Saltar navegación.
Inicio

A NOSA lanzou con éxito a súa cápsula

     A NOSA, Axencia Espacial Escolar Galega, na que se integra o IES Marco do Camballón, lanzou o 30 de maio unha cápsula estratosférica que voou ata os 32000 m de altitude. A cápsula despegou ás 12h desde Ordes e aterrou ás 15.15h nas proximidades das fragas de Catasós, no concello de Lalín. Desde a ligazón pódese acceder a un vídeo-resumo e na galería pódense ver máis imaxes.

O alumnado do IES Marco do Camballón responsibilizouse principalmente das funcións científicas implicadas. Por un lado, deseñou un experimento biolóxico incorporado á cápsula, co propósito de avaliar a habitabilidade do seu interior nun voo de condicións tan extremas. Enviáronse tres mostras: unha miñoca viva, uns xermolos de legumes e un frotis.

Nun primeiro exame tras a recuperación da cápsula, comprobouse que dous dos tres experimentos foran un éxito posto que a miñoca regresou con vida (sendo liberada aos poucos minutos) e os xermolos incrementaran o seu tamaño durante as horas do voo (tras a chegada ao instituto, plantáronse os xermolos en terra para seguir o seu crecemento nospróximos días). A mostra do frotis permanece conxelada á espera de ser analizada ao microscopio.

Por outro lado, o IES Marco do Camballón deseñou unha peza da cápsula chamada estabilizador, que pretendía outorgar algo de rixidez ao sistema de cordas que une a cápsula ao globo, co propósito de reducir o balanceo e obter imaxes de mellor calidade. Tras o procesado dos vídeos puidemos comprobar que esta parte do proxecto fora outro éxito posto que as imaxes tomadas son moi estables e permiten un alto nivel de detalle (a curvatura terrestre e a cartografía do cadrante noroccidental da península).

Nestes momentos, o alumnado do centro disponse a analizar os datos dos sensores termométricos e de ozono que a cápsula levaba incorporados. Nos próximos días elaboraranse os primeiros informes e daranse a coñecer as conclusións.