Skip to Content

Medindo a Terra

O xoves, 20 de marzo, aproveitamos o equinocio de primavera para facer medicións. Tres grupos de alumnos voluntarios empregaron os seus respectivos gnomom para obter o tamaño da sombra mínima dun vástago vertical a mediodía. A inclinación con que se o sol no momento de mínima sombra o día de igual duración da parte nocturna e diúrna corresponde á nosa latitude.

A medida dos tres grupos de alumnos de 1º de bacharelato apuntou 43,28º, unha posición que na realidade está lixeiramente ó sur de Ribadeo. Na medición, tamén se comprobou o desfase entre a hora legal e a hora solar, correspondendo as 12 hora solar coa unha e media algo pasada en hora legal, o que levou a lembrar o desfase horario de Galicia co actual horario legal a nivel do Estado.

O anterior non deixaría de ser máis ca unha curiosidade para mellorar os coñecementos do alumnado, se as medicións non fosen confrontadas coas doutros catro centros: o case veciño IES Galileo Galilei de Navia (Asturias), o de Manilva (Málaga), o de Villaviciosa (Córdoba) e Oliva de la Frontera (Badaxoz). A confrontación dos datos permite comprobar o radio da Terra ou a súa circunferencia, algo que se está facendo, obtendo cos datos xa tratados unha pequena desviación en relación coa medida aceptada.

O método seguido, usado por primeira vez por Eratóstenes, estúdase na teoría de ciencias, pero raramente se comproba. 

A experiencia, coordenada polo profesore estremeño Jesús M. Carballar, implicou a cerca de cen alumnos dos cinco centros, e será difundida, entre outros lugares, pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT). No noso centro, o profesor responsable da actividade foi Antonio Gregorio Montes, do departamento de Física e Química.

Estaba previsto que se continuase coa medición o día 21, corroborando e mellorando os datos do día anterior, pero a intemperie da zona norte peninsular impediu facer as correspondentes medicións.



page | by Dr. Radut