Skip to Content

BASES DO CONCURSO "LUCUS INTERCENTROS"


I CONCURSO "LUCUS INTERCENTROS"

BASES DO CONCURSO

1.- INTRODUCIÓN

É este un concurso de preguntas e respostas dirixido a alumnos de primeiro curso de bacharelato que xorde como nova actividade dentro das Xornadas de Interrelación Curricular. Estas xornadas, como o seu nome indica, teñen como finalidade interrelacionar currículos de diferentes ensinanzas e persoas de distintos centros educativos.

2.- OBXECTIVOS

2.1. Interrelacionar alumnos de primeiro curso de Bacharelato dos Institutos de Educación Secundaria da cidade de Lugo: Anxel Fole, As Mercedes, Leiras Pulpeiro, Lucus Augusti, Muralla Romana, Nosa Señora dos Ollos Grandes, Sanxillao e Xoán Montes.

2.2. Poñer en práctica a parte do currículo dos alumnos de Secretariado referida á organización de eventos e actos públicos.

2.3. Interrelacionar profesores dos IES da cidade de Lugo.

2.4. Vivir unha xornada lúdica agradable para todos os participantes.

3.- DA ORGANIZACIÓN

3.1. Organización e colaboracións

a) Organizan os alumnos do Ciclo Superior de Secretariado do IES Muralla Romana e a profesora de Proxecto Integrado.

b) Colaboran:

- Na elaboración das preguntas que se plantexarán ao longo das diferentes fases do concurso profesores dos Departamentos de: Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química, Francés, Inglés, Latín e Grego, Lingua Castelá e Literatura, Lingua Galega e Literatura, Música, Matemáticas, Equipo de Dinamización da Lingua Galega, Xeografía e Historia e o Sr. Secretario do IES Muralla Romana,

- Profesores e alumnos do departamento da Familia de Informática do IES Muralla Romana, para a presentación dixital do mesmo.

- Profesores e alumnos da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC de Lugo na publicidade, produción e realización.

- Profesores e alumnos do CIFP Politécnico de Lugo, na creación dos pulsadores.

- Profesores e alumnos da Escola de Arte e Superior de Deseño “Ramón Falcón”, na fotografía.

3.2. O I Concurso “Lucus Intercentros” terá lugar o día 13 de abril de 2012 no Salón de Actos do IES Muralla Romana de Lugo.

4.- DOS PARTICIPANTES

4.1. Poderán participar oito equipos, un por cada Instituto de Educación Secundaria da cidade de Lugo. O nome xenérico de cada equipo virá dado polo do centro ao que pertence. Cada equipo pode elixir un nome específico. Exemplo: “Os Einstein” do Muralla Romana. Os institutos, comunicarán o nome específico, do equipo e o nome e apelidos dos alumnos participantes antes do día 23 de marzo de 2012 ás 12:00 usando a dirección de correo electrónico: estheraldariz@edu.xunta.es.

Cada equipo estará composto por catro membros. Poden estar concursando ao mesmo tempo tres deses membros. Ao longo de cada eliminatoria poderase facer un cambio. Este cambio efectuarase despois de indicar o tema dunha pregunta e antes de mostrar a mesma.

4.2. Todos os equipos deberán estar no Salón de Actos do IES Muralla Romana o día 13 de abril ás 9:30 horas.

5.- DO PROCEDEMENTO

5.1. Datas e horarios

5.1.1.Día 23 de marzo de 2012.

12:00 horas: Remata o prazo para que os Institutos envíen o nome dos catro compoñentes e o nome específico do equipo (se fora o caso).

5.1.2. Día 11 de abril de 2012.

11:30 horas: Sorteo público para as eliminatorias de cuartos de final. Salón de Actos do IES Muralla Romana.

5.1.3. DÍA 13 de abril 2012

09:30 horas.- Presentación de todos os equipos no Salón de Actos do IES Muralla Romana.

09:45 horas.- Primeira eliminatoria de cuartos de final

10:15 horas.- Segunda eliminatoria de cuartos de final

10:45 horas.- Terceira eliminatoria de cuartos de final

11:15 horas.- Cuarta eliminatoria de cuartos de final

11:45 horas.- DESCANSO

12:00 horas.- Primeira semifinal. Confrontaranse os gañadores da primeira e da terceira eliminatoria de cuartos de final.

12:30 horas.- Segunda semifinal. Confrontaranse os gañadores da segunda e cuarta eliminatoria de cuartos de final.

13:00 horas.- Terceiro e cuarto posto. Disputarán o terceiro posto os eliminados en semifinais.

13:30 horas.- Final. Disputarán o primeiro e segundo posto os gañadores de semifinais.

14:00 horas.- Entrega de premios.

5.2. Eliminatorias

O procedemento será o mesmo en todas as eliminatorias:

- Cada equipo nomeará a un portavoz que será o que pulse a resposta acordada.

- Plantéxanse 10 preguntas de cultura xeral sobre os seguintes temas: Bioloxía e Xeoloxía, Cultura clásica, Deportes, Física e Química, Linguas, Matemáticas, Música e Xeografía e Historia.

- Unha vez plantexada a pregunta, e ofrecidas as tres posibles opcións (A, B e C), os equipos contarán con 15 segundos para pulsar a que consideren acertada. Se a resposta é correcta, sumaranse no marcador do equipo 10 puntos. Se non é correcta o marcador permanecerá invariable.

- En caso de empate ao final das 10 preguntas:

- Pasarase a utilizar o pulsador. Cada un dos equipos terá un pulsador.

- O primeiro en acender a luz, despois da palabra “TEMPO” dita polo presentador do concurso, será o que teña a opción de contestar a pregunta nos seguintes 15”. Se acerta, será o gañador da eliminatoria,

- Se non acerta, o outro equipo poderá responder; se a resposta é correcta, será o gañador da eliminatoria. De fallar, pasarase á seguinte pregunta na que se actuará do mesmo xeito.

6.- DOS PREMIOS

1º PREMIO.- Un MP5 para cada un dos membros do equipo que se proclame vencedor.

2º PREMIO.- Un lapis de 32 G para cada un dos membros do equipo que acade a segunda posición.

3º PREMIO.- Un lapis de 16 G para cada un dos membros do equipo que acade a terceira posición.

ACCÉSIT.- Un lapis de 8 G para cada un dos participantes que non teña acadado ningún dos premios citados con anterioridade.



page | by Dr. Radut