Skip to Content

Día mundial dos humedais 2018

Un ano máis tivemos a sorte de poder celebrar o día mundial dos Humedais cos nosos alumn@s. A data conmemorativa é o 2 de febrero para recordar que ese mesmo día do ano 1971, moitos países e entre eles España, firmaron o Convenio Ramsar comprometéndose a velar pola conservación deses ecosistemas de gran biodiversidade.

Por iso, cada ano escolar, arredor do 2 de febrero, adicamos media mañá a sair á Ría de Ribadeo, humedal de importancia internacional tal e como o avalan as numerosas figuras de protección que posúe. Este ano fixémolo o mércores 31 de xaneiro porque aínda que a marea cadraba regular, daban moi bó tempo e así foi. Tivemos unha mañá de sol espléndido e poidemos disfrutar das principais aves invernantes que cada ano elixen a nosa Ría para pasar o outono-inverno. Veñen dende o norte de Europa, empurradas polo frío e a falta de alimento e están connosco ata que a primavera aparece. Entón, moitas delas xa coa plumaxe nupcial, emprenden a viaxe de regreso para reproducirse.

As máis abundantes, como cada ano, son as anátidas e dentro delas o pato asubión e o pato rabudo ou careto. Precisamente, a eles lles debemos que esta ría sexa zona ZEPA (Zona de Especial Protección de Aves) dende 1984. Tamén podemos ver o pato máis común, o alavanco real, que é o único que cría aquí mesmo e alguna cerceta, que é a máis pequena das anátidas. Das mergulladoras, os corvos mariños ou cormoráns, coñecidos por case todos e facilmente recoñecibles cando están coas ás extendidas e orientadas ó vento para secalas. Tamén vimos un bó número de zancudas: a de maior tamaño e gran beleza, a garza real, pero tamén  as branquísimas garcetas e un bó número de espátulas que dende hai uns anos veñen á nosa ría cada inverno. Respecto ás limícolas, zarapitos e correlimos. Todas elas aproveitaban as horas centrais do día para alimentarse, por iso tamén nos fixamos nos diferentes peteiros e forma de conseguir o alimento: os zarapitos picoteando no fango co seu peteiro longo e curvado; as garzas e garcetas  camiñando pola auga e pescando; as espátulas movendo o seu peteiro aplanado pola auga dun lado a outro, como se estiveran segando; os cormoráns mergullándose para pescar e logo secando as ás e os patos filtrando a auga mentres nadan ou ben facendo o pino dun xeito moi gracioso.

Tamén fomos ata o noso observatorio para ver ás águias peixeiras. Non sabemos se era Panchita ou Virgilia pero alí estaba unha no pousadeiro que xa hai tres lles colocaron no medio da ría e onde é fácil atopalas.

Pero non iba ser todo fauna, tamén nos fixamos nas grandes comunidades vexetais da ría: as predeiras mergulladas de herba do mar (Zostera) que serven de alimento para moitas aves, os xuncais que aparecen a partir da Enseada de Vilavedelle e nunha posición máis retrasada e polo tanto, con menor salinidade, os carrizais ou canaveiras. Respecto á vexetación de ribeira, este ano destacamos o feito de que por fin o plan de recuperación da vexetación autóctona está en marcha.

Non cabe dúbida de que foi unha mañá agradable, penso que os alumn@s de 4º ESO que cursan bioloxía e xeoloxía aprenderon coas súas profesoras Sonia Bermúdez e Susi Besteiro dúas cousas moi importantes: valorar o medio como patrimonio natural e sentirse orgullosos del, uns dos primeiros pasos para sentir a necesidade de conservalo.

 

Fdo: Susi Besteiro Cabanas, xefa do dpto. de Bioloxía do IES Dionisio Gamallo de Ribadeo



page | by Dr. Radut