 90,7%). A este respecto lembrou que o éxito destas ensinanzas vén dado pola estreita relación entre a oferta e as demandas dos sectores produtivos da comunidade e coa propia evolución da sociedade.

“Este axuste ás súas particularidades sociais e económicas é a chave desta modalidade educativa que conseguimos prestixiar e que grazas á ampliación de competencias relacionadas co plurilingüismo, a innovación e a modernización mantén e mellora os estándares de calidade que fan da FP galega un ensino de referencia para o resto do Estado” explicou. Ademais, estas ensinanzas “proporcionan unha oportunidade única para o crecemento do noso tecido socioeconómico, con profesionais da máis alta cualificación, preparados, coma vós, para dar resposta ás necesidades das empresas”.

Ampla colaboración

A que comeza este ano a súa formación en Repsol é a cuarta promoción do proxecto de FP Dual en Química Industrial nesta empresa, unha colaboración que arrincou en 2013 o primeiro proxecto de formación profesional dual na cidade herculina. A raíz desta cooperación teñen pasado polas instalacións da Refinería, contando coa promoción que agora comeza, máis de 60 alumnas e alumnos.

O departamento educativo da Xunta de Galicia e Repsol manteñen unha estreita relación desde 1997, ano no que se asinou o primeiro convenio de colaboración educativa nas ensinanzas de formación profesional. No ano 2003 esta colaboración ampliouse para a impartición do ciclo formativo de grao superior de Industrias de Proceso Químico conxuntamente nas instalacións da empresa e no IES A Sardiñeira da Coruña. A partir de 2010 este ciclo foi substituído polo actual de grao superior en Química Industrial. A maiores, a empresa implicouse xa en 2013 na implantación da FP Dual, mantendo ademais a colaboración anterior no grupo de réxime ordinario.

Información xeralFormación Profesional inicialConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalProfesoradoAlumnadoCentrosEmpresas
Categorías: Novas Xunta

Corte de servizo nalgúns espazos web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

Mar, 29/10/2019 - 20:00
Idioma Gallego

Coa finalidade de realizar tarefas de mantemento en diversos sistemas, o xoves 31 de outubro ás 8:30hs e por un tempo estimado de 15 minutos estarán inoperativos algunhos espazos web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O corte afectará a:

www.edu.xunta.gal/portaldireccion
www.edu.xunta.gal/portal
www.edu.xunta.gal/centros
www.edu.xunta.gal/eduga
www.edu.xunta.gal/fpwiki

Os equipos da Xerencia de Proxectos de Educación e da Área de Infraestruturas e Telecomunicacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) son conscientes de que este corte xerará trastornos polo que agradecen de antemán a súa comprensión e colaboración.

Tema: Información xeralAlertas e avisos
Categorías: Novas Xunta

Carmen Pomar destaca a boa posición do Campus Industrial de Ferrol para someterse ao proceso de acreditación que lle permitirá avanzar na súa especialización e competitividade

Mar, 29/10/2019 - 13:06
Summary: A conselleira de Educación loou a aposta pola innovación que está a levar a cabo este Campus no eido das titulacións universitarias, acordes coas novas demandas e as novas profesións de futuro Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta mañá o Campus Industrial de Ferrol, onde fixo un percorrido polas instalacións, acompañada polo reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde.

En declaracións aos medios, Carmen Pomar puxo en valor o traballo que está a realizar, dentro da UDC, o Campus Industrial de Ferrol como campus de especialización, do que, segundo dixo, “está en condicións óptimas” para presentarse ao proceso de acreditación dos campus impulsado pola Consellería baseado na especialización e no fomento da investigación. Este proceso de acreditación busca afianzar unha organización territorial baseada nunha identidade propia e ligada ás potencialidades da contorna; ao tempo que lles conferirá unha financiación estable no tempo que lles permita consolidar os proxectos que teñen en marcha.

Ademais do impulso da especialización, da investigación e da docencia a través do apoio aos campus de especialización e aos axentes científicos universitarios, Pomar subliñou a necesidade de innovar na oferta de titulacións en consonancia coas novas demandas de futuro. Neste senso destacou que o Campus de Ferrol é capaz de conxugar titulacións tradicionais con outras vinculadas ao ámbito da moda, da industria ou da dixitalización “moi acordes coas novas demandas e as novas profesións que van vir en non moito tempo”.

Innovación da oferta de titulacións

No caso concreto do Campus de Ferrol esta innovación está garantida a través de novas titulacións como é o caso do Grao de Moda -que se puxo en marcha o pasado curso 2018-19 e que hoxe é un referente en Galicia-, o Máster de Videoxogo (tamén desde o pasado curso), o Grao Dual en Enxeñaría Eléctrica (que se comezou a impartir este curso e que é o primeiro grao Dual do Sistema Universitario Galego) e o innovador Grao en Xestión Dixital e Información e Documentación, tamén neste curso.

Nesta aposta de futuro de innovación de titulacións acordes coas demandas e coa contorna económico-social, cómpre lembrar que o vindeiro curso 2020-21 comece a impartirse neste campus a simultaneidade do grao en Enxeñaría Mecánica e o grao en Enxeñaría Eléctrica; e no 2021-22 o grao interuniversitario en Relacións Internacionais (que será o segundo grao interuniversitario de Galicia), tal e como se acordou coas universidades.

Na súa visita ao Campus Industrial de Ferrol, a conselleira achegouse á Escola Politécnica Superior, onde visitou a Aula de Informática; e á Facultade de Humanidades e Documentación para coñecer a Aula de Creación e Patronaxe e aulas net. Tamén visitou o Laboratorio de Combustibles do Centro de Investigacións Tecnolóxicas, e os centros na Escola Universitaria de Deseño Industrial, concretamente a aula de informática e o laboratorio do equipo de metalografía e prensa metalográfica.

Información xeralUniversidadeConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalSecretaría Xeral de UniversidadesProfesoradoAlumnado
Categorías: Novas Xunta

O Sistema Universitario de Galicia recibirá no 2020 o maior importe en transferencias directas da Xunta

Lun, 28/10/2019 - 15:46
Idioma GallegoSummary: Carmen Pomar presentou hoxe no Parlamento as contas do seu departamentoAcadarán os 441 millóns de euros, un 18% máis ca no 2015O vindeiro ano haberá unha partida de 64 millóns de euros para a Investigación Universitaria, un 4,3% máis ca neste exercicio

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional dedicará en 2020 ao Sistema Universitario de Galicia o maior importe en transferencias directas, arredor de 441 millóns de euros. Isto representa un 2,63 % máis que no actual exercicio e un 18% de crecemento con respecto a 2015. Así o explicou esta mañá a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, Carmen Pomar, durante a presentación no Parlamento das contas da Consellería para o vindeiro ano.

No Orzamentos 2020 o compoñente estrutural do Plan de Financiamento das Universidades 2016-2020 –que inclúe os incrementos retributivos do persoal das universidades– ascende a mais de 335 millóns. A eles súmanse as transferencias de crédito ás universidades, que acadan un importe de 76,7 millóns e experimentan tamén unha suba do 3,1 por cento, polo incremento do crédito asociado a resultados de investigación e transferencia de coñecemento, así como no panel de indicadores do Plan. Engádese tamén a partida dirixida a bolsas, que se mantén.

No referido a Universidades a conselleira destacou tamén a partida de 64 millóns de euros para Investigación Universitaria, un 4,3% máis ca este ano, co fin de seguir construíndo un modelo de I+D+i no SUG que sexa un referente a nivel estatal

Aposta polas persoas

Na súa comparecencia a conselleira fixo fincapé en que o orzamento de 2.447,6 millóns euros do que disporá o seu departamento o ano próximo (un 2,34% máis ca en 2019) “é importante na medida en que serve ás persoas actoras no sistema educativo, ao alumnado en primeiro lugar, ás familias e ao profesorado”. Neste sentido destacou que Galicia é a terceira comunidade en investimento por alumno (descontando as que contan con réxime foral), con 6.598 euros/alumno en centro público, “que son 1.000 euros máis que a media española”.

Ademais, o programa “Prevención do Abandono Escolar” dos orzamentos do ano próximo acada unha cifra de máis de 26,2 millóns, para continuar diminuíndo a taxa de abandono educativo temperá. O ano 2020 é o fito que a Unión Europea marca para que o abandono educativo temperá se sitúe por debaixo do 10 por cento, porcentaxe que no caso de España se fixa no 15 por cento. A finais de 2018 Galicia cumpriu xa co obxectivo da Unión Europea para o 2020 en España: baixar dun 15% nesta taxa. “No ultimo trimestre deste ano está xa no 12,7 por cento, cumprindo así o ambicioso obxectivo que fixaba o Plan Estratéxico de Galicia do 13 por cento para o ano 2020”, sinalou Pomar.

Así mesmo lembrou que as nóminas directas e indirectas (persoal docente e non docente e investigadores) supoñen o 89% do total do orzamento da Consellería. Nesta liña, comprometeuse a seguir dando cumprimento ao acordo de homologación salarial dos docentes, “que permite que as súas retribucións estean por riba da media dos seus compañeiros noutras Comunidades Autónomas”; así como a lanzar unha nova Oferta Pública de Emprego (OPE) que supere as cifras do presente ano, con preto de 90 especialidades, “para reforzar a Galicia como a comunidade coa taxa máis baixa de interinidade de España”. Neste sentido recordou que desde 2009 se teñen convocado máis de 9.000 prazas.

No marco do compromiso coa peza clave do sistema educativo, os docentes, Carmen Pomar explicou que as contas do 2020 inclúen 7,2 millóns de euros para formación xeral e específica do profesorado, “a cifra máis alta de toda a serie histórica para investir no activo mais importante do sistema”.

Libros de texto e servizos complementarios

No referido ás familias, seguiranse mantendo as axudas para libros e material escolar, así como os servizos complementarios de comedor e transporte. Deste xeito, as axudas a material escolar, “unha partida que non existe noutras comunidades autónomas”, contarán  con 5,5 millóns de euros. Ademais haberá máis de 5 millóns de euros para axudas á compra de libros de texto e duplícase a dotación existente o ano pasado (ata acadar os 10,3 millóns) para permitir mudar os libros no fondo solidario, pero tamén para incrementar a cifra destinada a distintas accións de bibliotecas escolares, que supera os 2,5 millóns. Nesta mesma liña, a dotación para material didáctico Edixgal (que lles proporciona ás familias libros electrónicos de balde) ascende a preto de 800.000 euros, cun incremento do 14,5%.

No caso dos servizos educativos complementarios –comedores e transporte-, o orzamento acada os 108,4 millóns de euros. A partida correspondente a comedores escolares mantense nas mesmas magnitudes que o ano anterior, é dicir 28,8 millóns, o que permite que máis de 62.000 alumnos accedan ao comedor, o 84% de xeito gratuíto ou pagando un euro por menú. A esa partida débese engadir os máis de 18 millóns de euros en salarios dos máis de 700 profesionais (cociñeiros e axudantes de cociña) que xestionan directamente os comedores, o que supón un total de 46 millóns de euros.

No caso do transporte, os 79 millóns de euros destinados por Educación a este servizo súmanse aos 50 millóns do transporte compartido xestionado pola Dirección Xeral de Mobilidade e permitirán transportar a case 90.000 alumnos.” A este importe debemos engadir algo máis de 1 millón destinado ao transporte do alumnado que realiza os programas de reforzo educativo fóra do horario lectivo”, especificou a conselleira.

A este respecto Pomar destacou que Galicia representa menos do 4,9% da poboación escolar do conxunto do Estado, “pero consume o 27,2% do conxunto de gastos a nivel nacional en transporte escolar e o 14,9% do conxunto do gasto en capitulo I e II en comedores escolares, o que dá boa conta do esforzo da comunidade autónoma nestes servizos complementarios”.

Mellora das instalacións

Por outra banda, a responsable de Educación na Xunta explicou que se seguirá avanzando na mellora  dos  centros  educativos, cun investimento de 43,3 millóns de euros (un 19% máis). Esta dotación vai permitir realizar 10 obras de rehabilitación integral e funcional, cun orzamento global de 8,6 millóns por importes próximos a 850.000 euros no caso dos Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) e Centros de Educación Especial (CEE) e de 1.050.000 nos Institutos de Educación Secundaria (IES). As obras realizaranse nos CEIPs Ramón de Artaza y Malvárez (Muros) e de Melide Nº 1 (Melide), no IES Campo de San Alberto (Noia), na provincia da Coruña; e no CEE Infanta Elena (Monforte de Lemos) e no CEIP Álvaro Cunqueiro Mora (Mondoñedo), na de Lugo. Na provincia de Ourense as intervencións realizaranse no CEE Miño en Ourense e no IES O Ribeiro (edificio Abrente) (Ribadavia); mentres que na provincia de Pontevedra os centros priorizados serán o CEIP Plurilingüe de Baño-Xanza (Valga) e o Plurilingüe Xulio Camba (Vilanova de Arousa), así como o CPI Julia Becerra Malvar (Ribadumia).

Ademais xa están en fase de redacción os proxectos de rehabilitación enerxética dos CEIPs Plurilingüe de Palmeira (Ribeira) e Plurilingüe Monte dos Postes (Santiago), do IES Lamas das Quendas (Chantada), e dos CEIPs Plurilingüe Pedro Caselles Rollán (Xove), Padre Feijoo (Allariz), Plurilingüe Curros Enríquez (Celanova) e do Carballal (Marín). Estas melloras contan cunha partida de 5,9 millóns de euros.

Os orzamentos permitirán tamén rematar o  novo CEIP Sagrado Corazón (Lugo) e o novo CEIP de Mesoiro (A Coruña), así como continuar coa construción do novo CEIP de Vilalonga (Sanxenxo); e  existen partidas de reforma e ampliación para rematar a ampliación do CPI Plurilingüe de Vedra, a ampliación do CEIP Agro do Muíño (Ames), ou a construción dun aulario en Coirós.

A maiores figuran as partidas iniciais para os proxectos do novo CEIP de Pazos de Rei en Tui e dos novos CEIPs de Ames e Arteixo, “aínda que segue pendente a cesión de terreos para os mesmos”, explicou Pomar.

As contas inclúen tamén unha dotación de 7,2 millóns de euros para intervencións en centros de Secundaria e FP, entre as que se encontran as obras no novo Centro de Innovación da FP en Ourense, no Politécnico de Santiago, a ampliación do IES Sanxillao (Lugo), así como obras no IES Muralla Romana e o CIFP Politécnico (ambos en Lugo), no CIFP Carlos Oroza (Pontevedra) ou no CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense). Dentro desta partida atenderanse tamén as obras en dous edificios de carácter histórico no IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña) e o comezo da intervención no IES Santa Irene (Vigo).

O capítulo de obras complétase con 7 millóns de euros destinados a reforma, ampliación e mellora (RAM), que se executan desde as Xefaturas Territoriais.

Exercicio de responsabilidade

Carmen Pomar incidiu en que o proxecto de orzamentos para 2020 “reforza un ano máis o gasto social en Galicia, que medra en 275 millóns respecto a este ano e acada os 7.400 millóns de euros, a cifra máis alta da historia. Estes novos recursos permitirán incrementar o gasto directo en sanidade, no ensino e nas políticas sociais”. “Galicia fai un exercicio de responsabilidade e estabilidade presentado os seus orzamentos”, salientou

Estas contas, “feitas con rigor, axustadas as magnitudes macro dos orzamentos da Xunta, que respectan o principio constitucional de estabilidade, que dan cumprimento aos parámetros da Unión Europea, e que son realistas” van permitir que os sistemas educativos universitario e non universitario de Galicia “gocen de boa saúde, sexan referencia para outros territorios e vaian mellorando os seus resultados como ata o de agora”, rematou.

Información xeralConsellería de Educación, Universidade e Formación Profesional
Categorías: Novas Xunta

Preto de 1.400 alumnas e alumnos de 42 centros educativos formaranse a través do programa ‘Finanzas para mortais’

Dom, 27/10/2019 - 11:00
Summary: A iniciativa parte da colaboración entre a Consellería , a Fundación da Universidade de Cantabria para o estudo e a investigación do sector financeiro (UCEIF) e o Banco SantanderA formación será impartida por alumnado voluntario de FP que recibiu a preparación para facelo o pasado venres Idioma Gallego

Preto de 1.400 alumnas e alumnos de 3º e 4º de ESO e de 1º e 2º de bacharelato de 42 centros de ensino de toda Galicia formaranse ao longo deste curso a través do programa Finanzas para mortais, froito da colaboración entre a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Fundación da Universidade de Cantabria para o estudo e a investigación do sector financeiro (UCEIF) e o Banco Santander.

Esta é a terceira edición deste programa, pioneiro en toda España, no que 43 alumnas e alumnos do ciclo de grao superior de Administración e finanzas serán os responsables de impartir a devandita información. Para iso, recibiron preparación por parte dos responsables do Banco de Santander nunha xornada desenvolvida o pasado venres no CIFP Compostela.

Esta iniciativa ten por obxecto fomentar o emprendemento e a cultura financeira no sistema educativo non universitario como motores da innovación, a competitividade e o crecemento da economía. A actuación está encadrada no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo, Eduemprende.

Actividades nos centros

As actividades nos 42 centros educativos comprenderán sesións, talleres e charlas impartidas polo alumnado voluntario de FP xunto con profesionais do Banco Santander. Nelas desenvolverán conceptos como o significado do diñeiro, o consumo e aforro responsables, a renda variable, os créditos e os préstamos, o cambio de moeda e o emprego de tarxetas no estranxeiro, os impostos, a débeda pública, a xubilación, os tipos de financiamento, a cotización á Seguridade Social ou a diferenza entre persoa física e persoa xurídica, entre outros.

Os centros participantes nesta terceira edición son os recollidos na seguinte táboa:

Provincia

Concello

Centro

A Coruña

Bergondo

CPI Cruz do Sar

A Coruña

Cambre

IES Afonso X O Sabio

A Coruña

Carballo        

IES Alfredo Brañas

A Coruña

Carballo

CPR Plurilingüe Artai

A Coruña

Culleredo

IES Universidade Laboral de Culleredo

A Coruña

A Coruña

CPR Nebrija Torre de Hércules

A Coruña

A Coruña

IES Plurilingüe Elviña

A Coruña

Ferrol

CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro

A Coruña

Ferrol

IES Leixa

A Coruña

Oleiros

IES María Casares

A Coruña

Ortigueira

IES de Ortigueira

A Coruña

Porto do Son

IES de Porto do Son

A Coruña

Santiago de Compostela

CIFP Politécnico de Santiago

Lugo

Lugo

CIFP As Mercedes

Lugo

Lugo

CIFP Politécnico de Lugo

Lugo

Lugo

IES Sanxillao

Lugo

Monforte de Lemos

IES A Pinguela

Lugo

Navia de Suarna

CPI Plurilingüe de Navia de Suarna

Lugo

Sarria

IES Gregorio Fernández

Lugo

Sober

CPR Belarmino Fernández Iglesias

Lugo

Vilalba

IES Santiago Basanta Silva

Ourense

Celanova

CPR Plurilingüe Sagrado Corazón         

Ourense

Ourense

CPR Plurilingüe Luís Vives

Ourense

Ourense

Escola Profesional Santo Cristo  

Ourense

Viana do Bolo

IES Carlos Casares

Pontevedra

Bueu

IES Johan Carballeira

Pontevedra

Caldas de Reis

CPR Plurilingüe San Fermín       

Pontevedra

A Cañiza

IES da Cañiza

Pontevedra

A Estrada

IES Manuel García Barros

Pontevedra

As Neves

EFAG A Cancela

Pontevedra

Nigrán

IES Escolas Proval 

Pontevedra

Pontevedra

CIFP A Xunqueira

Pontevedra

Pontevedra

IES Luís Seoane

Pontevedra

Vila de Cruces

IES Marco do Camballón

Pontevedra

Vilagarcía de Arousa

IES Miguel Ángel González Estévez

Pontevedra

Vilanova de Arousa

IES Faro das Lúas

Pontevedra

Vigo

CPR San Miguel

Pontevedra

Vigo

CPR Fillas de María Inmaculada

Pontevedra

Vigo

CIFP Valentín Paz Andrade         

Pontevedra

Vigo

IES Politécnico de Vigo

Pontevedra

Vigo

CIFP Manuel Antonio

Pontevedra

Vigo

IES Ricardo Mella

Información xeralFormaciónEnsinanzas de réxime xeralConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalAlumnadoCentros
Categorías: Novas Xunta

Carmen Pomar salienta que o modelo educativo inclusivo require dunha unión de esforzos entre profesionais, alumnado e familias

Sáb, 26/10/2019 - 11:00
Summary: A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional participou nunhas xornadas sobre TDAH organizadas pola Asociación TDAH Comarca do Salnés Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta mañá nas xornadas do TDAH que baixo o lema “A diversidade, punto de unión, punto de encontro” organiza a Asociación TDAH Salnés coincidindo con Mes Europeo de Sensibilización do TDAH.

Na súa intervención a conselleira lembrou que en Galicia se está apostando por un modelo educativo inclusivo que implica “cambiar a práctica educativa para que todo o alumnado acade as metas no seu proceso de aprendizaxe”, e subliñou que o éxito deste proceso require dunha unión de esforzos entre os profesionais da educación, o alumnado e as propias familias.

Precisamente froito deste traballo de colaboración e consenso, foi posible poñer en marcha en Galicia o Protocolo de atención educativa ao alumnado con TDAH na infancia e na adolescencia co fin de ofrecer unha intervención integral no ámbito educativo e sanitario. Esta guía, xunto co Decreto de Atención á Diversidade e outros protocolos específicos para distintos colectivos son ferramentas imprescindibles que fomentan e potencian a colaboración coas familias e as entidades en prol da atención ao alumnado con necesidades educativas especiais.

Unha liña de traballo que se verá potenciada coa estratexia de inclusión “EduInclusión 2020-2025”, a través da cal a Consellería de Educación vai desenvolver un plan formativo específico para os especialistas na atención á diversidade, actualizar a normativa sobre atención á diversidade e impulsar  a escolarización do alumnado de necesidades específicas de apoio educativo en centros ordinarios ou en escolarización combinada e o pulo á especialización dos centros de educación especial, entre outras accións.

Carmen Pomar agradeceu a organización de xornadas como a de hoxe, que contribúen a darlles visibilidade ás persoas con TDAH e coñecer máis a fondo as características que rodean os afectados e as súas familias; e sobre todo, “a falar de diversidade como punto de unión e de encontro”.

Na xornada participan diversas expertas e expertos do eido da Psicoloxía, da Pedagoxía e do Dereito, para afondar en distintos aspectos como o papel da educación, as dificultades na aprendizaxe e os desafíos neste campo, o tratamento do acoso, a mediación escolar, a intelixencia emocional, a dislexia ou o asesoramento xurídico.

Atención á diversidadeXornadasConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalProfesoradoAlumnadoFamilias
Categorías: Novas Xunta

Un cento de docentes afonda nas medidas para acadar unha escola máis inclusiva, nunha xornada organizada por Down Galicia

Sáb, 26/10/2019 - 10:00
Summary: A conselleira de Educación presidiu a apertura desta citaCarmen Pomar salientou a importancia da colaboración de toda a comunidade educativa no desenvolvemento de prácticas inclusivas de éxito Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu esta mañá a apertura da xornada Educación Inclusiva: Deseño Universal para a aprendizaxe e boas prácticas, unha actividade de formación do profesorado organizada por Down Galicia e homologada pola Consellería na que un cento de docentes afonda nas medidas necesarias para acadar unha escola máis inclusiva.

Na súa intervención a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia sinalou que unha das prioridades da Consellería é “proporcionar aos docentes ferramentas útiles coas que poidades avanzar nun camiño difícil, cunha meta ambiciosa: a excelencia na educación a través da diversidade”.

Neste sentido lembrou que a posta en marcha da estratexia EduInclusión 2020-2025 vai supoñer “a actualización da normativa referida á atención á diversidade, o impulso á escolarización do alumnado de necesidades específicas de apoio educativo -en centros ordinarios ou en escolarización combinada- ou un pulo á especialización dos centros de educación especial”, entre outras medidas, como un plan formativo para as persoas especialistas na atención á diversidade ou o reforzo das liñas de colaboración entre a Xunta, os centros, as familias e as entidades que traballan neste ámbito.

A este último respecto Carmen Pomar incidiu na necesidade de colaboración entre toda a comunidade educativa para o desenvolvemento das prácticas inclusivas de éxito e agradeceu o esforzo dos docentes que aproveitan xornadas como a de hoxe para seguir formándose neste eido.

Profesionais e experiencias

O encontro vai dirixido a profesionais docentes, de orientación e directivos dos centros educativos de infantil, primaria e secundaria de Galicia e ten como obxectivo xeral contribuír a unha mellora na sensibilización e formación na utilización de metodoloxías inclusivas como unha medida de atención e optimización do proceso de inclusión educativa do alumnado con necesidades de apoio educativo.

Para iso, afondarase nos principios que sustentan a inclusión educativa e identificaranse enfoques, metodoloxías, técnicas, estratexias, recursos e actividades educativas comprometidas cunha educación inclusiva. Así mesmo búscase reflexionar e presentar prácticas educativas construídas sobre as bases da creatividade, o compromiso a renovación e innovación pedagóxica. Neste sentido mostraranse varias experiencias de centros de ensino, como os recreos alternativos do IES de Sanxenxo, o Teatro pola inclusión do IES Antonio Fraguas Fraguas (Santiago de Compostela), o proxecto, A miña escola a miña familia do CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira (Ferrol) ou as iniciativas en Erasmus+ do Colexio Nuestra Señora del Rosario de Arzúa, entre outras.

No transcurso da xornada identificaranse os factores que favorecen ou dificultan unha resposta de calidade ao alumnado con necesidades de apoio, analizaranse os avances e impacto referidas á aplicación de metodoloxías inclusivas na vida do alumnado, da aula e do centro educativo en xeral e reflexionarase sobre a implicación doutros axentes (familia, ONGs…) no ensino inclusivo.

A actividade conta coa participación, entre outros, Susana Pérez Vilariño, mestra de infantil, psicopedagoga e unha das autoras do Protocolo para a atención educativa do alumnado coa Síndrome de Down e/ou Discapacidade Intelectual, impulsado pola Consellería; de Antonio Márquez, mestre de Pedagoxía Inclusiva e actual director do proxecto Aula Desigual, que abordará as pautas do Deseño universal para a aprendizaxe (DUA), universalidade e deseños accesibles; e de José Blas García, mestre, psicopedagogo e membro do grupo de investigación da Universidade de Murcia coa súa intervención Escola para Todos na cal afondará nas últimas tendencias no eido da inclusión na aula.

Atención á diversidadeXornadasConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalProfesorado
Categorías: Novas Xunta

Douscentos docentes afondan nas posibilidades dos programas ‘Biblioteca creativa’, ‘Radio na biblio’ e ‘Proxecto LÍA.2’

Ven, 25/10/2019 - 15:30
Summary: A conselleira participou na xornada dirixidas aos responsables destes programasPresentaranse experiencias e boas prácticas arredor das dúas iniciativasAmbos programas avanzan no desafío do Plan LÍA de crear nas bibliotecas centros creativos de aprendizaxes Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou hoxe na xornada Comunicación e cidadanía, nas que arredor de 200 docentes responsables do desenvolvemento nos centros de Biblioteca Creativa, Radio na Biblio e Proxecto LÍA.2 afondan sobre as posibilidades destes programas impulsados desde o departamento educativo da Xunta de Galicia.

Na súa intervención a conselleira agradeceu o traballo dos docentes e coordinadores das bibliotecas escolares, “que fai posible ampliar as posibilidades da biblioteca escolar como centro creativo das aprendizaxes, ofrecendo oportunidades para desenvolver e reforzar competencias e habilidades necesarias para o alumnado do século XXI, como o traballo en equipo, o uso e produción dos medios audiovisuais, a expresión en distintas linguaxes, o respecto, a argumentación ou a investigación”. “Grazas a vós, estas bibliotecas están marcando o presente e o futuro do ensino en Galicia”, destacou.

Así mesmo, Carmen Pomar destacou que, “así entendidas, as bibliotecas son inclusivas, e non precisan etiquetas, porque modulan as súas actividades para que dean cabida a todos e a todas, á discapacidade e ás altas capacidades, ao diverso en toda a súa gama de matices, cada quen cos seus ritmos, os seus intereses e as súas necesidades”. En calquera caso, a conselleira sinalou a necesidade de seguir traballando para que todos estes espazos acaden ese grao de inclusión, o que constitúe “un reto importante para todas as bibliotecas”. .

A conselleira rematou agradecendo aos presentes a súa disposición a “aceptar estes retos e implicarvos para facelos realidade”, así como “o voso compromiso indubidable coa formación do alumnado galego, que ten a sorte de contar con docentes coma vós”.

Experiencias e boas prácticas

Na xornada, ademais dos relatorios, diferentes centros presentan as súas experiencias arredor do funcionamento da impresión 3D (IES Antón Losada Diéguez, da Estrada; EEI Barrionovo, de Arteixo; CEIP do Foxo, da Estrada; e CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, de Rianxo), dos espazos creativos na biblioteca (CEP Xosé María Brea Segade, de Rianxo; e CEIP de Leirado, de Salvaterra de Miño), ou do uso dos recursos audiovisuais (CEIP de Covas, de Meaño).

Ademais, o CPI Suárez Marquier (O Rosal), o CEIP Virxe do Carme (Sober), o CEIP da Pobra de Brollón (A Pobra de Brollón) e o IES Punta Candieira (Cedeira) expoñen as súas boas prácticas no traballo coa radio na biblioteca escolar. O programa complétase, no referido a Radio na Biblio, coa participación dos xornalistas radiofónicos Pablo Portabales, Loreto Silvoso e Luís Pardo.

A xornada rematará coa intervención da directora da biblioteca de creación UBIK do Tabakalera-Centro Internacional de Cultura Contemporánea de Donosti, co relatorio Quedamos na biblio? (ou a incorporación “do comunitario” nas bibliotecas).

Centro creativos de aprendizaxes

Un total de 79 centros galegos públicos (25 deles de nova incorporación) desenvolven neste curso 2019/20 o programa Biblioteca Creativa, que ten como obxectivo estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe da programación. Cada un dos centros participantes conta con materiais necesarios para a construción dun mínimo de catro Escornabots. Trátase de pequenos robots construídos sobre Arduino, a plataforma de robótica máis estendida a nivel educativo e profesional, que conta cunha ampla comunidade de persoas usuarias e desenvolvedoras, o que facilita o acceso a unha importante base de documentación para os proxectos que se realicen nas bibliotecas.

Deste xeito o programa afonda nos obxectivos do Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares da Consellería, en concreto no referido a facilitar recursos e oportunidades para a incorporación de metodoloxías activas e para a integración nos centros das tecnoloxías emerxentes.

Pola súa banda, 80 centros educativos públicos – 30 deles de nova incorporación- participan este ano en Radio na biblio, aos que se facilitan recursos para a posta en marcha e funcionamento dun laboratorio de radio. A implicación do alumnado no mantemento dunha emisora de radio proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento das competencias clave a través de metodoloxías activas, así como para a alfabetización informacional. 

Na xornada participaron tamén representantes dos 20 centros participantes no proxecto piloto LÍA.2, unha iniciativa que explora as posibilidades de evolución da biblioteca escolar baseándose nos conceptos de interdisciplinariedade, cambio metodolóxico, corresponsabilidade e inclusión. Deste xeito, as bibliotecas incluídas no LÍA.2 deben facilitar oportunidades de aprendizaxe diversas, ademais de ser o núcleo principal de formación de hábitos de lectura no conxunto da comunidade educativa. Para iso, fomentarase a abordaxe na biblioteca dos traballos por proxectos e de todas aquelas iniciativas nas que participe o centro – Plan Proxecta, Contratos-Programa, E-Dixgal...–, así como o tratamento dos diferentes formatos (impreso, dixital ou audiovisual) e recursos.

A distribución do espazo e do mobiliario adquire unha importante función na consecución destes obxectivos, tendo en conta que diso depende a posibilidade de desenvolver traballo colaborativo, metodoloxías activas e de constituír espazos maker nos que avanzar con recursos como os robots, que están xa plenamente integrados nas bibliotecas. O proxecto incide, así mesmo, na necesidade de que todo o profesorado do centro colabore na construción da biblioteca e faga uso dos seus recursos, así como na necesidade de que este espazo estea aberto ao conxunto da comunidade escolar. A este respecto faise fincapé nas familias, ás que se pode implicar a través de iniciativas como as Mochilas Viaxeiras ou os clubs de lectura, entre outras; así como na necesidade de acadar bibliotecas inclusivas con materiais e actividades que atendan o alumnado con necesidades específicas de atención educativa.

Os tres programas avanzan nun dos desafíos do Plan LÍA: o de crear nas bibliotecas un centro creativo de aprendizaxes no que o alumnado poda experimentar e investigar con todo tipo de ferramentas e recursos. Neles debe traballarse con diferentes recursos e materiais que permitan traballar a expresión escrita e oral ou linguaxes como a radiofónica ou a da programación. Desde eles poderán desenvolverse proxectos colaborativos conectados con diferentes áreas do currículo escolar, vinculados á educación para as competencias en información e medios.

XornadasPlan LÍABibliotecas escolaresConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalSubdirección Xeral de CentrosProfesoradoCentros
Categorías: Novas Xunta

Resolución provisional do Premio Proxecta de Innovación Educativa 2019 para os centros docentes públicos admitidos no Plan Proxecta durante o curso escolar 2018/2019

Ven, 25/10/2019 - 15:20
Idioma GallegoAnuncio principal: Convocado o Premio Proxecta de Innovación Educativa 2019 para os centros docentes públicos admitidos no Plan Proxecta durante o curso escolar 2018/2019

Achégase a resolución provisional pola que se fai pública a relación de centros premiados conforme ao disposto no apartado 8 da Resolución do 9 de maio de 2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca o Premio Proxecta de Innovación Educativa 2019 para os centros docentes públicos admitidos no Plan Proxecta durante o curso escolar 2018/19.

  • A publicación abre un prazo de cinco días hábiles para realizar reclamacións ou alegacións.

Solicítase que se adianten estas reclamacións ou alegacións a través do correo electrónico planproxecta@edu.xunta.es.
 

Tema: Plan ProxectaEnsinanza: Ensinanzas de réxime xeralColectivo: ProfesoradoCentrosSección: BoletínPortada de boletín
Categorías: Novas Xunta

Resolución provisional de centros admitidos no programa Introdución á robótica educativa en primaria para o curso 2019/2020

Ven, 25/10/2019 - 13:09
Idioma Gallego

Achégase a resolución provisional dos centros docentes admitidos para participar no programa de innovación educativa "Introdución á robótica educativa en primaria" para centros docentes públicos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional durante o curso 2019/20.

Anuncio principal: Convocatoria para participar no programa de innovación educativa "Introdución á robótica educativa en primaria" para centros docentes públicos durante o curso 2019/2020Tema: Plans e actuacións en innovación educativa Ensinanza: Educación primariaDepartamento: Servizo de Formación do ProfesoradoColectivo: ProfesoradoAlumnadoFamilias
Categorías: Novas Xunta

Resolución provisional de centros admitidos no Club de Ciencia para o curso 2019/2020

Ven, 25/10/2019 - 13:05
Idioma Gallego

Achégase a resolución provisional dos centros docentes admitidos para participar no programa de innovación educativa "Club de Ciencia" para centros docentes públicos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional durante o curso 2019/20.

Anuncio principal: Convocatoria para participar no programa de innovación educativa "Club de Ciencia" para centros docentes públicos durante o curso 2019/2020Tema: Plans e actuacións en innovación educativa Ensinanza: Educación primariaEducación secundaria obrigatoriaBacharelatoDepartamento: Servizo de Formación do ProfesoradoColectivo: ProfesoradoCentros
Categorías: Novas Xunta

O alumnado das tres universidades galegas ve positivamente as medidas antiplaxio adoptadas polo profesorado

Ven, 25/10/2019 - 10:25
Summary: Carmen Pomar participou na II Conferencia Interuniversitaria O plaxio no sistema Universitario de GaliciaA Consellería e a as tres universidades galegas afondaron hoxe nun estudo elaborado ao respecto, segundo o cal o alumnado de grao considera que citar as fontes lles serve para recoñecer o mérito dos autores orixinaisOs estudantes ven como algo negativo a copia íntegra de traballos pero non como conduta tan grave o feito de copiar partes de traballos ou fragmentos de fontes Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta mañá na II Conferencia Interuniversitaria O plaxio no Sistema Universitario de Galicia, desenvolvida hoxe na Facultade de Ciencias da Educación da Coruña. No encontro afondouse no estudo financiado pola Consellería para identificar e analizar as causas ás que o alumnado de grao e máster das universidades galegas alude para cometer plaxio na elaboración dos traballos académicos.

Na súa intervención a titular do departamento educativo da Xunta de Galicia incidiu na necesidade de que as universidades colaboren, como o fan a través da conferencia celebrada hoxe, na prevención e detección do plaxio, “o que vai redundar na mellora da calidade e do impacto da produción científica, así como na competitividade das tres universidades como axentes de desenvolvemento económico e social”. “Disto depende non só a consideración dos traballos realizados, senón tamén, en último termo, o prestixio académico de cada institución por separado e do Sistema Universitario de Galicia no seu conxunto”, dixo.

“As tres universidades públicas galegas están chamadas a desenvolver unha importante tarefa en beneficio da sociedade galega, como transmisoras de coñecemento, formadoras de xeracións futuras e, tamén, como xeradoras de investigación e de innovación en distintos campos”, explicou, ao que engadiu “unha actuación firme e unificada contra lacras como a do plaxio redunda en beneficio do noso modelo universitario, pioneiro e referente en España”.

Estudo sobre o plaxio

A mostra do Estudo sobre o plaxio académico no Sistema Universitario de Galicia analizado hoxe estivo conformada por 8.943 estudantes (65.7% mulleres e 33.5% homes), cunha idade media aproximada de 21 anos. Por rama de coñecemento, algo máis da metade do alumnado participante no estudo está a cursar un título de Ciencias Socias e Xurídicas (57.1%), o 16.6% de Ciencias da Saúde, o 10.2% da rama de Enxeñaría e Arquitectura e o 9.2% e o 6.8% á de Ciencias e Artes e Humanidades respectivamente. A recollida de información realizouse mediante un cuestionario deseñado ad hoc.

Os principais resultados do estudo poñen de manifesto a existencia dunha tendencia común na percepción do alumnado con respecto ao plaxio, moi similar en todas as ramas de coñecemento, nas tres universidades galegas e tanto en grao como en máster.

Neste sentido, a percepción de todo o alumnado analizado dos títulos de Grao da UDC, da USC e da UVigo, independentemente da rama de coñecemento, sobre as actuacións realizadas polo profesorado para evitar o plaxio,  evidencia que o profesorado lle ofrece ao alumnado directrices previas para a realización dos traballos académicos, leva a cabo un seguimento dos mesmos prestándolles atención individualizada na aula/titorías en relación á citación de fontes e ao proceso de escritura académica, así como á motivación e que  valorando de xeito positivo a correcta citación de fontes no proceso de avaliación.

Así mesmo, todo o alumnado dos títulos de Máster, independentemente da rama de coñecemento, amosa, ao igual que o alumnado de Grao, unha tendencia xeral a valorar positivamente as accións levadas a cabo polo profesorado para evitar o plaxio.

Utilidade

No referido á utilidade das opcións ofrecidas polo profesorado para evitar o plaxio, todo o alumnado analizado dos títulos de grao valora positivamente o proceso de citación en canto lle serve para recoñecer o mérito dos autores orixinais, para remitir ás fontes orixinais e para apoiar os seus argumentos. Porén, non considera que o proceso de citación sirva para demostrar que aprendeu de maneira adecuada ou para xerar discusións.

No caso dos estudantes de máster, amosan unha tendencia xeral a valorar positivamente a utilidade de citar traballos académicos, pero segue a manifestar que citar correctamente débese en maior medida a un requisito universitario.

Cita e copia

No referido ás súas propias prácticas á hora de elaborar traballos, o alumnado de grao analizado admite ter incorporado aos seus traballos fragmentos de textos escritos e de apuntes sen citar adecuadamente a fonte, pero o que menos fai é entregar como propio un traballo descargado de Internet sen modificalo.

Do mesmo xeito, todo o alumnado dos títulos de máster afirma, en xeral, non cometer plaxio ao longo destes estudos, entendendo por plaxio a copia total de traballos. Aínda así admiten empregar nalgunha que outra ocasión prácticas deshonestas como a incorporación aos traballos de copias de fragmentos, tanto de fontes impresas como de páxinas web. Neste sentido, ve como algo negativo a copia íntegra de traballos pero non como conduta tan grave o feito de copiar partes de traballos ou fragmentos de fontes.

Autopercepción

A autopercepción dos estudantes de grao con respecto ao plaxio difire respecto da percepción que teñen da realización deste tipo de práctica polos compañeiros. Neste sentido, manifestan o seu acordo co feito de que o seu grupo de iguais realiza de maneira frecuente a copia parcial de fragmentos sen citar, aínda que non recoñecen eles mesmos nesa práctica.

No caso dos máster, o resultado é moi similar, isto é, todo o alumnadoten a perspectiva de que o plaxio é diferente cando é cometido polo propio estudante ou polos compañeiros. Así, o estudantado amosa o seu acordo co feito de que a copia parcial de textos, xa sexa de fontes impresas ou de internet, é unha práctica habitual por parte dos seus iguais, pero non nel mesmo. Son prácticas menos recurrentes a copia total de traballos.

Causas

No referido ás causas, o alumnado de grao sinala que as principais son a falta de tempo e a sobrecarga de traballo (factores externos non controlables). Pola contra, non consideran que sexa unha causa para levar a cabo accións de plaxio o descoñecemento da existencia de normativa na universidade que o penalice, nin tampouco, a gravidade das sancións.

No caso dos estudantes de máster, as principais causas son a falta de tempo e a sobrecarga de traballo. A maiores, fan referencia tamén á facilidade e á comodidade do acceso ao material vía Internet como outra das posibles causas de cometer plaxio. Tendo en conta as accións menos valoradas, en xeral o alumnado de máster considera que cometer plaxio non ten relación co descoñecemento da existencia de normativa e a gravidade das sancións impostas.

Información xeralUniversidadeConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalProfesoradoAlumnado
Categorías: Novas Xunta

Resolución das axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo ou FP dual

Ven, 25/10/2019 - 08:10
Idioma Gallego

Publicada a Orde do 15 de outubro de 2019 pola que se fai pública a resolución das axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo ou FP dual, convocadas pola Orde do 6 de maio de 2019.
 

Anuncio principal: Convocadas axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo ou FP dualTema: BolsasEnsinanza: Formación Profesional inicialDepartamento: Servizo de Orientación Profesional e Relación con EmpresasColectivo: ProfesoradoAlumnadoCentrosEmpresas
Categorías: Novas Xunta

A Fundación Rof Codina aproba un proxecto de orzamento de 1,8 M€ para o vindeiro ano

Xov, 24/10/2019 - 17:15
Idioma GallegoSummary: Carmen Pomar presidiu a xuntanza do Padroado da FundaciónO Plan de accións para o ano 2020 inclúe a potenciación do servizo de radioterapia do Hospital Veterinario Universitario, a dixitalización das historias clínicas, e o Big Data para a mellora da sanidade animal e a súa aplicación nos procesos produtivos, entre outras

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu esta tarde a reunión do Padroado da Fundación Rof Codina, na que se aprobou o proxecto de orzamentos deste organismo para o vindeiro ano, por un importe de 1,8 millóns de euros así como os plans de acción a desenvolver ao longo de 2020.

Ademais das habituais funcións docentes, investigadoras e asistenciais, estas contas permitirán implantar o servizo de radioterapia e avanzar na consolidación do Hospital Veterinario Universitario-Rof Codina como centro de referencia de benestar animal, así coma no proceso de dixitalización de historias clínicas e o uso do Big Data para a mellora da sanidade animal e a súa aplicación nos procesos produtivos do sector primario.

Así mesmo, co fin de dotar ao Hospital dunha maior capacidade docente e contribuír a unha mellor formación do alumnado do grao de Veterinaria, tratouse a consolidación dos facultativos do Hospital nas figuras de profesores asociados.

Outra das accións a potenciar de cara ao vindeiro ano serán os convenios de colaboración con distintas entidades, co fin de favorecer a docencia e a investigación nos ámbitos de produción, elaboración de dietas e actividade clínico-asistencial no campo das patoloxías tumorais. Tamén se incidirá na formación dos asistentes técnicos veterinarios e outros títulos de Formación Profesional relacionados co sector primario e de produción.

A Fundación Rof Codina ten como finalidade xestionar o Hospital Veterinario Universitario e o Cebiovet (Centro de Biomedicina Veterinaria). O seu Padroado está conformado por 4 representantes da Xunta de Galicia, 3 da Universidade de Santiago de Compostela,3 da Deputación Provincial de Lugo e outros tantos do Concello de Lugo.

Información xeralConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalEntidades autonómicas
Categorías: Novas Xunta

Actividades de formación en linguas estranxeiras alumnado 2019. Relación de persoas beneficiarias e importe das axudas concedidas

Xov, 24/10/2019 - 12:23
Idioma Gallego

Publicación da relación de persoas beneficiarias e do importe das axudas concedidas, segundo o indicado no artigo 11.1 da Orde de convocatoria, ordenadas por apelidos e nome.

Servizo relacionado: AxudasleTema: Lingua estranxeiraAxudasleEnsinanza: Educación secundaria obrigatoriaBacharelatoColectivo: AlumnadoFamiliasCentros
Categorías: Novas Xunta

STEMweek 2019. Relación de persoas beneficiarias e importe das axudas concedidas

Xov, 24/10/2019 - 11:53
Idioma Gallego

Publícase a relación de persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas segundo o disposto no artigo 11.1 da Orde de convocatoria:

 

Servizo relacionado: AxudasSTTema: BolsasFormaciónEnsinanza: Educación secundaria obrigatoriaDepartamento: Servizo de Formación do ProfesoradoColectivo: AlumnadoFamilias
Categorías: Novas Xunta

Convocatoria do concurso para elaborar a exposición sobre o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas 2020

Mér, 23/10/2019 - 15:22
Idioma Gallego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa colaboración da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, convoca un concurso para elaborar unha exposición sobre a obra, época e lingua do autor homenaxeado en 2020 no Día das Letras Galegas, Ricardo Carballo Calero (Ricardo Carvalho Calero), e/ou sobre a situación sociolingüística da etapa histórica en que este viviu.

Poderán participar os centros docentes de ensino público non universitario dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Concederanse dous premios, un para cada unha das dúas categorías de participación.

  • Categoría A: educación infantil e primaria
  • Categoría B: educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial

O centro que elabore a exposición gañadora de cada categoría recibirá un premio en metálico por un importe de 2 000 €.

O profesorado que participe de forma activa na elaboración das exposicións gañadoras recibirá unha certificación de primeiro premio de innovación educativa, cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado (30 para o a persoa coordinadora).

  • O prazo de presentación dos traballos rematará o día 22 de xaneiro de 2020 (incluído).
     

 

File:  Convocatoria AnexosTema: ConcursosEnsinanza: Ensinanzas de réxime xeralDepartamento: Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación EducativaEntidades nacionaisColectivo: ProfesoradoAlumnadoCentrosSección: BoletínPortada de boletín
Categorías: Novas Xunta

Puntuacións provisionais dos premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2018/2019

Mér, 23/10/2019 - 15:13
Idioma GallegoAnuncio principal: Convocados os premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2018/2019

Publicadas as Puntuacións provisionais dos premios de educación secundaria obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondentes ao curso 2018/2019

Servizo relacionado: Premios ao alumnadoTema: Premios autonómicosEnsinanza: Educación secundaria obrigatoriaDepartamento: Servizo de Avaliación e Calidade do Sistema EducativoColectivo: AlumnadoFamiliasCentros
Categorías: Novas Xunta

Educación inclúe no programa “Biblioteca inclusiva” un proxecto piloto de lectura asistida con cans nos centros de ensino

Mér, 23/10/2019 - 12:09
Summary: Carmen Pomar compartiu co alumnado do CEIP do Camiño Inglés unha destas sesións‘Lecturas no Canmiño’ está dirixido especialmente ao alumnado con necesidades específicas de atención educativaA iniciativa enmárcase en ‘O teu Xacobeo’, o programa posto en marcha pola Xunta para involucrar a toda a cidadanía na programación do vindeiro Ano Santo Idioma Gallego

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, acompañada da comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, compartiron esta mañá unha sesión da actividade Lecturas no Canmiño con alumnado do CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés, na localidade coruñesa de Oroso. Esta iniciativa, enmarcada no programa O teu Xacobeo, ten como obxectivo motivar o alumnado a ler, en especial aos estudantes con necesidades específicas de atención educativa.

Ao longo deste mes de outubro celebraranse 5 sesións de Lecturas no Canmiño en cinco centros pertencentes ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), en concreto no CEIP Lamas de Abade (Santiago de Compostela), no CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso), no CEE Manuel López Navalón (Santiago de Compostela), no CEE Nosa Señora do Rosario (A Coruña) e na EEI de Barrionovo (Arteixo), co fin de practicar e mellorar as habilidades lectoras e de comunicación do alumnado.

Neste sentido cómpre sinalar que a lectura apoiada con cans se emprega en moitos países como método de apoio á aprendizaxe e consolidación da lectura. A través dela procúrase converter o acto de ler nunha actividade lúdica, nun ambiente cálido, onde todo vai a acontecer arredor do can e o alumnado pode estar relaxado e cómodo por non ser o centro de atención. A presenza do can actúa ademais como un elemento motivador, xa que crea un ambiente diferente da clase tradicional e transforma a metodoloxía de ensino, ademais de constituír un “acompañante” que non vai xulgar ao neno e que, polo tanto, lle vai dar maior seguridade. Deste xeito esta experiencia piloto pretende ser unha ferramenta diante das dificultades de aprendizaxe a través do apoio que supón o can.

Coa axuda dos técnicos, o programa permite ademais mellorar a comunicación verbal e non verbal do alumnado, a súa comprensión lectora e promover a aprendizaxe cooperativa e a interacción entre os alumnos, co que iso implica ao nivel do manexo emocional. Ademais, o contido das lecturas propostas e o comentario das mesmas redunda no reforzo de outros contidos curriculares e transversais.

A primeira das sesións en cada centro céntrase en que as nenas e nenos se habitúen ao can e collan confianza con el. O resto das sesións, de aproximadamente unha hora de duración, comeza cunha quenda de lecturas apoiadas co can (cun libro para cada alumno participante, de temática relacionada co Camiño de Santiago). Nas últimas sesións proporanse ademais actividades de carácter lúdico cos cans.

No programa participa Brus, un labrador retriever acreditado como can de terapia no ano 2017 segundo os estándares da Sociedade Internacional de Cans de Terapia polo Corpo Canino Terapéutico Lincoln. En todas as sesións o alumnado e profesorado participante está acompañado por Marta Jaquet Santamarina, psicóloga e técnica en Intervencións Asistidas por Cans. Esta actividade recibiu o apoio de O teu Xacobeo, o programa posto en marcha polo Goberno galego para involucrar a toda a cidadanía na programación do vindeiro Ano Santo, e lévase a cabo a través da colaboración co centro de educación canina Golfo e Dama.

Unha vez avaliados os resultados desta iniciativa e escoitados tanto o profesorado como o alumnado participante, valorarase desde esta consellería a implementación dun programa destas características no conxunto das bibliotecas escolares, toda vez que a experiencia está a resultar altamente positiva.

Viveiro de cidadanía

A visita enmárcase na celebración do Día da Biblioteca, que se conmemora o 24 de outubro desde hai xa máis de dúas décadas a proposta da Asociación Amigos del Libro Infantil y Juvenil. A Consellería edita todos os anos un cartel cun lema conmemorativo para o ano escolar en curso, que neste 2019/20 é Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía. O autor do cartel deste ano, que evoca as diversas situacións que unha biblioteca escolar pode facilitar, é o ilustrador Óscar Villán.

O lema afonda no significado que a actividade da biblioteca escolar ten para o alumnado e para a comunidade educativa en xeral, ao servir como “viveiro de cidadanía”, espazo no que medran as xeracións novas e se forman para os retos que o mundo actual nos presenta. Dada a importancia das iniciativas que se desenvolven nela, cómpre reflexionar sobre a distribución dos espazos, a organización dos tempos, a selección dos recursos e, moi especialmente, sobre o enfoque das actividades, co fin de que a biblioteca escolar poida facilitar o diálogo, a lectura crítica, a reflexión, o acceso ao coñecemento, o pensamento, a investigación, a experimentación, a creación, a comunicación, a adquisición de competencias útiles para a vida e para a convivencia, para o desenvolvemento académico e persoal, para unha participación activa nunha sociedade máis xusta e igualitaria.

Neste sentido o lema deste ano pon o foco na necesidade de crear nas bibliotecas escolares un ambiente axeitado para que as alumnas e alumnos desenvolvan a estima por si mesmos e polos recursos naturais e culturais á súa disposición, aprendan a convivir cos outros, adquiran paulatinamente os valores democráticos, o respecto polos Dereitos Humanos e a Cultura de Paz imprescindible para unha convivencia xusta, pacífica e enriquecedora.

Audio: Información xeralAlumnado con necesidade específica de apoio educativoBibliotecas escolaresEnsinanzas de réxime xeralConsellería de Educación, Universidade e Formación ProfesionalProfesoradoAlumnadoCentros
Categorías: Novas Xunta


by Dr. Radut