A Xunta inxecta case 1,6 M€ no centro de investigación interdisciplinar en tecnoloxías ambientais, Cretus, tras incorporarse á rede de excelencia

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, visita este centro da Universidade de Santiago de Compostela centrado na concepción, desenvolvemento e avaliación de tecnoloxías ambientais sustentables

Lun, 27/05/2024 - 15:21
c

A Xunta de Galicia vai inxectar preto de 1,6M€ no Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais, CRETUS, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), tras a súa incorporación á Rede de Investigación de Excelencia de Galicia, que aglutina os axentes investigadores máis punteiros que operan nas universidades galegas.

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, visitou esta mañá o centro para coñecer de primeira man as principais liñas de investigación que está liderando así como para dar a coñecer o apoio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional a estes espazos co obxectivo de asegurar un financiamento estable da súa actividade científica ata o ano 2027.

Neste compromiso estratéxico para seguir promovendo a investigación científica de calidade como axente de desenvolvemento socioeconómico, a Xunta de Galicia vén de incrementar un 31%, ata acadar os 23,6M€, o orzamento destinado á Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia, a que incorpora cinco novos centros. Deles, dous son de máxima categoría, como é o caso do CRETUS, mentres que tres son da nova categoría de colaborativos, os que aspiran a entrar nos vindeiros anos e que tamén recibirán financiamento autonómico.

Este apoio consolida o modelo galego de investigación universitaria, que sitúa a Galicia entre as cinco mellores comunidades autónomas do Estado en apoio á actividade investigadora. Ademais, Galicia é a única Comunidade cun programa completo de formación investigadora, cubrindo as etapas predoutoral e posdoutoral, así como cun programa de retención de talento.

Combinación das diferentes áreas de ciencias

O Centro Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais, CRETUS, iniciou o seu funcionamento en 2015 como agrupación estratéxica coa ambición de promover un centro de investigación referente na concepción, desenvolvemento e avaliación de tecnoloxías ambientais sustentables.

Desde a súa orixe, o propósito de CRETUS foi combinar as capacidades de diferentes áreas de ciencias experimentais (ecoloxía, ecotoxicología, modelización, química analítica e química ambiental), ciencias sociais (dereito ambiental, psicoloxía social) e de enxeñería (biotecnoloxía ambiental, enxeñería ambiental, enxeñería de procesos) cunha visión holística, para abordar retos máis ambiciosos atendendo a un triplo enfoque: diagnóstico + tecnoloxía + impacto.

Actualmente conta con 99 investigadores que centran a súa actividade en oito áreas de desenvolvemento en I+D: remediación e usos sustentables do chan, tratamento e recuperación de augas, valorización de residuos, bioindicadores, integración de datos e modelado, monitorización fisicoquímica, procesos sustentables e impacto socioeconómico e ambiental.

A Universidade de Santiago, a que pertence o CRETUS, recibirá un financiamento total de máis de 12,7M€ para os cinco centros de investigación da Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia que acadaron a acreditación en excelencia nesta última convocatoria, o que supón un aumento do financiamento para a USC dun 17%.

Os centros da Universidade de Santiago pertencentes á Rede, ademais do CRETUS, son o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, CIMUS, que disporá dunha axuda de máis de 2,7M€; o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares, CIQUS, cunha achega de 3M€; o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, CITIUS, cunha axuda de máis de 2,4M€, e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, IFGAE, que recibirá case 3M€ por parte da Xunta.