GaliciaSkills 2018. V Campionato Galego de Formación Profesional
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional convoca o V Campionato Galego de Formación Profesional, Galiciaskills 2018, tras o éxito conseguido nas anteriores edicións e referendado polos nosos competidores nas edicións dos campionatos estatais SpainSkills e a presenza de alumnado galego nos campionatos internacionais WorldSkills e EuroSkills.
Organizado pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, GaliciaSkills 2018 pretende darlle unha maior proxección e difusión á formación profesional que se imparte na nosa Comunidade Autónoma.
Galiciaskills 2018 celebrarase en Silleda, no recinto Feira Internacional de Galicia Abanca, os días 28, 29 e 30 de novembro. O horario xeral das competicións é o seguinte:
- Mércores 28 de novembro de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 19:00 h
- Xoves 29 de novembro de 10:00 h a 14:00 h
Este é un campionato eminentemente práctico e consistirá no desenvolvemento de 26 competicións relacionadas coas especialidades de formación profesional, nas que o alumnado participante medirá as súas destrezas e demostrará as súas capacidades na realización das correspondentes probas.