Skip to Content

Xeoruta pola Enseada de Cegoñas e As Catedrais (Novembro 2017)

Mais fotografías

      Dentro das actividades  financiadas polo Concello de Ribadeo a través do proxecto “Entre Arcos e Cantís” no que tamén participan os concellos de Burela e Cedeira, o pasado mércores pola mañá, realizamos unha Xeoruta na que os nosos guías foron a bióloga Silvia Romeo Río e o xeólogo Francisco Canosa. Ámbolos dous puxeron todo o seu empeño en axudarnos a mellorar o coñecemento do patrimonio xeolóxico, natural e cultural do noso litoral.  

     Participaron alumn@s de 4º ESO e 1º Bacharelato que cursan a materia de Bioloxía e Xeoloxía.

      Saimos do IES de Ribadeo ás 10:15 da mañá e dirixímonos en primeiro lugar á Enseada de Cegoñas. Alí, cada un dos dous grupos nos que nos repartimos, dedicamos un bo cacho a descubrir aspectos tanto xeolóxicos coma biolóxicos.

      Fran explicounos que a nivel xeolóxico, pertencemos ó chamado Dominio do Manto de Mondoñedo e que se ben á dereita da enseada atopamos alternancia de dúas rochas metamórficas: cuarcita e lousa, na marxe dereita da enseada aparece un afloramento dunha rocha hipoabisal chamada diabasa, de cor verde escura, rica en minerais de ferro e magnesio e responsable de que a area desta pequena praia sexa máis escura do que é habitual no noso litoral. Tamén observamos como ás veces, esta rocha presenta exfoliación en “capas de cebola” debido a que ó formarse a certa profundidade, cando queda exposta ás condicións da superficie, sofre descompresión e fractúrase e ó entrar a auga polas gretas, a rocha acaba alterada en capas case concéntricas recordando as follas dunha cebola. Como dato curioso, contounos que agora está de moda a diabasa por empregarse como leito nas vías do AVE xa que é capaz de absorber a vibración.

      Tamén puidemos observar numerosas deformacións nas rochas metamórficas tales como pregues, diáclases e fracturas. Ademais fíxonos ver como a forma do noso litoral está totalmente condicionada polas fallas que o recorren.

      Respecto ó tema biolóxico, primeiro Silvia explicounos que estábamos sobre a Rasa Cantábrica: planicie que se estende  dende  o cantil á base da montaña, é dicir uns 2-3 km de ancho pero que de largo comprende dende Burela ata San Vicente de la Barquera, en Cantabria. Explicounos que dende as Catedrais ata a Enseada do Loureiro temos uns  hábitats  merecedores de diferentes figuras de protección: Rede Natura 2000, Reserva da Biosfera e Zona de Especial Conservación  As Catedrais debido ó alto valor biolóxico e que nos íamos fixar nalgún deses valiosos ecosistemas.

     Na praia, puxo o ecosistema intermareal, como exemplo dun ecotono, é dicir, ecosistema de transición entre outros dous, neste caso, entre un continental e outro mariño. Explicounos que coma tódolos ecotonos ten alta biodiversidade, con especies adaptadas ás duras e cambiantes condicións do biótopo: gran variación de temperatura e alta salinidade xa que coa alternancia das mareas queda exposto ou cuberto polas augas periodicamente. Fomos descubrindo con ela numerosos exemplares de algas verdes (Ulva lactuca, Ulva intestinalis, Codium tomentosum),  pardas (Fucus, Laminarias) e tamén vermellas coma Corallina oficinalis ou Gelidium, da que se obteñen xelatinas empregadas na industria da alimentación pero tamén o ágar-ágar dos cultivos microbiolóxicos.

      Despois, desprazámonos ás Catedrais e alí tamén aprendemos moitas cousas. Respecto ó materiais, alternancia de lousas e cuarcitas nas que é posible apreciar unha erosión diferencial xa que a cuarcita é máis dura e polo tanto resiste mellor a erosión mariña cás lousas. A continuación, Fran foi amosándonos as distintas fases de evolución do cantil debido á erosión mariña: primeiro, formación de covas a favor dunha falla, despois o mar traballa ata chegar a formar un túnel rochoso no que todos acabamos metidos fixándonos no teito. Tras atravesalo, descubrimos a terceira fase: os “ollos” ou zonas do cantil onde se producen interseccións de fracturas que provocan o  colapso dos materiais do teito e finalmente a cuarta fase: os arcos que lle dan fama a esta praia e que fan que sexa o Monumento Natural máis visitado de Galicia.

       Dende o punto de vista biolóxico, primeiro recorremos con Silvia un tramo da pasarela de madeira que vai  por encima das matogueiras para protexer tan valioso e escaso ecosistema. Esa zona de toxos e uces capaces de resistir o spray mariño cargado de salitre así como as fortes brisas costeiras conta con algunhas especies protexidas como Erica vagans, o Lagarto verdinegro (Lacerta schreiberi) ou a Ra de San Antón que vive en pequenas pozas de augas moi limpas que hai entre as matogueiras. 

      Ó irnos achegando á baixada á Praia das Catedrais, amosounos a Armeria pubigera, pequena planta endémica desta zona  que forma un colchón sobre o cantil e que só se atopa entre Rinlo e as Catedrais.

     Na baixada á praia, observamos unha alga verde (Enteromorpha) que forma céspedes sobre as rochas e que só aparece nas zonas con aporte de auga doce posto que tolera ben os cambios de salinidade. Tamén nos fixamos nun lique con aspecto de manchas negras sobre as rochas (Verrucaria maura) e despois nas paredes do cantil atopamos numerosos exemplares de especies animais representativas  do intermareal:  mexillóns, percebes, balanos, cangrexos, actinias e esponxas de mar entre outras. Finalmente, contounos que tamén  nesta zona se poden ver as chamadas Aves Bandeira, aves asociadas ó litoral, que moitas veces están de paso nas súas migracións dende o Sur de Africa ó Norte de Europa e das que hai numerosos exemplares: Mazarico chiador, Frailecillo, Cormorán moñudo, Ostreiro, Arao, Virapedras ou mesmo a Píllara que é a máis pequena de todas elas e que deposita os ovos na area.

 

Non cabe dúbida de que foi unha mañá moi ben aproveitada, cunhas excelentes clases de bioloxía e xeoloxía. Agradecémoslle ó Concello de Ribadeo a iniciativa e por suposto, dámoslle as gracias a Silvia e a Fran  por axudarnos a descubrir e coñecer o noso entorno porque sóé posible valoralo se previamente o coñecemos.

  

Susi Besteiro Cabanas

Xefa de  Dpto de Bioloxía e Xeoloxía

 



page | by Dr. Radut