Skip to Content

O Club de Ciencia do IES Ribadeo Dionisio Gamallo cumpiu un ano

O mes de novembro, mes da Ciencia en Galego, o Club de Ciencia do IES Ribadeo Dionisio Gamallo cumpriu o seu primeiro ano. Cada luns, case 30 alumnos e alumnas reúnense no recreo de mediodía para realizar experimentos científicos guiados por Andrés Rodríguez Ramos, Javier Rodríguez González, Noelia González Rejo e Susi Besteiro, profesores dos departamentos de física, tecnoloxía e bioloxía e xeoloxía.
Ademais de potenciar a Feira da Ciencia da que este curso se celebrará a XXIX edición, a finalidade é fomentar as vocacións STEM, orientadas ao ámbito tecnolóxico así como estimular o espíritu científico entre as nosas alumnas e alumnos.
Nas primeiras prácticas todo o alumnado tivo a oportunidade de experimentar con globos e crear imaxes empregando a Intelixencia artificial, tan de moda nestes tempos. Despois, xa houbo unha separación por niveis.
O alumnado de 2º e 3º ESO case todos participante no club dende o curso pasado, están dedicados a preparar a súa participación na II Olimpiada Nacional de TELECO da Universidade de Vigo. Para isto, deben deseñar un proxecto relacionado coa saúde e benestar empregando programación informática.
O alumnado de nova incorporación ao centro, que cursa 1º ESO, vai facendo cada luns experimentos sinxelos para achegarse á ciencia. Dende xogar con xeo seco ata facer fluídos non newtonianos, dende facerlle funcionar a unha calculadora cunha pila de limón ata construir lámpadas de lava, facer cohetes con bolsiñas de té ou construír visores de hologramas cunha lámina de plástico.
En definitiva, que os recreos dos luns a mediodía dan para moito no IES Ribadeo e á volta do Nadal seguiremos coa Ciencia.



page | by Dr. Radut