Debate en 1º de CS Administración e Finanzas

O pasado 27 de novembro, o alumnado do 1º curso do Ciclo Superior de Administración e Finanzas foi o protagonista dun debate organizado polos docentes dos módulos “Xestión da documentación xurídica e empresarial” e “Comunicación e atención ao cliente”.
O tema a debater foi a xestación subrogada, elixido pola maioría do alumnado cunha semana de antelación para dispoñer do tempo necesario para a súa preparación. Os docentes, coa axuda dunha alumna, exerceron de moderadores e o resto do alumnado posicionouse en dous grupos a favor e en contra dos “ventres de aluguer”.
Esta práctica resulta fundamental xa que entre as principais situacións de comunicación presencial no entorno laboral, e na vida en xeral, se atopan o debate e o diálogo. Ademais, cando se trata de dilemas sociais, estes deberían resolverse mediante procesos de elección social participativa.
A pesar diso, o debate cidadán limítase ao ámbito privado, aflorando a través das redes sociais se é que se dispoñen delas. En definitiva, a opinión da cidadanía poucas veces é tida en conta, a pesar da existencia de ferramentas para iso.
O conflito forma parte da vida e é un motor de progreso, pero en determinadas condicións pode conducir á violencia. Para mellorar a convivencia educativa e prever a violencia, é preciso traballar a resolución de conflitos desde un punto de vista construtivo, é dicir, pensando, dialogando, debatendo e negociando.

María García Jartín, profesora