O xoves 17 de outubro o alumnado de 3º de ESO desprazouse a Coompostela nunha saída educativa organizada polos departamentos de Educación Plástica e Lingua e Literatura Galega.
Alí, visitaron a Catedral de Santiago e o seu Museo, podendo gozar da súa balconada que dá á fermosa Praza do Obradoiro. Apreciaron a arte dos obxectos de arqueoloxía, escultura, pintura, ourivaría, tapices e artes decorativas, que son parte do fenómeno xacobeo. Tiveron a oportunidade de ver de preto réplicas do botafumeiro e do Códice Calixtino, manuscrito iluminado de mediados do século XII, que foi roubado no ano 2011 e posteriormente recuperado. Tamén puideron admirar a reconstrución do Coro Pétreo medieval, que xunto co Pórtico da Gloria é unha das obras máis importantes do Mestre Mateo, o máximo representante da arte románica galega nos camiños da peregrinación. A visita terminou no Panteón Real, onde repousan os reis do antigo reino de Galicia.
Preparándose para a Letras Galegas deste ano, dedicadas ás cantareiras populares, tamén realizaron unha actividade guiada de hora e media no Museo do Pobo Galego, once coñeceron, de forma contextualizada, os cantos de labor e lecer relacionados co ciclo anual da nosa tradición, ben como dalgún baile que puideron practicar. Familiarizáronse con diferentes pezas e instrumentos ligados ao patrimonio oral, recoñeceron os oficios e as épocas do ano reflectidas en cada cantiga e crearon, de xeito grupal, coplas de regueifa.
Nos arquivos adxuntos incluímos algunhas fotos desta linda e proveitosa mañá escolar fóra do Instituto.