Skip to Content

XEORUTA POLA PRAIA DAS CATEDRAIS E POR PIÑEIRA

O pasado venres 19 de novembro, o alumnado de bioloxía e xeoloxía de 4º ESO e 1º Bacharelato acompañado pola profesora Susi Besteiro, tivo a oportunidade de participar nuha Xeoruta financiada polo Concello de Ribadeo para coñecer un pouco mellor a nosa costa. Francico Canosa, doutor en xeoloxía, pioneiro das xeorutas e gran divulgador da xeoloxía, foi o encargado de guiarnos e amosarnos un bó número de puntos de interese xeolóxico.
 
Comezamos percorrendo o noso Monumento Natural, as Catedrais, onde en primeiro lugar observamos os materiais. Trátase de cuarcitas e lousas de 500 millóns de anos sometidos a erosión diferencial e cunha intensa fracturación que indudablemente condiciona a morfoloxía costeira.

A continuación  fomos vendo in situ as catro fases de evolución do cantil ata chegar á formación dos arcos: cova, túnel rochoso, ollo e arco. Fran explicounos por que se concentran varios arcos nunha determinada zona da praia e indicou que o tempo estimado para a súa formación sería de 15000 a 18000 anos. Polo camiño fomos observando outras estruturas  xeolóxicas como filóns de seixo, fenómenos de boudinage e tamén nos fixamos no único arco que está separado do cantil.

Tamén aprendemos curiosidades como que fai 350 millóns de anos nesta zona había unha cordilleira de altitude semellante ó Himalaia e que foi totalmente erosionada pero rexuveneceu ata orixinar as montañas actuais coa formarse os Alpes. Finalmente, reflexionamos sobre os perigos do turismo masivo e sobre a necesidade de controlar os accesos á praia e á parte alta do cantil por ser a zona máis vulnerable.

Ó final da mañá desrazámonos a Piñeira para comprobar como as forzas internas terrestres deformaron os materiais ata formar uns chamativos pregues en M e faias de rumbo dextrais.

O IES Ribadeo Dionisio Gamallo, agradécelle ó  Concello de Ribadeo e a Fran Canosa a súa colaboración para poder facer esta actividade. Foi unha mañá de gran proveito e agardamos que sirva para que o noso alumnado sexa quen de valorar e divulgar o noso patrimonio xeolóxico.

Susi Besteiro Cabanas



page | by Dr. Radut