2007-2008, Complementarias, Escolares, 2008-09, Extraescolares e complementarias, Propostas por niveis, Informacións diversas, 2009-10, Extraescolares e complementarias, Informacións diversas, Propostas por niveis, 2010-2011

VISITA A SANTIAGO

Alumnado de 2º da ESO, acompañado polas profesoras Sela Ares, Carmen Otero e Rosa Cabada, estivo en Santiago o 14 de abril. De mañá participaron en tres obradoiros no Instituto Galego de Consumo: etiquetado de alimentos, videoxogos e linguaxe publicitaria. A finalidade desta actividade radicaba na análise da información que conteñen as etiquetas destes produtos e na identificación dos distintos elementos que conforman a publicidade.

De tarde, en Galicia Dixital, fixeron un percorrido virtual pola cidade, rematando a actividade cunha visita á Catedral. A valoración da actividade, programada polos departamentos de Ciencias Sociais e Tecnoloxía, foi valorada positivamente polo alumnado. 

VISITA INTERNOS DE A LAMA

O día 28 de marzo un grupo de integrantes do módulo de Terapia de Drogodependencia do cárcere de A Lama visitou o noso centro. Despois dun percorrido polas instalacións para observar as distintas dependencias e actividades do alumnado (clases de E. Física, Tecnoloxía, Volume, Música...), tiveron un pequeno,mais interesante, encontro con alumnos/as de 2º A de bacharelato na Biblioteca.

Rematou a súa presenza cunha charla dirixida ao alumnado de 3º e 4º da ESO na que trataron dos perigos que conleva o uso da droga. A actividade foi valorada moi positivamente por ambas partes.

SAÍDA AOS CIFP VALENTÍN PAZ ANDRADE E RICARDO MELLA

O luns 9 de marzo, dentro das actividades organizadas polo Departamento de Orientación, un grupo de 35 alumnos/as de 4º da ESO e do Programa de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) realizaron unha visita a dous centros de Vigo nos que se imparten, entre outras modalidades de ensinanza, Ciclos Formativos de Grao Medio. O obxectivo da actividade era darlle a coñecer ao alumnado que remata a súa etapa obrigatoria parte da variada oferta de Ciclos aos que poden acceder.

No Valentín Paz Andrade, ademais das instalacións do centro,  observamos o traballo desenvolvido polos alumnos/as dos Ciclos das Familias Profesionais de Madeira e Moble, de Vehículos autopropulsados, de Fabricación mecánica (soldadura e caldereiría), de Mantemento e Servizos á produción (instalación e mantemento de calefacción e auga quente; instalador/a a mantedor/a frigorista e de aire acondicionado e climatización). Durante toda a visita fomos guiados por profesorado das distintas materias, que nos explicaron as características de cada unha destas familias profesionais.

No CIFP Ricardo Mella entramos en contacto cos Graos Medios relacionados coa saúde (auxiliar de clínica, auxiliar de primeiros auxilios, técnico en rediodiagnóstico, etc.) e tamén coas novas tecnoloxías (informática, imaxe e son). Despois dunha introdución a estes Ciclos visitamos, divididos en dous grupos, os módulos onde se imparten as ensinanzas de tipo sanitario e os módulos de informática, imaxe e son.

Galería de imaxes

VIAXE A LONDRES

Do 25 de febreiro ao 1 de marzo 40 alumnos/as de bacharelato e tres profesores realizaron unha viaxe de estudos a Londres. O programa realizado foi bastante denso e o metro londinense converteuse no verdadeiro protagonista do noso periplo. Que dicir da viaxe a Greenwich o día 26 contemplando a City en Canary Warf? Ou dese paseo polo Foot Tunnel para descubrir o Observatorio do Meridiano Cero? A volta en barco polo Támesis foi memorable, pasando polas pontes máis significativas da capital británica. Ese mesmo día visitamos Westminster Abbey e rematamos de compras en Camden: algúns perdéronse a singularidade de Camden Lock, onde nos atopamos coas nosas compañeiras do IES de Rodeira.

O día 27 resultou, de mañá, un pouco marcial: acudimos aos cambios de garda en Horse Guards Parade e Buckingham Palace. De camiño ao London Eye celebramos o cumpre do director e pasamos a tarde dun precioso día polo Southbank, visitando a Tate Modern, Millenium Bridge, Shakespeare's Globe e Southwark Cathedral.

O 28 foi unha xornada espectacular: os nosos alumnos/as quedaron maravillados pola excelencia dunha das Universidades máis antigas de Europa, Cambridge. O paseo polas súas rúas peatonais, a entrada nos patios dos diferentes Colleges, a chegada ao río cos seus botes, perduran na nosa mente como un lugar que invita ao estudo. Ou non? A volta agardounos a tan esperada National Gallery e os seus magníficos fondos. Por fin puidemos visitala, ao teceiro intento.

Para o domingo pola mañá deixamos a inmensidade do British Museum: sobran as palabras. Esquecemos deliberadamente para o final deste itinerario as nosas horas por Trafalgar Square, Leicester Square, Picadilly Circus e como non o noso amado Royal National Hotel (algo cutre non?) Parodiando a película "sempre nos quedará Londres". Bye. 

ENTROIDO 2009

Como ven sendo tradicional, celebramos no centro a festa do Entroido. O venres, 20 de febreiro, ás 12,00 h., o grupo de percusión de 2º de bacharelato percorreu o Instituto para invitarnos a participar na festa e dirixirnos ás pistas, onde o alumnado do Ciclo Formativo tiña preparada unha serie de xogos, animándonos a participar (tira e acerta, a sombra, o ponche, a laranxa bailonga, o pano, etc.). Ás 12,45 procedeuse no ágora ao desfile de disfraces e comparsas presentes no concurso. Con máis de 130 participantes houbo premio para o mellor disfrace (O Chapapatas), para a mellor parella (Manolo e Benito), para o mellor grupo (A noiva cadáver e compañía) e para a mellor comparsa (Benvidos ao Zoo).

Os premiados recibiron uns vales-regalo aportados pola ANPA. Tamén como agasallo da ANPA, puideron todos os disfrazados degustar as típicas orellas de Carnaval. Para rematar bailamos ao ritmo das pezas propias do carnaval interpretadas polo grupo de gaitas.

Salientamos o feito de que, ao igual que o curso pasado, un grupo de alumnos/as do Xoán XXIII pasou con nós esta xornada festiva.

OBRADOIRO DA ONG PAZ E DESENVOLVEMENTO

O 18 de febreiro a ONG Paz e Desenvolvemento impartiulle ao alumnado de 3º e 4º da ESO un obradoiro formativo baixo o título de "Educación erótica, afectividade e autoestima". En sesións de 50 minutos as monitoras pretendían que o alumnado reflexionara, dun xeito dinámico e participativo, sobre a importancia de coñecer e loitar polos seus dereitos sexuais e reprodutivos. Mediante distintas dinámicas, fíxose fincapé na aplicación dos conceptos de tolerancia, respecto e comprensión cara as diferencias por desigualdades de xénero e roles impostos pola sociedade.

Simultaneamente no ágora había dúas exposicións:

  • Dereitos sexuais e dereitos reprodutivos: o meu corpo é un territorio clandestino.
  • Dez anos loitando contra a escravitude sexual.

A actividade foi valorada positivamente polo alumnado, aínda que se desenvolveu tan só durante unha sesión, feito este que determinou moito as actividades.

SAN ISIDRO-LEÓN

Un grupo de alumnos/as de 1º da ESO, acompañados de Trini, profesora de Matemáticas, e de Serafín, profesor de E.F., participaron na Semana Branca 2009, organizada pola Deputación Provincial de Pontevedra, na estación de montaña de San Isidro en León, desde o día 15 ao 20 de febreiro.

Tomamos parte, ademais das clases de esquí de mañá, en actividades de tipo cultural: visita á cidade de León, ao Torreón de Puebla de Lillo e ao centro de interpretación da Casa do Parque. Despois da cea pasamos divertidas veladas cos monitores de tempo libre. O bo tempo que nos acompañou durante toda a semana, xunto coa gran cantidade de neve acumulada, fixeron aínda máis atrainte esta actividade.

Podes ler o resumo da excursión que realizou Flor, alumna de 1º ESO A

Aula aberta de Filosofía

 

    Esta actividade estivo dirixida a alumnado de 1º de bacharelato e 4º da ESO e organizada polo profesor Pepe de Jiménez (Barcelona), coa colaboración de Concello de Cangas. Celebrouse no Auditorio de Cangas o dia 5 de Febreiro

    Trátase dunha experiencia pedagóxica que a aula aberta “Cachai” de filosofía proposta para o alumnado de filosofía e de ética co obxectivo de achegalo a problemas como a cidadanía nun estado non democrático e as circunstancias da incomunicación.

    A actividade comeza cunha obra de teatro que sitúa os personaxes no momento do golpe de estado de 1973 en Chile. A partir de aí, relátanse as andanzas de dous irmáns que intentan gañarse a vida interpretando a un ventrílocuo e o seu moneco, interpretado polo irmán menor que perdeu a capacidade para falar a consecuencia da situación desencadeada polo golpe de estado.

    Unha vez rematada a obra de teatro o profesor Pepe de Jiménez moderou un debate entre o alumnado a partir das ideas propostas nela.

    A actividade presenta en si mesma aspectos interesantes para alumnado que desenvolve no seu currículo a reflexión sobre o estado e a cidadanía. A representación teatral contén momentos de monólogo que resultaron un tanto complicados para os alumnos e alumnas, pero tamén outros nos que resultaba mais fácil manter a atención.

    O debate posterior á representación resultou, tal vez, o aspecto máis positivo da actividade, pois foi ocasión para o intercambio de ideas entre alumnos e alumnas participantes na actividade, que procedían tamén do Instituto de Rodeira. O feito de que o alumnado teña ocasión para debater aspectos como a desigualdade do mundo e o papel do Estado e os gobernos, contribúe dun xeito importante a desenvolver os obxectivos do ensino no bacharelato pois o debate é un dos procedementos básicos para alcanzar a madurez nas ideas e a capacidade de entender aos demais e compartir e contrastar as ideas propias.

Distribuir contido