Skip to Content

Intercambio con Alemania, setembro 2018

INTERCAMBIO EUROPEO

“El valor de la ciudadanía: la educación como fundamento del futuro en Europa

PROXECTO ERASMUS+ KA219

 

O alumnado de 1º BACH do IES Ribadeo Dionisio Gamallo comezou o curso de forma especial. O noso proxecto leva varios meses de andaina e durante este mes de setembro tivemos un punto importante de inflexión no noso traballo: durante 10 días estivemos en Alemaña, convivindo e participando en actividades co alumnado do Karl von Frisch Gymnasium de Dusslingen, con quen nos une unha xa longa tradición de propostas educativas.

Esta vez a ocasión foi máis especial, xa que ao estar subvencionados cos fondos dos PROXECTOS ERASMUS+ na categoría KA219, o traballo a realizar supuxo un esforzo previo e ademais vai ter unha continuidade durante todo o presente curso 2018-2019. Fumos un dos 175 centros seleccionados de España, e figuramos ademais como centro coordinador. A este proxecto KA2, debemos engadir os anteriores proxectos KA1 e KA3 que levamos a cabo en cursos anteriores e que complementan, co traballo do profesorado (no caso dos KA1) e da propia institución (no caso dos KA3) o tipo de educación que intentamos inculcar a través do departamento de dinamización de programas europeos.

O noso labor é por tanto unha tarefa de curso que afecta ao alumnado seleccionado desde que cursaban 4º de ESO. Desde o inicio do curso anterior este alumnado realizou unha serie de tarefas e protagonizou unha serie de actividades que chegan agora ao ecuador do proxecto e que terán un segundo momento principal coa recepción que lles fagamos aos nosos compañeiros e compañeiras alemáns a partir do 25 de marzo durante outros 10 días de intercambio. Entre estas actividades que levamos a cabo o curso pasado figuran a visita ao Parlamento galego, co motivo do Día de Europa, e a visita ao parque do Pasatempo de Betanzos, co motivo do Ano Europeo do Patrimonio Cultural.

Na nosa estancia en Alemaña tamén houbo dúas actividades que polarizaron o traballo do alumnado: a visita ao Parlamento Europeo en Estrasburgo, e a visita ao campo de concentración de Dachau. Dous exemplos da cara e a cruz da historia que permiten reflexionar sobre os cambios políticos dos últimos tempos e que forman parte indispensable da historia europea. Visitas cun significado profundo e que nos mantiveron atentos e interesados, nun clima de respecto e reflexión durante case tres horas.

            A cidade de Stuttgart (totalmente reconstruída despois dos bombardeos da 2ª Guerra mundial) co seu museo de Mercedes-Benz e berce do filósofo Hegel, Heidelberg, co seu castelo e Universidade, Karlsruhe, Tübingen, Munich,... foron lugares de paso e de visita na nosa aprendizaxe, e sobre as que os nosos compañeiros e compañeiras de intercambio explicaron a súa historia básica e os elementos principais polos que son coñecidas tanto na historia coma na actualidade. Tamén houbo tempo para as clases, para a visita do centro socio, para a presentación e o saúdo do Director, para coñecer en definitiva como é un día a día escolar nun instituto alemán, o que fan nas clases, como son, e incluso comer na Mensa, o comedor escolar que coordinan as familias do alumnado e que supón tamén toda unha experiencia, tanto pola hora como polo propio menú.

            Moitas experiencias agochadas nunha soa: un proxecto escolar ERASMUS+ que agora comeza unha segunda parte coa preparación da visita dos nosos socios e socias, e que suporá para o alumnado un traballo a maiores, pero tamén unha aprendizaxe positiva e complementaria que contén os seus exclusivos alicientes e incentivos. Pero de todas estas cousas e outras moitas poderedes ler no blog que está elaborando o alumnado, e ver e escoitar nas distintas presentacións que se irán desenvolvendo ao longo do tempo que dure o proxecto e que quedarán como mostra de que os intercambios, os proxectos, as actividades que se engloban no Plan de europeización do centro a través do programa ERASMUS+ supoñen un complemento didáctico moi importante para o noso alumnado e que é necesario ampliar.

 fotografías do Intercambio Cultural ERASMUS+ KA219  17-26 SETEMBRO 2018              J. Manuel Yáñez Dablanca

Coordinador



page | by Dr. Radut