REUNIÓN INICIAL COS TITORES/AS
Debido ao protocolo de adaptación ao contexto da COVID-19, este curso non é posible o acceso das familias ao centro para manter reunións presenciais. Por esta razón, e sabedores da enorme importancia que ten presentarnos ás familias e poder achegar a información máis relevante do curso recén iniciado, os titores de todos os grupos están a enviar estes días, a través dos seus fillos, unha comunicación escrita para convocalos a unha reunión que terá lugar por videoconferencia, no día e hora indicados en dito impreso (mércores 14, xoves 15 ou venres 16, pola tarde), no que tamén figura o sitio exacto de internet ao que deberán dirixirse, así como os pasos a seguir, para presenciar a reunión.
A finalidade é a de que poidan coñecer persoalmente á titora ou titor da súa filla/o e poder explicarlles horarios, normas de funcionamento, a adaptación do centro á situación sanitaria actual, así como todos aqueles aspectos ou dúbidas que poida haber relacionadas co comezo do novo curso. É por isto que aconsellamos e agradecemos moito a súa asistencia.
Aínda que figuran tamén no impreso remitido polo titor/a, detallamos os pasos a seguir para poder estar ese día na reunión:
- Instalar nun ordenador, tableta ou móbil a aplicación Cisco Webex Meetings (gratuita).
- Unha vez instalada, abran a aplicación e preman en "Unirse a la reunión".
- En "Número de reunión o URL" escriban a ligazón que figura no impreso entregado á súa filla/o.
- Escriban a continuación o seu nome e entre parénteses o do seu fillo/a, e un enderezo electrónico.
- Finalmente, preman en "Unirse". Xa estarán na reunión. Verán na pantalla que poden activar/desactivar tanto o micro como a cámara. Aconsellamos desactivar o micro propio ata que se desexe intervir (para evitar ruídos que entorpezan a conversa) e manter activada a cámara propia salvo que observen lentitude na conexión.
Moitas grazas pola súa colaboración.