Skip to Content

Varios

25 de novembro: Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres

25 de novembro:

No noso centro non podemos deixar pasar sen máis esta data e, para concienciar a comunidade escolar da importancia do problema, ademais do traballo de clase, organizáronse dúas actividades:

- Participación na cadea humana que se formará por diversas rúas da vila.

- Elaboración de carteis con lemas alusivos á data, que se colocaron nunha das entradas do centro.

MÁIS IMAXES

 

O outono na nosa biblioteca

Aínda que a vexetación da nosa zona non dea motras moi evidentes, estamos no outono e na nosa biblioteca non quixemos que esta estación pasase desapercibida, por iso decidimos separar unha pequena escolma dos nosos fondos e expoñela en lugar ben visible.

Coordinou a actividade Susana Díaz, profesora do departamento de Lingua galega e membro do equipo da biblioteca

"Eu digo..." no OUFF Escola 2015

O vídeo "Eu digo...", elaborado o curso pasado no noso IES foi finalista no OUF Escola 2015 organizado polo Concello de Ourense.

O alumnado que participou no traballo, acompañados por Teresa González e Suso F. Acevedo, do departamento de Lingua galega e literatura, asistiron o día 16 de novembro á gala de entrega de premios.

 

Conferencia inaugural do curso 2015-16: Francisco Díaz-Fierros Viqueira

16/09/15

Hoxe tivo lugar a conferencia inaugural do curso 2015-16. O ponente foi o Doutor Francisco Díaz-Fierros Viqueira, que falou sobre "Xeoloxía e paisaxe. Na memoria de Isidoro Asensio Amor", homenaxenado así a este xeólogo, sevillano pero moi relacionado con Ribadeo, no centenario do seu nacemento.

No acto tamén participaron Alfonso Piñeiro, director do centro, Mª Jesús Besteiro, xefa do departamento de Ciencias, e Roberto Rodríguez, do departamento de Xeografía e historia, que presentou o conferenciante.

[PRESENTACIÓN]

Díaz Fierros

 

 

A palabra perdida. Entrega de premios

O xoves, 11 de xuño, tivo lugar a entrega de premios correspondente á 1ª edición do xogo "A palabra perdida", coordinado pola profesora Susana Díaz Orol, do equipo da biblioteca. As vencedoras foron o equipo nº 1, formado por Nuria Fernández Fanego, Cristina Pérez Díaz, Uxía Lorenzo Rivas e Ana Rico Díaz, de 3º de ESO.

Aquí vemos unhas imaxes do acto:
Na primeira, aparecen as alumnas gañadoras acompañadas por Susana Díaz, coordinadora da actividade; na outra, a alumna Cristina Vizoso Cruz le un texto sobre a importancia dos libros, das bibliotecas e da lectura, acompañada por Alfonso PiñeiroDirector do centro, e por Teresa DíazCoordinadora do equipo da biblioteca.

Proxecto Ríos. Inspección primavera 2015

O pasado martes, 26 de maio, os alumnos de 4º ESO de Bioloxía saíron ó Río Pequeno despois do recreo para realizar a toma de datos correspondente á inspección de primavera.

Foi unha saída breve na que despois de percorrer o tramo de estudo para observar os posibles cambios, os  alumnos procederon a facer as análises pertinentes co fin de cubrir a ficha na que se reflexan 3 aspectos do río: calidade hidromorfolóxica, calidade físico-química e calidade biolóxica...  MÁIS INFORMACIÓN

MÁIS IMAXES

Naufraxios en Ribadeo

Eva e Inés, dúas alumnas de 2º de ESO, recibiron unha mención extraordinaria do xurado do Concurso para investigadores convocado por esdelibro.com polo seu traballo sobre os Naufraxios en Ribadeo.

Nesta edición, participaron 1959 estudantes de todo o Estado, agrupados en 626 equipos. Como finalista, o traballo das ribadenses figura entre os 30 primeiros.

Coordinou a investigación o profesor Manel Yáñez, do departamento de Filosofía.

Parabéns a todo o equipo!

 

 

Finalistas do Reto Alcoa

As alumnas Cristina Teixeira e Irene Muruais, de 1º de BAC, quedaron finalistas do Reto Alcoa de simulación de empresas, na modalidade "Principiantes". 

Proximamente, desprazaranse a Madrid, para participar na final, á que tamén chegaron equipos representantes dos IES Xermán Ancochea Quevedo, de Póboa de Trives, e Eusebio da Guarda, da Coruña.

Coordina a actividade a profesora Marisa Goás, do departamento de Economía.

Parabens!

 

Os nomes das flores silvestres

O nível de aptitude nunha língua está relacionado co amplitude do vocabulario, co uso dos termos precisos, e polo tanto co coñecemento do medio natural.

Por iso, escollemos un tema tan bonito como as flores silvestres para fomentar o uso do galego, buscando a predisposición dos sentidos, unha actitude positiva e a axuda que os aromas prestan ás lembranzas.

Nos meses de abril e maio, cada día lectivo, trouxemos unha flor que colocamos nun lugar á vista de todo o persoal do centro, diante dun cartaz no que se solicita que cada quen escriba o nome polo que coñece esa flor. Xunto ao floreiro colocamos unha cuartilla co nome oficial e un bolígrafo.

Foi triste comprobar que a pesar da ascendencia rural da maior parte dos participantes, o descoñecemento nesta materia é absoluto.

Tendo en conta isto, consideramos necesario prolongar esta actividade ao longo dos cursos vindeiros. 

Filgueira Valverde no arquivo de Dionisio Gamallo

Grazas á xenerosidade da familia de Dionisio Gamallo, organizamos no instituto unha exposición con material que se conserva no arquivo do polígrafo ribadense relacionado con Filgueira Valverde.

Durante unhas semanas, toda a nosa comunidade escolar pode ver e ler copias da correspondencia que Filgueira e Gamallo mantiveron durante décadas, xa que a primeira carta é de 1937 e a última de 1989.

Nunha delas, de 1943, Filgueira Valverde pídelle a Dionisio Gamallo permiso para propoñelo como acaémico correspondente da Real Academia Galega, cargo que, efectivamente, Gamallo acabou desempeñando.

Ademais, na exposición hai copia dunha primeira edición dos seis poemas en galego que Filgueirapublicou en Albor, en 1943; e tamén artigos, esquemas de conferencias, tarxetas persoais, felicitacións de nadal, etc.

Agradecémoslle á familia Gamallo que, grazas á súa xenerosidade, a nosa comunidade escolar pode acceder a material inédito relacionado coa figura á que se lle dedica o Día das Letras Galegas, igual que xa sucedeu con Novoneyra e con Díaz Castro. 

Distribuir contido


by Dr. Radut