Skip to Content

Estudio do Río Pequeno . (Outubro 2017)

Fotografías

O IES de Ribadeo vai participar un ano máis no Proxecto Ríos co dobre obxectivo de estudar o río como ecosistema e sensibilizar  da conservación do medio como patrimonio natural.

O pasado luns, 31 de outubro,  algúns alumnos de 4º ESO de Bioloxía  saíron ó Río Pequeno durante tres horas para facer a toma de datos correspondente á inspección de outono. Tras recorrer o tramo de estudio facendo unha observación xeral, os  alumnos procederon a facer as análises axeitadas co fin de cubrir a ficha na que se reflexan 3 aspectos do río: a calidade hidromorfolóxica, a calidade físico-química e a calidade biolóxica.

  

Os resultados foron os seguintes:

1.- Respecto á calidade hidromorfolóxica, observamos que a auga flúe aínda que lentamente, o nivel de auga é bastante máis baixo do esperado porque os últimos meses foron moi secos, o substrato son coídos e gravas con area e limos,  a cobertura de vexetación acuática é escasa e o río está sombreado con claros. De calquera xeito, todo esto,  lévanos a unha valoración final do hábitat  boa, de 65 puntos, segundo as táboas facilitadas por Proxecto Ríos. Isto podemos interpretalo como un hábitat ben constituído.

En canto ó bosque de  ribeira, nunha primeira valoración empregamos o índice QRISI aplicándoo nas dúas marxes. Na dereita ten calidade moderada, con bastantes árbores propias de ribeira (amieiro, salgueiro, loureiro, freixo, …) pero na esquerda ten calidade menor xa que a intervención humana está máis presente (prado, casa..)

 

2.- Respecto á calidade físico-química, medimos unha serie de parámetros e os resultados son os seguintes: Temperatura de 14,5º , transparencia boa na zona de mostraxe xa que se aprecian os 4 sectores do disco de Secchi,  pH de 7, nitratos entre 5-20mg/l, osíxeno disolto de 4mg/l e nivel de saturación de osíxeno do 36%.

 

3.- Finalmente, para poder valorar a calidade biolóxica, capturamos cun trueiro macroinvertebrados xa que son  organismos  bioindicadores que dan  unha idea rápida do estado do ecosistema. Identificamos: efímeras (Ephemeridae), tricópteros (larvas con estuche) de tipo Limnephilidae e Sericostomidae, larvas de libélula (Gomphidae e Libellulidae) e de cabaliño do demo (Lestidae), moluscos (caracolas Lymnaeidae e lapas Ancylidae),   Heterópteros como o zapateiro común (Gerridae), Hydrometridae e tamén  escorpión de auga (Nepidae), algún verme oligoqueto e algún díptero (Simulidae).

 

Segundo os macroinvertebrados atopados, tendo en conta que cada familia ten unha categoría  (moi boa, boa, moderada, deficiente e mala) e que para determinar o rango de calidade debemos atopar polo menos 3 familias representadas que indiquen o mesmo, chegamos á conclusión de que o tramo de río estudiado  segue a presentar boa calidade tal como indican as larvas de libélulas, dos cabaliños do demo e  os tricópteros. Tamén debemos ter en conta que o feito de atopar algún representante que indique calidade regular ou mala, non é significativo porque loxicamente, os que sobreviven en augas malas, tamén o fan en augas con boas condicións, pero se a calidade non fora boa, non poderíamos atopar os bioindicadores de estado moi bo e bo porque non sobrevivirían.

 

 

Conclusión:

Comparando os resultados cos de outros anos, concluímos que o río segue a estar en bo estado aínda que con pouquiña auga. Esto tamén o corroboramos polo feito de observar troitas, que son especies estenoicas para o osíxeno (requiren augas ben osixenadas) e esixentes co medio.

Agora só queda, adicar unha sesión de clase a poder observar coas lupas binoculares moitos dos macroinvertebrados, enviar os datos recollidos a Proxecto Ríos  e esperar á saída de primavera para disfrutar outra mañá dunha clase no río.

>Creo que o alumnado aproveitou o tempo, disfrutaron coa actividade e déronse conta de que ás veces pequenos estudos son suficientes para sacar algunhas conclusións importantes respecto ó estado do ecosistema. 



page | by Dr. Radut