Saltar navegación.
Inicio

"O poeta que baila", premio á innovación educativa

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Formación Profesional acaban de resolver a convocatoria de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística durante o curso 2021-2022, e un dos cinco premios foi para o IES Marco do Camballón, polo proxecto que leva por nome “O poeta que baila”, realizado conxuntamente entre o Clube da Lingua e o IES do Milladoiro.

 

A idea afonda no vínculo coa música que ten a obra literaria do escritor valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, a quen estivo dedicado este ano o Día das Letras Galegas, e inclúe unha fusión de baile, música, literatura e lingua arredor da obra do autor. Entre as propostas figurou a gravación dun videoclip coa participación de vinte estudantes e docentes do instituto cruceño xunto ao músico Xabier Díaz, onde houbo protagonismo para o poema Pandeirada do escritor ourensá. No relativo ás imaxes, a dirección audiovisual estivo a cargo da ex alumna Nerea Fiúza. Asemade, tamén se gravou o tema en estudo. No caso do instituto do Milladoiro, o seu traballo estivo centrado en analizar os ritmos latinos e a súa presenza na obra de Florencio Delgado.

 

Este galardón, dotado de 2000 euros, súmase a outro obtido anteriormente neste curso, o premio de educación Antonio Fraguas, co que se recoñece o proxecto “Ao son da oralidade”, tamén xunto ao IES do Milladoiro. Neste caso a iniciativa estivo centrada na oralidade de dous territorios moi próximos, nunha viaxe no tempo dende a Prehistoria ata a actualidade, vinculada tamén ao patrimonio e dende diferentes disciplinas.