Saltar navegación.
Inicio

Estreamos mural de homenaxe a Neira Vilas

O mural, sobre a parede exterior do ximnasio, foi realizado por @elmiguelperalta do colectivo Cestola na cachola

Recollemos a opinión do artista:

Tratei de referenciar a modo de collage composto de fotografías, textos e ilustracións os momentos máis representativos da súa vida: a dura infancia na Galicia da posguerra, a temprana emigración, súa vida e activismo en Arxentina e Cuba, e o seu retorno á terra de Gres (Vila de Cruces).

A idea do collage xurdiu a raíz dunha entrevista que lin dun compañeiro co que traballou na revista infantil cubana Zunzún (da que foi fundador e redactor). Na entrevista comenta que Neira Vilas tiña unha vida moi activa e levaba a cabo multitude de proxectos simultaneamente, e non entendía como podía ser un autor tan prolífico e traballar tan duramente para a revista. Conta que polo visto tiña os petos cheos de papeliños recortados nos que anotaba ideas de todo tipo que lle xurdían ao longo do día. Cando chegaba a casa adicábase a ordenar todos os fragmentos en composicións que despois organizaba minuciosamente en carpetas para empregalas cando fose necesario nas súas publicacións. Así pois imaxinei unha composición deses papeis dispersos nunha parede para ilustrar a súa vida e obra.
Foi un mural complicado xa que a parede tiña unha textura moi tosca e dificultou un pouco a elaboración mais quedei satisfeito co concepto do collage e os cambios de estilo dos diferentes elementos, xa que é algo que facíamos moito ao inicio da nosa carreira no mundo da ilustración e foi enriquecedor levalo a mural.