"A Mariña pensando en feminino" - exposición da Microrrede da Mariña

"A Mariña pensando en feminino" 
 
Entre os días 7 e 10 de maio de 2018, ambos inclusive, está aberta ao público unha exposición titulada “A Mariña pensando en feminino”, preparada polas bibliotecas escolares que integran a MICRORREDE DA MARIÑA e resultante dun proxecto colaborativo.
 
Somos 14 centros integrados nesta microrrede que xa leva uns 7 anos en funcionamento.
 
A exposición dos traballos poderá verse na biblioteca municipal así como no salón multiusos do Concello de Viveiro de 18h a 20h.
 
Os traballos que aí se presentan teñen un claro componente de xénero e teñen como obxectivo principal dar visibilidade á muller e ao empoderamento da palabra, da figura, da cultura, dos oficios, das voces, das letras, do patrimonio dende o punto de vista máis feminino.

A inauguración de dita exposición terá lugar o luns 7 de maio ás 18h na praza do Concello de Viveiro.
Contaremos coa actuación da cantante galega GUADI GALEGO, coñecida por unirse à loita contra a violencia machista. A súa canción 'Matriarcas' é unha homenaxe ás mulleres fortes que loitan contra a morea de obstáculos que lles impón a vida só por nacer de sexo feminino.

Teremos unha performance do ColectivoLAG. Son Lara Buyo e Ana Corujo, dúas curiosas mentes inquietas graduadas en Belas Artes e cun Máster en Arte Contemporánea. Dedican a súa traxectoria á performance defendendo a arte en parella baixo unha liña que reivindica a igualdade de xénero.
 
 Cartaz dos 14 centros educativos implicados