Avistamento de aves en Estaca de Bares - 4º ESO

Os alumnos/as de 4º ESO saímos o día 15 de outubro ás 8:30 do instituto rumbo a Estaca de Bares e coa esperanza de pasar unha mañá entretida. A actividade enmárcase dentro da campaña “Mares de Cultura, os Nenos e o Mar” promovido polo GALP A Mariña Ortegal.
 
Chegamos a Estaca de Bares e fomos recibidos por unha guía que nos ensinou o faro. Puidemos observalo e preguntarlle curiosidades sobre el. Soubemos que tiña dúas lámpadas pero que só funcionaba unha delas (a outra é de recambio), explicounos que alcanzaba os 50 quilómetros aproximadamente e que emitía dous tipos de escintileos, os cales lles permitían aos barcos identificar a zona en que se atopaban. Antigamente, o faro tamén o empregaban os primeiros avións que existiron e era manual xa que había que tirar dunhas cordas para que xirara o faro arredor da lámpada.

Despois fomos á Punta de Estaca de Bares acompañados por un biólogo, que nos explicou que nos atopabamos no punto máis ao norte da Península Ibérica. Dende alí, puidemos observar as aves mediante un telescopio. Ninguén sabía o porqué daquela cantidade tan grande de aves pero o noso guía aclarounos todas as dúbidas cando dixo que nos atopabamos na mellor época do ano porque as condicións meteorolóxicas eran idóneas para a migración das aves de Oceanía e Asia cara a terras americanas. Isto explica que puideramos ver pasar 100 aves por minuto aproximadamente, sen parar, excepto cando se agrupaban e se somerxían na auga coma mísiles en busca de comida.

Por último, fomos a un pequeno embarcadoiro na Ría de Ortigueira onde puidemos merendar o noso bocadillo gozando dunhas vistas bucólicas da ría sobrevoada polas aves.

Accede aquí á reportaxe fotogrófica.

JORGE QUELLE - 4º ESO