Skip to Content

Ciencias Naturais

Proxecto rios: Inspección primavera 2019

                                                                               Ver mais fotografías

Recentemente, algúns alumnos de 4º ESO de Bioloxía saíron ó Río Pequeno pola mañá, para realizar a toma de datos correspondente á inspección de primavera.

 

Despois de recorrer o tramo de estudio para observar os posibles cambios, centrámonos na zona de mostraxe para facer as análises pertinentes e cubrir a ficha na que se reflexan 3 aspectos do río: calidade hidrohidromorfolóxica, calidade físico-química e calidade biolóxica.

Deducimos que  a calidade ecolóxica do ecosistema fluvial no tramo elexido segue sendo boa, con augas ben osixenadas e non contaminadas, tal e como indican a presencia dos numerosas  macroinvertebrados atopados.

Os resultados foron os seguintes:

1.- Calidade hidromorfolóxica:

Hábitat: a auga flúe, o nivel de auga é un pouco máis baixo do esperado debido á seca dos últimos meses, hai frecuencia  ocasional de rápidos, o substrato son coídos e gravas con area e limos,  a cobertura de vexetación acuática é escasa e o río está sombreado con claros. Esto lévanos a unha valoración final do hábitat  boa, é un hábitat ben constituído, que pode soportar unha boa comunidade de macroinvertebrados.

Bosque de ribeira: Para unha primeira valoración empregamos o índice QRISI aplicándoo nas dúas marxes. Na dereita ten calidade moderada, con bastantes árbores propias de ribeira (amieiro, salgueiro, loureiro, bieiteiro, freixo, …) pero na esquerda ten calidade bastante menor xa que a intervención humana segue estando  máis presente (prado, casa, gando….)

 

2.- Calidade físico-química: Medimos unha serie de parámetros e os resultados son os seguintes: Temperatura de 14º , transparencia boa (aprécianse os 4 sectores), nitratos entre 5-20mg/l, osíxeno disolto de 4mg/l e nivel de saturación de osíxeno do 36%.

 

3.- Calidade Biolóxica: para valorala, fixámonos sobre todo nos macroinvertebrados que capturamos co trueiro e dan unha idea rápida da calidade do ecosistema xa que son organismos  bioindicadores.  Identificamos: tricópteros (larvas con estuche) de tipo  Limnephilidae, efemerópteros (Ephemeridae), larvas de libélula (Gomphidae e Libellulidae), moluscos (pequenas caracolas e algunha lapa), heterópteros tipo Gerridae (zapateiro común) e Notonectidae (Notonecta glauca), arácnidos, escorpión de auga (Nepidae), larvas de cabaliño do demo (Calopterygidae), escribanos (Gyrinidae), e algún outro.

Segundo os macroinvertebrados atopados, chegamos á conclusión de que o tramo de río estudiado presenta boa calidade. porque bioindicadores deso son os odonatos ou larvas de libélulas, os tricópteros (Limnefílidos ) e as efímeras.

Conclusión:

Comparando os datos obtidos cos de outras campañas deducimos que o río segue a estar en bo estado, con moi pequenas variacións. O que reseñamos, igual co ano pasado é a presencia cada vez maior nos castiñeiros da parte dereita do río da avispilla do castiñeiro.  O seu nome científico é Dryocosmus kuriphilus, procede de China e nótase moi ben nos castiñeiros novos as partes baixas das ramas coas follas e agallas secas e as partes que medraron este ano, coas follas verdes pero tamén caragadas de agallas. Unha pena porque esta invasora vaille dar que facer ós nosos soutos...

Polo demais, a actividade resultou ben e seguiremos con ela porque resulta motivadora e interesante. Con estudios sinxelos, pódese saber o  estado de saúde do ecosistema e axudar a concienciar da importancia que ten fomentar a conservación do medio natural.

Día da Ciencia na rúa. Abril 2019

                                                                                          Mais fotografías

O pasado día 4 de maio, celebrouse na Coruña o Día da Ciencia na Rúa e o IES de Ribadeo colaborou coa participación dunha parte do seu alumnado como xa ven sendo habitual dende fai 24 anos.

Foron un total de 35 alumnos e alumnas de 1º e 3º  da ESO, acompañados polas profesoras María del Monte do Dpto de Tecnoloxía e  Beatriz  Fernández e Susi Besteiro do Dpto de Bioloxía. Por certo, tamén nos acompañou Antonio Gregorio porque aínda que está xubilado, leva a ciencia no sangue.

Levamos traballos variados. Algúns de tecnoloxía como a lavadora, unha ponte levadiza, a mininoria, as sillas voladoras e a respiración pulmonar e tamén algúns de bioloxía como as egagrópilas das aves, os otolitos dos peixes e as dúas novas especies invasoras detectadas en Ribadeo: a ostra rizada e a avispilla do castiñeiro. Todos os traballos gustaron moito e os nosos alumnos recibiron moitas felicitacións tanto pola calidade dos proxectos como pola forma de explicalos.

Foi un día realmente interesante no que tamén poidemos observar moitos traballos presentados por outros centros comprobando que unha vez máis seguimos mantendo un bo nivel e iso resulta francamente satisfactorio.

A continuación poñemos o enlace para poder ver a reseña que saiu na Voz de Galicia referida a ese día e no que fan mención ó noso centro.

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/coruna/2019/05/04/1500-alumnos-dan-mejor-clase-ciencia-coruna/00031556968507026468322.htm

Tamén poñemos o enlace  do Día da Ciencia no que se pode acceder ó libriño no que figuran tódolos centros participantes e os traballos presentados. https://indd.adobe.com/view/a934a555-e17b-4a66-8570-8a914d578a14 e xa no último enlace pódese acceder ó libriños das 24 edicións que se levan celebrado e nas que sempre colaboramos primeiro como IES Porta de Auga e despois xa unificados, como IES de Ribadeo https://www.amigoscc.es/escolares/ciencia-en-la-calle/.

Finalmente, agradecemos a Javier Novelle, organizador do evento, que ano tras ano, sigue facilitándonos a participación facéndose cargo dos gastos de autobús, comida e dos agasallos para os nosos alumnos.

Fdo: Susi Besteiro, xefa do dpto de Bioloxía

25 Feira da Ciencia no IES de Ribadeo, a ilusión de aprender!!!

Ver a galería de fotografías

O pasado 10,11 e 12 de abril do 2019 tivo lugar unha celebración especial no IES: a  25 Feira da Ciencia. Con Antonio Gregorio xubilado, colaboramos para sacar adiante todo o traballo uns cantos compañeir@s: María del Monte Álvarez, profesora de Tecnoloxía, Mario Martinez, profesor de Física e Beatriz González Fernández, Maxi Piñeiro Vidal e Susi Besteiro do Dpto de Bioloxía. Tamén tivemos a gran sorte de que Chus Colmenero, profesora de Educación Plástica fixo un cartel  moi fermoso que non deixou indiferente a ninguén e Alfonso Piñeiro, o director, que sempre está aí para todos, aproveitou o deseño para encargar unhas chapas de recordo para toda a comunidade educativa. Mil gracias a todos eles!

Na Feira expuxéronse moitos traballos e moi variados:

- Na área de Tecnoloxía, María del Monte e os seus alumn@s de 3º ESO presentaron proxectos  moi variados como aspiradora e lavadora caseiras, pontes levadizas hidráulicas e eléctricas, estruturas con canutillos de papel, unha palomitera, unha mininoria, un elevador, un teleférico, un dispensador  e unha simulación da respiración pulmonar entre outros.

- Na área de Física, Mario e o alumnado de CAAP elaboraron un traballo sobre conductividade eléctrica, unha pila e unha electrodeposición.

- Na área de Bioloxía, os alumn@s de agrupamento específico de 3º ESO, fixeron con Beatriz  unha roda dos alimentos para axudarnos a tomar conciencia da importancia de ter unha alimentación variada e equilibrada.

- Os alumnos de 1º ESO xunto coas profesoras Beatriz e Susi, sacaron adiante un bó número de proxectos: tinguiron flores, explicaron a metamorfose dos vermes da seda, investigaron sobre a ostra rizada e a avispilla do castiñeiro que son dúas  novas especies invasoras que hai en Ribadeo,  explicaron a importancia da vexiga natatoria, das escamas e dos otolitos dos peixes óseos así como dos dentículos dérmicos dos tiburóns e ademais  analizaron egagrópilas de curuxa chegando non só a descubrir que comeran ratos, topillos e musarañas senón que ademais e para sorpresa de moita xente, montaron os esqueletos das presas citadas.

- Por último, os alumn@s de 4º ESO traballaron con Maxi Piñeiro e Susi Besteiro. Na área de bioloxía fixeron a extracción do ADN de fresa, prepararon uns cariotipos moi orixinais analizando as alteracións máis comúns e realizaron un estudo sobre as bebidas azucradas e os efectos nocivos tratando de mentalizarnos da importancia de hidratarnos con auga.  Na área de Xeoloxía, presentaron un corte xeolóxico da Ría de Ribadeo coas principais rochas que atopamos no entorno,  analizaron o método sísmico e a súa importancia para chegar ó modelo estrutural da Terra, amosáronnos cos imáns intelixentes e cun imán nun tubo de cobre a importancia do magnetismo terrestre e  fixeron un estudio sobre a chuvia ácida e o mal da pedra.

En definitiva, moitos traballos e ben presentados. Noraboa a tódolos alumnos participantes!

Tal vez a Feira deba evolucionar, creo que debería pasar a ser Feira da Ciencia e da Cultura porque non cabe dúbida de que todo o alumnado e profesorado fai ó longo de cada curso moitos traballos que merece a pena divulgar entre a comunidade docente. E non son días perdidos, son días de clase distintos... É certo que non se dá materia e que hai barullo polos corredores pero penso que tódolos alumnos e alumnas que participan aprenden unha boa lección para a vida: a importancia da actitude, de poñerlle ganas ó traballo, o orgullo do traballo ben feito, a importancia de saber transmitir os coñecementos e en definitiva, a ilusión  por aprender. Ilusión que, tras participar en 25 Feiras, aínda conservo e comparto cos compañeir@s e alumn@s.

Fdo: Susi Besteiro Cabanas

25 celebracións do "Día mundial dos Humedais"

      

Dende o curso 93-94, que cheguei a Ribadeo, tiven claro que A Ría non podía pasar desapercibida nas clases de Bioloxía e comecei a estudar as características máis relevantes para poder transmitírllelas ós alumnos e alumnas. Así comezamos a celebración do Día Mundial dos Humedais cada 2 de Febreiro ou na data máis próxima posible, e xa van 25 cursos saíndo á ría. A finalidade sempre a mesma, observar as aves invernantes procedentes do norte de Europa e que cada ano elixen a nosa Ría para pasar o outono e inverno escapando do frío e da falta de alimento.

Este ano fixémola o pasado día 6 de febreiro co alumnado de 4º ESO. Dedicamos tres horas a dar unha volta á Ría equipados con prismáticos e telescopios que nos permitiran a observación.

A primeira parada foi a Lieira. A marea estaba baixando, e a maioría das aves aproveitaban para alimentarse e disfrutaban da segunda mañá de sol despois duns cantos días de pleno inverno polo que había moita actividade.

Nas zonas descubertas pola baixamar estaban as limícolas peteirando no fango para sacar caracois, vermes, insectos... Había moitos zarapitos (Numenius arquata) co seu peteiro longo e curvo, algunha agulla e tamén polo medio andaban os correlimos (Calidris alpina) que a pesar do seu tamaño pequeno nunca pasan desapercibidos pola forma de alimentarse e sobre todo cando voan totalmente acompasados. Polo medio tamén había un bó número de gaivotas choronas, claras, escuras e algún gaivotón.

Nas zonas aínda cubertas por unha lámina de auga, estaban a maioría das zancudas: as garzas reais (Ardea cinerea) co seu andar maxestuoso, as espátulas ou cullereiros (Platalea leucorodia) vadeando co seu peteiro ou acicalando a súa plumaxe, e as garcetas  (Egretta garcetta) brancas como a neve e lucindo os  dedos amarelos

Nas zonas con máis auga, as anátidas, sempre en parellas. Para distinguir as especies fixámonos nos machos posto que presentan dimorfismo sexual: mentras que as femias son todas moi parecidas e polo tanto difíciles de distinguir, os machos son polícromos. Os  de  pato asubión  (Anas penelope) coa súa cabeza pardo vermella cunha franxa dourada e os de  alavanco real (Anas platyrhynchos) coa cabeza verde irisada.

Dende a punta de Castopol, seguimos observando como se alimentaban a maioría delas e puidemos ver de cerca os cormoráns (Phalacrocorax carvo), mergullándose para pescar e despois repousando coas ás estendidas e orientadas ó vento para secarse. De feito, no tesón da Berlinga , puidemos contar un bó número deles.

Outro aspecto no que sempre nos fixamos é tratar de distinguir os tres grandes grupos de vexetación da ría: en primeiro lugar, nas zonas descubertas pola baixamar, as pradeiras mergulladas de herba do mar (Zostera marina e Zostera noltii), especies halófilas, é dicir, que soportan ben as altas concentracións de sal e que cobren gran parte da enseada da Lieira. A partir da enseada do Tarrón, en Vilavedelle, os primeiros xuncais de Juncus maritimus e Scirpus maritimus, vexetación máis debilmente halófila e xa a partir de Porto, en Vegadeo, onde a acción fluvial é maior, os canaveirais de Pragmithes australis.

A última parada foi coma case sempre no observatorio de Reme onde estaba agardando unha das tres Aguias pescadoras (Pandion haliaetus) que seguen invernando na Ría. Polo pousadoiro no que estaba, e tendo en conta que son moi respetuosas entre elas, cremos que era Virgilia. Debía estar agardando que subira a marea para pescar e Panchita e a outra que non debe estar bautizada, andarían de paseo... Tamén nos fixamos dende alí no falso niño que puxeran na beira asturiana, o primeiro ano de invernar na Ría Panchita, da que por certo, sábese que cría en Francia (Orleáns) e que xa ten varios descendentes... Tamén dende alí se vía algún grupo de patos rabudos (Anas acuta), ós que lles debemos xunto cós asubións que a ría sexa Zona ZEPA, é dicir, Zona de especial Protección de Aves e tamén humedal recoñecido internacionalmente como Espacio Ramsar.

En fin, unha mañá na que nos dedicamos a coñecer o noso entorno para así aprender a valoralo e  respectalo.  Creo que moitos dos nosos alumnos recoñecen o privilexio de  vivir ó pé da Ría, humedal de gran importancia e con moita biodiversidade,  que aínda que non se atope nos mellores momentos, xa que os censos delatan que  o número de invernantes baixou considerablemente nos últimos anos,  para todos nós é   un importante patrimonio natural que temos a obriga de conservar.

Susi Besteiro Cabanas

Profesora de Bioloxía do IES de Ribadeo

        

O Río Pequeno: un gran río

Un curso máis decidimos participar  no Proxecto Ríos. O obxectivo é sensibilizar ó alumnado da importancia de valorar e conservar o noso medio e tratar de educar no dedenvolvemento sostible.                              Mais fotografías

O venres 26 de outubro,  os alumnos de 4º ESO de Bioloxía acompañados polos profesores Maxi Piñeiro e Susi Besteiro saíron ó Río Pequeno  para facer a toma de datos correspondente ó outono. Tras dar un paseo pola zona de estudio para facer a observación xeral, fixemos as análises físico-químicas e biolóxicas na zona de mostraxe para poder cubrir a ficha correspondente e enviala a Proxecto Ríos. Os resultados obtidos foron os seguintes:

 

1.- Calidade hidromorfolóxica:

Respecto ó hábitat, a auga flúe, o nivel de auga é  máis baixa ca en anos anteriores porque leva tempo sen chover. Hai frecuencia moderada de rápidos, o substrato son coídos e gravas con area e limos,  a cobertura de vexetación acuática é escasa e o río está sombreado con claros. Esto lévanos a unha valoración final do hábitat  boa, de 65 puntos, que se interpreta como un hábitat que pode soportar unha boa comunidade de macroinvertebrados.

No referente ó Bosque de ribeira, para unha primeira valoración empregamos o índice QRISI aplicándoo nas dúas marxes. Tanto nunha como noutra parécenos que ten calidade moderada, con bastantes árbores propias de ribeira (amieiro, salgueiro, loureiro, freixo, …) aínda que na beira esquerda nótase máis a intervención humana (prado, casa, ….)

 

2.- Calidade físico-química. Medimos unha serie de parámetros e os resultados son os seguintes: Temperatura de 13º , transparencia boa na zona de mostraxe xa que se aprecian os 4 sectores, nitratos entre 5-20mg/l, osíxeno disolto de 4mg/l e nivel de saturación de osíxeno do 35%. Todos estes datos son moi semellantes ós de anos anteriores e con eles deducimos que a auga do río está en boas condicións.

 

3.- Calidade Biolóxica: para valorala, fixámonos sobre todo nos macroinvertebrados xa que son doados de capturar cun trueiro e son organismos  bioindicadores que dan  unha idea rápida da calidade do ecosistema. Identificamos máis ou menos os de sempre: tricópteros (larvas con estuche) de tipo Limnephilidae e Braquicentridae, larvas de libélula (Gomphidae e Libellulidae) e de cabaliño do demo (Calopterygidae), plecópteros (Perlydae), moluscos (caracolas Lymnaeidae e lapas Ancylidae), Heterópteros como o zapateiro común (Gerridae), planarias e algúnha larva de mosquito (Chironomidae).

Segundo os macroinvertebrados atopados, tendo en conta que cada familia ten asociada unha categoría  (moi boa, boa, moderada, deficiente e mala) e que para determinar o rango de calidade debemos atopar polo menos 3 familias representadas que indiquen o mesmo, chegamos á conclusión de que o tramo de río estudiado  segue a presentar boa calidade tal como indican as larvas de libélulas, dos cabaliños do demo, os tricópteros e os plecópteros.

 

Conclusión:

O río segue a estar en bo estado e así o reflexan os datos da área de mostraxe. De calquera xeito, tamén reseñamos que nun pequeno tramo (máis preto da casa) a auga tiña algunha escuma que pode evidenciar  algún vertido, por exemplo de deterxentes. Isto xa o apreciáramos outra vez pero é nunha zona moi concreta e a pesar diso, nese mesmo tramo poidemos observar troitas pequenas. Polo tanto,  tendo en conta que son estenoicas respecto ó osíxeno e moi esixentes co medio, concluímos que eses vertidos non deben ser significativos.

Pensamos que a actividade merece a pena, gustoulles moito ós alumnos e alumnas, e participaron activamente. Na sesión post-saída, todos cubriron a ficha e cremos que se deron conta de que ás veces pequenos estudios son suficientes para sacar conclusións importantes sobre o estado de saúde do ecosistema. Tamén está xa enviada a ficha a Proxecto Ríos.

Finalmente, comentar que este tipo de actividades axúdannos a todos a tomar conciencia da importancia que ten conservar o medio natural e do importante papel  que cada un de nós desempeñamos nesa tarefa.

Mulleres científicas

O pasado mércores 13 de xuño, os alumn@s de 1º ESO do IES Dionisio Gamallo acompañados polas profesoras de Bioloxía e Xeoloxía, foron ó colexio Sagrado Corazón para visitar unha exposición sobre mulleres científicas.                     Mais fotos

Begoña Sanjurjo, profesora de Ciencias, amosounos o que íamos ver: por un lado, unha exposición da Xunta de mulleres que foron galardoadas co premio   Wonenburger dende o ano 2007, e por outro, unha exposición de traballos de alumnos de 1º ESO sobre mulleres científicas de tódolos tempos titulada: “As pícaras tamén somos de Ciencias”.

Actividade coa reserva de biosferaOscos, Eo e Terras de Burón.

Ó longo do curso, recibimos unha invitación por parte dos xestores da Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón para participar nunha xornada de convivencia con tódolos centros de ensino dos 14 concellos galegos e asturianos da Reserva. Como requisito debíamos presentar un traballo dun alumno sobre a mesma. Entón, como só podían asistir 12, decidimos pedirlles ós alumn@s de 1º ESO que fixeran un traballo e seleccionamos os 12 que nos pareceron mellores e entre eses, o que representaría ó centro.

O día 12 de xuño, os alumnos seleccionados acompañados pola profesora María Jesús Besteiro fixemos as seguintes actividades:

Primeiro, fomos á Pontenova onde plantamos 17 cerdeiras e bidueiras, unha por cada centro participante.

Despois, fixemos todos xuntos unha ruta de sendeirismo dende O Cairo ata San Tirso de Abres, onde novamente plantamos outras 17 árbores á beira do Río Eo.

Dende alí xa nos levaron ata Vegadeo onde comemos no colexio Jovellanos, anfitrión da xornada, e pola tarde tivemos un acto institucional na casa da cultura. Alí falaron as autoridades, fixeron a entrega dun diploma ó alumn@ representante de cada centro e despois entregaron un trofeo ós gañadores de cada categoría.

Río Pequeño, primavera 2018. Unha nova invasora: “ a avispilla asiática”

Despois de ter que aprazala unhas cantas veces polo mal tempo e outros motivos, finalmente puidemos facer a saída ó río Pequeno para coller os datos de primavera. (Ligazón para ver as imaxes)      

Os resultados non varían practicamente dos obtidos en anos anteriores pero si que temos que reseñar a presencia dunha especie invasora que ata este ano non detectaramos: a avispilla do castiñeiro. O seu nome científico é Dryocosmus kuriphilus, procede de China e dende que se catalogou en Galicia por primeira vez no ano 2014, a súa expansión foi meteórica. Para loitar contra ela, a Xunta acaba de soltar 1500 exemplares de Torymus sinensis, insecto que se alimenta das larvas da avispilla polo que se converte no inimigo natural. Esperemos que  esta loita biolóxica sexa efectiva porque a praga ameaza con acabar cos nosos soutos.

Con respecto ó resto de datos, comentar que non hai grandes cambios respecto ás pasadas primaveras. Da análise físico-química, podemos indicar os seguintes resultados: temperatura 15ºC, pH 7, concentración de nitratos 5mg/ml, concentración de osíxeno disolvido 4mg/ml, saturación de osíxeno 37% e auga totalmente transparente e que flúe con normalidade. Está claro que estes parámetros indican unha boa calidade físico-química do medio, dato que tamén contratamos coa análise dos biolóxica.

Entre os macroinvertebrados atopados temos: tricópteros (Limnephilidae), efemerópteros (Baetidae), dípteros (Simulidae e Chironomidae), heterópteros (Gerridae), vermes oligoquetos, larvas de libélula (Aeshnidae, Calopterygidae e Gomphidae) e moluscos (Ancylidae, Lymnaeidae e Planorbidae). Tras verificar as claves, podemos afirmar que o río segue a gozar dun bo estado de saúde e por iso seguimos atopando troitas, especies moi esixentes co medio.

Tamén nos fixamos na vexetación, nas plantas acuáticas máis comúns como o pé de boi, o lirio amarelo, o fento real ou a lentella de auga que atopamos nunha zona moi concreta. Respecto ás árbores, ademais das especies típicas de ribeira coma por exemplo o salgueiro, o ameneiro, o freixo, o loureiro e a abeleira, tamén hai algún carballo e como indicamos ó principio, os castiñeiros de toda a zona infectados pola avispilla asiática o que notamos polas agallas que lles saen nas follas e ó longo das ramas tal e como pode apreciarse nas fotos que adxuntamos.

Xa para rematar, simplemente dicir que pasamos unha mañá incrible no río, que disfrutamos coa paisaxe e co traballo e que esta actividade sempre merece  a pena e pensamos que axuda moita a sensibilizar ó alumnado en valores como o respecto e a conservación do noso patrimonio natural.

Día mundial dos humedais 2018

Un ano máis tivemos a sorte de poder celebrar o día mundial dos Humedais cos nosos alumn@s. A data conmemorativa é o 2 de febrero para recordar que ese mesmo día do ano 1971, moitos países e entre eles España, firmaron o Convenio Ramsar comprometéndose a velar pola conservación deses ecosistemas de gran biodiversidade.

Por iso, cada ano escolar, arredor do 2 de febrero, adicamos media mañá a sair á Ría de Ribadeo, humedal de importancia internacional tal e como o avalan as numerosas figuras de protección que posúe. Este ano fixémolo o mércores 31 de xaneiro porque aínda que a marea cadraba regular, daban moi bó tempo e así foi. Tivemos unha mañá de sol espléndido e poidemos disfrutar das principais aves invernantes que cada ano elixen a nosa Ría para pasar o outono-inverno. Veñen dende o norte de Europa, empurradas polo frío e a falta de alimento e están connosco ata que a primavera aparece. Entón, moitas delas xa coa plumaxe nupcial, emprenden a viaxe de regreso para reproducirse.

Material didáctico de Xeoloxía de Galicia

   

Dende a semana pasada, o alumnado e profesorado do IES de Ribadeo, contamos cun material didáctico recentemente publicado e que é de gran interese.

Trátase dun volume da obra “Xeoloxía de Galicia” elaborada polo Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa e coa que el mesmo nos agasallou tras facer connosco un obradoiro titulado “Descubrindo as rochas que pisas”.

Agradecémoslle  o detalle pois é un material que nos será de grande utilidade sobre todo co alumnado de Xeoloxía de 2º Bacharelato e dámoslle os parabéns pola ilusión e capacidade de transmisión que amosa e que xunto cos seus coñecementos, convérteno nun excelente divulgador do noso patrimonio xeolóxico, moitas veces esquecido.

Distribuir contido


by Dr. Radut