Skip to Content

Proxecto rios: Inspección primavera 2019

                                                                               Ver mais fotografías

Recentemente, algúns alumnos de 4º ESO de Bioloxía saíron ó Río Pequeno pola mañá, para realizar a toma de datos correspondente á inspección de primavera.

 

Despois de recorrer o tramo de estudio para observar os posibles cambios, centrámonos na zona de mostraxe para facer as análises pertinentes e cubrir a ficha na que se reflexan 3 aspectos do río: calidade hidrohidromorfolóxica, calidade físico-química e calidade biolóxica.

Deducimos que  a calidade ecolóxica do ecosistema fluvial no tramo elexido segue sendo boa, con augas ben osixenadas e non contaminadas, tal e como indican a presencia dos numerosas  macroinvertebrados atopados.

Os resultados foron os seguintes:

1.- Calidade hidromorfolóxica:

Hábitat: a auga flúe, o nivel de auga é un pouco máis baixo do esperado debido á seca dos últimos meses, hai frecuencia  ocasional de rápidos, o substrato son coídos e gravas con area e limos,  a cobertura de vexetación acuática é escasa e o río está sombreado con claros. Esto lévanos a unha valoración final do hábitat  boa, é un hábitat ben constituído, que pode soportar unha boa comunidade de macroinvertebrados.

Bosque de ribeira: Para unha primeira valoración empregamos o índice QRISI aplicándoo nas dúas marxes. Na dereita ten calidade moderada, con bastantes árbores propias de ribeira (amieiro, salgueiro, loureiro, bieiteiro, freixo, …) pero na esquerda ten calidade bastante menor xa que a intervención humana segue estando  máis presente (prado, casa, gando….)

 

2.- Calidade físico-química: Medimos unha serie de parámetros e os resultados son os seguintes: Temperatura de 14º , transparencia boa (aprécianse os 4 sectores), nitratos entre 5-20mg/l, osíxeno disolto de 4mg/l e nivel de saturación de osíxeno do 36%.

 

3.- Calidade Biolóxica: para valorala, fixámonos sobre todo nos macroinvertebrados que capturamos co trueiro e dan unha idea rápida da calidade do ecosistema xa que son organismos  bioindicadores.  Identificamos: tricópteros (larvas con estuche) de tipo  Limnephilidae, efemerópteros (Ephemeridae), larvas de libélula (Gomphidae e Libellulidae), moluscos (pequenas caracolas e algunha lapa), heterópteros tipo Gerridae (zapateiro común) e Notonectidae (Notonecta glauca), arácnidos, escorpión de auga (Nepidae), larvas de cabaliño do demo (Calopterygidae), escribanos (Gyrinidae), e algún outro.

Segundo os macroinvertebrados atopados, chegamos á conclusión de que o tramo de río estudiado presenta boa calidade. porque bioindicadores deso son os odonatos ou larvas de libélulas, os tricópteros (Limnefílidos ) e as efímeras.

Conclusión:

Comparando os datos obtidos cos de outras campañas deducimos que o río segue a estar en bo estado, con moi pequenas variacións. O que reseñamos, igual co ano pasado é a presencia cada vez maior nos castiñeiros da parte dereita do río da avispilla do castiñeiro.  O seu nome científico é Dryocosmus kuriphilus, procede de China e nótase moi ben nos castiñeiros novos as partes baixas das ramas coas follas e agallas secas e as partes que medraron este ano, coas follas verdes pero tamén caragadas de agallas. Unha pena porque esta invasora vaille dar que facer ós nosos soutos...

Polo demais, a actividade resultou ben e seguiremos con ela porque resulta motivadora e interesante. Con estudios sinxelos, pódese saber o  estado de saúde do ecosistema e axudar a concienciar da importancia que ten fomentar a conservación do medio natural.



page | by Dr. Radut