Leonardo e os fontaneiros, adaptación teatral

Entrevista a Ana Carreira de Ubú Teatro
 
Laura Rodríguez, Laura García, María Lestao e Irene Basanta
Transcrición de Yaiza Rivas, Andrea Santos e Laura Rodríguez
 
Ana Carreira é actriz e dramaturga e é unha das protagonistas na obra Leonardo e os fontaneiros, adaptación ao teatro da obra narrativa do mesmo nome de María Victoria Moreno.
O alumnado de 1º e 2º ESO asistiu á representación desta obra da Compañía Ubú Teatro e Laura Rodríguez, María Lestao e Irene Basanta, estudantes de 1º de ESO, aproveitaron para facerlle unha entrevista a Ana Carreira.

A idea desta obra era representar un pouco as trasnadas dos nenos, pero falando desde o futuro, porque vosoutros en realidade representades a Begoña e a Antón falando do que fixeron no pasado, cando eran nenos.
Pois si, moi ben visto. Nós facémolo así dende o principio porque, ao ser adultos, se nos vestísemos de nenos quedaría un pouco raro, non? Porque non parecemos nenos. Pero se nos presentamos así ao principio como Antón e Begoña no futuro, pois entón non pasa nada, basicamente xogamos a iso, a que imos cara adiante e cara atrás que é unha forma de facer teatro que está inventada hai moito tempo pero cun toque máis moderno. Non é tan lineal como outras formas de teatro e así tamén podemos utilizar outros recursos. Por exemplo, os bonecos que fixemos para que foran outros persoaxes, porque nos gustaría ter a toda a clase de Leonardo e os fontaneiros, pero era imposible.

Custouvos moito interpretar a obra?
Interpretala non tanto, decidir como facela moitisimo porque era moi difícil poñela en teatro, xa que hai moito monólogo. Eu, que fago moitas cousas destas, foi a obra que mais me custou facer. Eu sempre me encargo da dramaturxia e o meu compañeiro sempre se encarga da escenografía e foinos bastante complicado porque tampouco vos queriamos poñer bonequiños como se forades nenos pequenos. Entón tiñamos que xogar con outras cousas que se puideran mover porque nós imos por moitos sitios distintos de Galicia e era complicado.

Cantas representacións tedes que facer?
En total unhas 75.

Gústache moito o teu traballo?
Moitísimo. O que máis me gusta é escribir as obras aínda que interpretar tamén me gusta moito.

Desde onde vides? 
Nós somos de Lugo. Eu vivo en Lugo, normalmente, e el vive en Cangas do Morrazo. Eu nas épocas de xira ou estou en Lugo ou en Vigo ou onde lle cadra. Normalmente estamos pola zona do sur.

Dentro das obras que facedes, á parte do guión tedes partes inprovisadas?
Cando ensaiamos, improvisamos cousas para ensaiar pero despois aquí, as cousas falas mellor ou peor, pero en realidade aquí non improvisamos, eso da xente que di: “Eu improviso”. Non, a improvisación está ben para crear, antes dos ensaios ou para solucionar un problema, porque ás veces pasan cousas e para que vós non vos decatedes, temos que improvisar, pero polo xeral non está improvisado.

Que foi o que máis vos gustou da obra Leonardo e os fontaneiros? 
A min as trasnadas, eu era peor ca iso e non era moi traste. Pero así entre nós, as trasnadas foi o que máis nos gustou, e poder cambiar de personaxe. Ao facelo desta maneira: estar facendo agora un personaxe, despois outro e outro, é cansado pero é moi divertido. Pero sobre todo iso, as trasnadas.

Porque así resulta ademais máis divertido porque, efectivamente, algunhas partes do libro son tristes.
Claro, porque está a parte triste, pero está todo. A vida ten todo, tristeza e alegría. Eu prefiro quedarme coa alegría. 
Moi boas preguntas.

Moitas grazas
 
Accede ao albúm de fotos aquí.