Skip to Content

Blogs, Exposicións, Info Point

CONFERENCIA SOBRE O FUTURO DE EUROPA

Un asunto prioritario na actualidade europea é a "Conferencia sobre o Futuro de Europa" (CoFE), unha iniciativa de democracia participativa posta en marcha polas institucións europeas que se sustenta nunha plataforma multilingüe en liña. No marco desta iniciativa organízanse diálogos e debates protagonizados pola ciudadanía. Así, persoas de toda Europa poden compartir as súas ideas e contribuír a configurar o noso futuro común.

Durante o mes de novembro teremos unha sesión informativa dirixida e coordinada por EUROPE DIRECT A CORUÑA e, froito desta sesión intentarase levar a cabo unha acción colaborativa entre os Centros Embaixadores do Parlamento Europeo para promover que os mozos e mozas participen na CoFE desde as súas aulas.

Queremos que o noso alumnado se integre na realidade europea e participe dos temas e das problemáticas que conformarán o seu futuro. Queremos preparalos para que contribúan como cidadáns e teñan voz e voto en todas as decisións que nos afecten.

FORMACIÓN INICIAL EPAS (Madrid 30 set-1 out)

A experiencia de formación sempre resulta positiva e o intercambio de ideas nutrirá, de seguro, a planificación do curso cos distintos grupos. O relato de boas prácticas, a información actualizada, os grupos de contacto,... Un bo traballo non se define só polos resultados senón tamén por todo aquelo que intentamos levar a cabo, todo aquelo no que nos implicamos e en todo aquelo que achegamos ao alumnado para a súa completa formación.

No noso día a día é ineludible falar de EUROPA e da necesaria interrelación entre países e persoas. Xa non podemos plantearmos un futuro exclusivista e illado e a idea de cosmopolitismo volve a aparecer no noso horizonte de forma máis rotunda. Contra todos os problemas que a sociedade poida vivir, a convivencia e a cooperación serán dous alicerces fundamentais para o noso definitivo progreso como Humanidade.

O IES RIBADEO DIONISIO GAMALLO quere vivir e facer partícipe ao seu alumnado desta idea de futuro e desta idea de educación que garante unha convivencia necesaria e pacífica entre os pobos. Aquí tedes algunhas fotos do traballo e dos grupos de EPAS de Galicia e de España. Bo curso para tods!!!

  

 

Comezamos....

Estamos xa cos motores en marcha. Este curso queremos mellorar moitas cousas, e temos algo de experiencia aprendida. Imos contar con máis embaixadores e embaixadoras e agardamos evolucionar na liña de valores marcada desde fai tempo. 

Para os recén chegados ou simplemente para todos aqueles que queirades saber algo máis sobre o noso proxecto, aquí tedes información sobre as ESCOLAS EMBAIXADORAS DO PARLAMENTO EUROPEO

Pronto teremos máis noticias e máis novidades para comunicarvos... Bo curso!!!

Caderniño de verano

A pesar de gozar dunhas merecidas vacacións non convén abandoar moito os quefaceres intelectuais, por iso propoñémosvos un pequeno refresco a modo de recordatorio sobre a Unión Europea. Só para demostrar que somos capaces de lembrar os conceptos e contidos básicos sobre os que traballamos durante o curso, e sobre os que volveremos a traballar no seguinte. Seguide os nosos pasos, os nosos chíos e as nosas noticias, porque teremos cousas que contar. Bo descanso!!!

Twiter cosmopolitas1

CERTIFICADOS DO PARLAMENTO EUROPEO

(20-7-21) Hoxe recibimos o recoñecemento polo traballo desenvolvido durante este primeiro curso como ESCOLA EMBAIXADORA DO PARLAMENTO EUROPEO. Noraboa a todo o profesorado e alumnado implicado, agardámosvos para comezar o curso 2021-2022 con todas as ganas e a mellor actitude na procura dunha sociedade xusta, inclusiva e solidaria.

Estamos convencidos de que esta debe ser a liña prioritaria do noso traballo educativo e fomentaremos todas as actividades que favorezan e incentiven os valores fundamentais de convivencia. as nosas actividades así o demostraron o presente curso e queremos seguir demostrando a nosa firmeza nestes aspectos. Grazas por todo o voso esforzo e pasade con sentidiño o verano.....

Seguídenos no TWITER.

Recepción do Justicia de Aragón aos MEP V Asamblea

Tamén hoxe mércores 16 de xuño, nun acto virtual para o noso centro, os institutos que participamos na V Asamblea Extraordinaria MEP de Aragón, asistimos a un acto final no que as resolucións elaboradas polo alumnado presentáronse ás autoridades da comunidade. Un acto que pon en valor a participación cidadá e o traballo que alumnado e profesorado desenvolve en pro dunha sociedade tolerante, progresista e sobre todo comunicativa; valores que suliñan a importancia que ten a unidade europea no presente e no futuro educativo.

EXPOSICIÓN «Ribadeo: Música en feminino»

Xoxe mércores 16 de xuño e ata o vindeiro mércores 23 teremos na entrada do centro 11 paneles que fan un percorrido pola historia en femenino da música. Mulleres no pasado, no presente e no noso pobo que sinten e transmiten a música como linguaxe universal. 

Unha exposición pensada e elaborada polos e polas docentes do colexio Sagrado Corazón da nosa vila que rinde tributo a un capítulo máis do traballo, as máis das veces oculto, que a muller desenvolve en todos os ámbitos culturais desde o principio dos tempos. Unha exposición que coloca en primeira plana a moitas destas mulleres que contribuiron a facer da MÚSICA o elemento cultural que debe unirmos e que debemos coñecer, sobre todo cando o traballo levado a cabo permanece no esquecemento.

Esta exposición estivo exposta a comezos de xuño na oficina de Turismo e agora podemos dedicarlle algo máis de tempo aproveitando os derradeiros días lectivos do curso. 

SEGUIREMOS SENDO ESCOLA EMBAIXADORA!!!

Grazas a todo o alumnado e profesorado implicado neste proxecto! Acabamos de recibir a notificación de que o curso 2021-2022 mantemos o status de ESCOLA EMBAIXADORA DO PARLAMENTO EUROPEO.

Un título que nos permitiu achegarmos a espazos educativos de moitas partes de Galiza, de España e de Europa. Grazas ao esforzo do grupo de alumnas de Filosofía de 4º ESO e ao grupo de alumnas de Filosofía de 1º de BACH, tamén ao profesorado: Manuel Lozano e Susi López-Leitón da materia de Educación Física, Sofía Acevedo da materia de Relixión, e a Manel Yáñez da materia de Filosofía e coordinador do proxecto, polo seu incansable esforzo para manter estas iniciativas.

Por extensión queremos tamén agradecer desde aquí ao resto de Escolas Embaixadoras polos seus consellos e axuda, e sobre todo ao grupo que formamos as Escolas de Galicia, que, coordinadas por EUROPE DIRECT A CORUÑA, e coa axuda de EUROPE DIRECT LUGO, souberon aportar, colaborar, apoiar e enviar material e ánimo suficiente para levar a cabo os nosos cometidos. GRAZAS a TODS! e seguiremos traballando por lograr unha Europa en paz e unida na diversidade...!

A CONCORDIA PRESENTA A OBRA DE SUÁREZ COUTO

Este xoves 3 de xuño, cun acto oficial de presentación no salón de actos do centro, a Asociación A Concordia fixo pública a cesión temporal da exposición de debuxos e gravados de Suárez Couto ao IES de Ribadeo. Con esta exposición ambos colectivos queren lembrar, difundir e sobre todo dar a coñecer á xuventude da vila, a obra dun artista ribadense que permanece esquecido para a gran maioría.

A colección que a asociación A Concordia conseguiu reunir de familiares, amigos, prensa e publicacións da época está composta de medio centenar de debuxos e gravados moi variados e de distintas épocas: ilustracións para libros e folletos, publicidade de xabóns, festas patronais, semana náutica,... Unha mostra testemuñal que recupera parte do legado artístico de Amando Suárez Couto e revaloriza o interese cultural que toda a familia Suárez Couto amosou por Ribadeo. Un legado que tanto a Asociación A Concordia como o IES Ribadeo Dionisio Gamallo consideran necesario conservar e coñecer.

Breve historia de A Concordia, por Matilde González

En Twiter @cosmopolitas1

(05/06/21) Cronica3.com

(06/06/21) El Progreso

  

(28/05/2021) NARY LY: Supervivente, científica, olímpica

O IES Ribadeo, como Escola Embaixadora do Parlamento Europeo, despide maio cunha actividade moi especial: unha charla coa atleta olímpica Nary Ly. A súa experiencia de vida cubre aspectos emocionais, educativos e deportivos que servirán de acicate a todo o alumnado ribadense.
Un total de case 200 alumnos e alumnas tiveron a oportunidade de compartir con esta atleta olímpica experiencias e emocións que ao longo de dúas horas a protagonista expresou tanto a través de videos como da súa propia voz e sentimento. Un relato que comeza na súa infancia en Camboia e que a levou por circunstancias sociais e políticas ata Francia, Estados Unidos, Camboia,... e finalmente a León, onde reside na actualidade.

Entrevista en El Progreso (sábado 29/05/2021)

Información en Cronica3.com

Distribuir contido