
Saímos do Instituto cara ao concello de Trabada. Alí vimos un menhir, datado no Neolítico, coñecido como “O Marco da Pena Verde”. A continuación, visitamos outro lugar do mesmo concello, tamén datado no Neolítico, coñecido como “A mámoa das Pallaregas”. Esta é unha mámoa que tiña soterrado un dolmen que agora sae ao exterior nun conxunto de 4-5 grandes pedras.
Despois de visitar o concello de Trabada, fomos ata o concello da Pontenova, no que vimos a estación e o túnel do tren mineiro. O ferrocarril vai dende o centro da Pontenova ata o cargadoiro de Ribadeo. Funcionou ata a 2ª Guerra Mundial. Agora o túnel e a vía son unha “senda verde”, é dicir, utilízanse para pasear, andar en bici… Un dos túneles é coñecido como “O túnel da Abrela” e mide 173 metros. A seguinte visita foi tamén no mesmo concello, pero non visitamos ningún monumento, senón a aldea de Vilarxubín. Esta pequena poboación de menos de 100 habitantes é un lugar adentrado totalmente na montaña. O particular desta aldea é que case todas as casas están conectadas entre si. Tamén, e isto é o máis chamativo, todas as casas teñen un hórreo de montaña e un típico da Mariña.
Xa cara á hora de xantar, movémonos ata terras mindonienses, onde fomos visitar a Biblioteca do Seminario de Mondoñedo. Alí atendeunos o reitor desta institución relixiosa. Esta biblioteca comezouse a crear a partir do S.XVI e está composta polos libros que pertencen ao bispado e por outros que doou a xente. En 1730 xa se estableceu como a Biblioteca do Seminario. Está formada por libros de distintos tipos e conta con aproximadamente 30.000 exemplares. Hai un libro do S.XIII do que, en España, só hai tres copias: unha en Mondoñedo, outra en Sevilla e a última, en Toledo. Outra das xoias desta biblioteca é unha biblia de seis tomos escrita en diferentes idiomas. A Biblioteca está declarada de Interese Turístico de Galicia.
Tamén en Mondoñedo, visitamos a igrexa da Orde III, situada na Alcántara, que posúe un marabilloso retablo barroco. Trátase dunha igrexa de franciscanos, non aberta ao público, e que é rexentada por unha orde de seglares, é dicir, un grupo de persoas que non son relixiosos. Contén as imaxes máis importantes da Semana Santa de Mondoñedo. A persoa encargada de ensinarnos a igrexa é tamén o campaneiro da catedral de Mondoñedo. Contounos que a catedral ten sete campás grandes e tres máis pequenas. Todas están bautizadas e cada unha ten, cando menos, tres nomes. A campá “Feliciana Aldeodata de Patrocinio”, tamén coñecida como “Petra”, que data do S.XIV, pénsase que é a máis antiga de Galicia.
Despois de xantar, fomos ata o concello de Alfoz onde, no alto da montaña, visitamos a Pedra Abaladoira. É unha pedra totalmente natural e dise que ten poderes máxicos. No mesmo concello, na parroquia do Cadramón, visitamos a Capela de Santa Filomena. En realidade é a parte dianteira dunha igrexa máis grande que quedou destruída no S.XIX.
Xa cara ao final da xornada, visitamos o concello do Valadouro. Puidemos ver o Dolmen de Padorno, na parroquia de Santo Tomé, que data do final do Neolítico. E, tamén, visitamos o Pazo de Gradaílle, que pertenceu á familia Bolaño e Saavedra. Foi construído no S.XVII na parroquia de Santa Cruz e actualmente é propiedade dos propietarios do diario El Progreso.
Sobre as oito da tarde retornamos ao instituto con moitas fotos nas nosas cámaras!
Accede aquí a algunhas das fotografías feitas neste denso día.
Accede aquí a algunhas das fotografías feitas neste denso día.
Crónica de Alejandra Alonso Fernández - 4º ESO