Skip to Content

Entrega das Becas-Premio da Fundación Fernando Blanco de Lema

Alumnado premiado, patrocinadores e profesorado

Fermosa e emotiva mañá de venres a desenvolvida no salón de actos do IES Fernando Blanco, con motivo da entrega das XI Becas-Premios Fernando Blanco correspondentes ao curso pasado, 2021-2022, as cales están organizadas conxuntamente pola Fundación Fernando Blanco de Lema e polo IES Fernando Blanco de Cee, e que contan coa colaboración varias firmas comerciais (Abanca, Semáforo de Fisterra, Centro Comercial Finisterrae, Roberto G. Rigaut S.L. (Mapfre Seguros), Compucee, Fersi Papelería, Ler Librerías, Aurora Sport, Cabo Sport, Seguros Costa da Morte, Parques e Xardíns Manuel García e Inforneria).

O acto contou coa presenza da Inspectora de Educación, Magdalena Duarte Blanco, de representantes dos establecementos colaboradores (eles foron os encargados de entregar as becas xunto coa alcaldesa de Cee, Inspectora e integrantes do equipo directivo do Instituto), integrantes do Padroado da Fundación, representantes do Concello de Cee, profesorado do IES Fernando Blanco, familias e alumnado de distintos cursos.

O acto comezou coa tradicional ofrenda floral no sepulcro do fundador, situado na capela do centro educativo, o cal foi depositado polo alumnado premiado nesta XI Edición como mostra de cariño, admiración e eterna gratitude.

Os discursos da cerimonia correron a cargo de Darío Areas Domínguez (Secretario da Fundación), do alumnado premiado e de Chelo Trillo Lago (Directora do I.E.S. Fernando Blanco e Presidenta da Fundación), a cal foi a encargada de pechalo evento.

En todos eles estivo moi presente a figura de D. Fernando Blanco de Lema, e todos quixeron louvar a súa figura e o seu altruísmo, froito do cal, Cee conta cun dos centros educativos de referencia de Galicia dende finais do século XIX, e motor do desenvolvemento educativo, cultural e social da vila.

As Becas-Premio Fernando Blanco están destinadas a agasallar aos mellores expedientes académicos de distintos cursos impartidos no instituto ceense.

As notas dos premiados/as desta edición oscilaron entre o 9 e o 10. De feito, era requisito imprescindible para optar a ditos Premios, ter tódalas materias aprobadas en xuño, cunha nota media mínima de 8,5.

Cada un dos Premios está valorado en 500 € (220 € en metálico e 280 € en vales de compra doados polos establecementos colaboradores). 

A música da cerimonia estivo a cargo de Marcos Traba, quen deleitou aos presentes con tres pezas.

Os premiados nesta undécima edición das Becas-PremioFernando Blanco foron:

- DAVID SANTABAYA PAZ (3º ESO)

- ADRIANA CASTIÑEIRA IGLESIAS (1º BACHARELATO)

- ROIS NAZARETH MAYO SÁNCHEZ (1º CICLO BÁSICO – ELECTRICIDADE E ELECTRÓNICA)

- SARA ANDRADE FORMOSO (1º CICLO MEDIO – XESTIÓN ADMINISTRATIVA) 

- ALEJANDRO LAVANDEIRA CASAIS (1º CICLO SUPERIOR - AUTOMATIZACIÓN E ROBÓTICA INDUSTRIAL)

 

PARABÉNS !!!

 



page | by Dr. Radut