Skip to Content

Blog da biblioteca

O NADAL NA BIBLIOTECA

 

Este curso quixemos adicar a nosa árbore de Nadal á banda deseñada en galego, expoñendo algúns dos títulos máis significativos da nosa colección. Podemos atopar obras de autores consagrados, coma Miguelanxo Prado, e de novísimas debuxantes, coma Anémona del Río. Tampouco falta unha lembranza do ilustrador ribadense Suso Peña ou traducións de clásicos como Astérix e Tintin.

 

SECCIÓN “PÓDESE LEVAR”

 Nun recuncho da bibioteca colocamos un moble co rótulo “Pódese levar” con diversos materiais que se poden coller libremente: marcapáxinas, monográficos sobre autores, boletíns, cartaces, revistas, cómics, etc.

 

CARTEL XEOGRAFÍAS LECTORAS

Para mellorar a estética da biblioteca, seguimos enmarcando os cartaces anuais de Bibliotecas Escolares. Ao non dispór de mais espazo no interior, irémolos colocando no corredor de acceso.

DOAZÓN FAMILIAS E ALUMNADO

 Un alumno cedeu amablemente á biblioteca libros de lectura seus de cursos anteriores e unha familia da nosa comunidade educativa doou dúas obras do escritor Jose Luis Sampedro. Queremos transmitirlles o noso agradecemento. 

 

LIBROS CONSELLERÍA XACOBEO 21-22

A Consellería de Cultura enviou ao centro cinco exemplares do libro Endrina e o segredo do peregrino, de Concha Narváez. Trátase dunha edición non venal froito da colaboración coa Academia Xacobea, cuxo obxectivo é afondar no coñecemento do Camiño de Santiago a través da lectura pracenteira.

 

25-N. LIBROS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO.

Quixemos sumarnos á conmemoración do 25-N, Día Internacional contra a violencia de xénero, cunha mostra de libros de distintos xéneros (poesía, narrativa, ensaio…) que abordan o tema. 

Entre eles podemos atopar Masculino singular, onde Carlos Negro, que impartiu recentemente un taller no instituto , reflexiona a través da poesía sobre as novas masculinidades, tan necesarias para superar o vello modelo de dominación patriarcal ou os breves ensaios de Chimamanda Ngozi Adichie, comentados na primeira xuntanza do Club de Lectura pola Igualdade. Convencidxs de que ler nos fai máis libres, recomendamos vivamente a lectura de calquera dos títulos que se atopan na exposición.

 

FORMACIÓN DE NOV@S USUARI@S DA BIBLIOTECA. Curso 2021-2022

Entre o 15 de outubro e o 15  de novembro tiveron lugar as Xornadas de Formación de Nov@s Usuari@s da Biblioteca. O obxectivo desta actividade é familiarizar ao alumnado de 1º de ESO coa organización e funcionamento da biblioteca e permitirlle desenvolverse nela con facilidade á hora de buscar información ou xestionar o préstamo dun libro. As xornadas desenvolvéronse en 4 sesións en cada grupo, tres na aula na hora de titoría dirixidos polas titoras e unha sesión na biblioteca dirixida pola coordinadora onde puxeron en práctica os coñecementos adquiridos. Agradecemos, coma sempre,  a colaboración e boa disposicion das titoras para levar a cabo o proxecto.

 

 

 

 

  

 

LIBROS ADICADOS- Carlos Negro

 

Durante a súa estadía no centro para impartir o obradoiro  "Versos para darlle a volta á cabeza", o poeta Carlos Negro adicounos os seus poemarios Penúltimas tendencias, Aplicación instantánea  e Masculino singular, que pasan a formar parte da nosa exposición permanente.

 

 

OBRADOIRO DE POESÍA E IGUALDADE IMPARTIDO POR CARLOS NEGRO

Dentro do programa Encontros con Escritores ofrecido polo Ministerio de Educación, e organizado pola Comisión de Igualdade e a Biblioteca, tivo lugar o 9 de novembro de 2021 o obradoiro "Versos para darlle a volta á cabeza", impartido polo poeta Carlos Negro e dirixido ao alumnado de Coeducación de 1º de BAC.

A actividade desenvolveuse en dúas fases. Na primeira Carlos Negro falou do oficio de poeta e de como a poesía pode ser unha arma poderosa para combater a desigualdade de xénero. Para iso deu lectura a textos de poetas de diversas linguas e procedencias. Posteriormente repartiu textos que o se foron lendo e intercambiando para logo reflexionar sobre eles e comentar o seu contido. Na segunda o alumnado, distribuído en varios grupos, creou poemas seguindo unhas pautas establecidas tomando sempre como fío condutor a ruptura dos estereotipos de xénero.

 O acto pechouse coa lectura de varias composicións do poemario de Carlos Masculino singular e o aplauso e agradecemento de alumnado e profesorado acompañante.

Podedes ver algúns momentos do taller nos sequintes enlaces:

Carlos Negro recitando poemas dos seus libros: https://youtu.be/9J0eQjJCmv0

Proposta de creación literaria sobre os personaxes Batman e Robin: https://youtu.be/pJCsxQxQDz4

O alumnado recitando unha das súas creacións: https://youtu.be/SRdkD8MzhII

 

 

                        

CERTAMES LITERARIOS E ARTÍSTICOS Curso 21-22

Como xa fixemos en cursos anteriores, periodicamente iremos informando da convocatoria de certames e concursos que poidan ser de interese para o alumnado.

                                                                                                                                                              

 

  • Bases do Certame de fotografía que convoca o EDL do noso centro para elaborar o seu calendario anual. Podedes acceder a elas premendo aquí

  • Premios Literarios Minerva 2022. Para consultar as bases premede aquí

  • Concurso de Literatura Infantil e Xuvenil do Día das Letras Galegas 2022. Bases
Distribuir contido


by Dr. Radut