Skip to Content

Secretaría

"Eu tamén necesito amar"

No marco das actividades vinculadas ao “mes da muller”, este próximo luns visitaranos o realizador gondomareño Antonio Caeiro, quen nos vén presentar “Eu tamén necesito amar”. Este documental amósanos en primeira persoa a historia íntima de dezasete mulleres da nosa contorna nunha sociedade que, coas feridas aínda abertas da Guerra Civil, estrea unha ditadura que duraría máis de corenta anos.

Trátase, xa que logo, da memoria oral do amor e a represión -política, relixiosa e social- vividos, e sufridos, en tempos de guerra e miseria, de pensamentos e vivencias testemuños dunha época escura, non tan afastada, que cómpre visibilizarmos porque, como reivindica o director “a historia deste país está chea de mulleres, invisibles na maioría das veces, que levantan a súa casa sen precisar de home á sua beira”. Fermosa e necesaria homenaxe á afouteza, afectividade e á liberdade das nosas mulleres! 

Día Internacional da Muller

Marzo é o “mes da MULLER” e son moitas as actividades que nestes días promovemos -desde o Equipo de Igualdade, Biblioteca e departamentos didácticos- para honrar a súa figura. Continuamos, deste xeito, a xeira emprendida co “Día contra a violencia de xénero” ou coa celebración do “Día da muller e a nena na Ciencia”, encamiñada a sensibilizar e visibilizar a valía feminina na sociedade, lembrando a necesidade e seguir loitando pola igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes.

Asistiremos á protección de documentais, pezas teatrais, presentación de libros, obradoiros de creación audiovisual, charlas, lecturas, regueifas, exposicións... que nos permitirán coñecer, por exemplo, a evolución na visión da muller na arte, as problemáticas que teñen sufrido e sofren, como se vivía a afectividade en tempos de guerra... porque, malia que aínda queda moito por andar, é tarefa de todxs peneirar o camiño, e tentaremos que, polo menos dentro da nosa comunidade educativa, as mulleres deixen de ser “invisibles”...

 

 

Olimpíada de Física

Este venres celebrouse na Facultade de Ciencias do Mar de Vigo a fase local da Olimpíada Internacional de Física, e a ela acudiu o noso alumno de 2º de bacharelato Pedro Martínez Rajoy. Aínda que teremos que agardar uns días para saber se consegue ser un dos dous alumnos seleccionados pola Universidade de Vigo para competir na fase nacional -previa á internacional e iberoamericana-, sentímonos moi orgullos@s del, pois chegar aquí xa é todo un triunfo de talento e esforzo. Parabéns a Pedro e ao seu profesor César Rodríguez!

 

Admisión de ESO e Bacharelato para o curso 2020-21

O prazo de admisión é do 1 ao 20 de marzo.

  • O alumnado e/ou as súas familias que desexen obter unha praza de ESO ou BACHARELATO para o curso 2020-21 nun centro distinto do que está cursando este curso poderán presentar unha única solicitude da seguinte forma:
    • De forma presencial na secretaría do centro docente indicado como primeira opción (poden descargar o impreso adxunto)
    • A través da aplicación de xestión do proceso “admisionalumnado”(https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado/)

 O alumado dos centros adscritos de primaria que xa fixo a reserva de praza e o alumnado que xa está a cursar a ESO ou o Bacharelato no noso IES non precisa facer ningún trámite neste procedemento posto que ten garantida a praza. Non obstante, para conservar a praza deberá matricularse dentro dos prazos establecidos.

 

En arquivos adxuntos pode consultarse o alumnado admitido en 1º ESO para o curso 2020-21 e as prazas vacantes na ESO e Bacharelato ofertadas para o vindeiro curso.

 

 

Museo Liste

Esta semana os grupos de 1º ESO visitaron o Museo Etnográfico Liste de Vigo, nunha saída lúdico-didáctica organizada polos departamentos de música e galego, alén do Equipo de Dinaminazión da Lingua Galega. Á parte de coñecer a colección de pezas vinculadas coa etnografía galega (oficios tradicionais, crenzas...), o alumnado realizou diversas actividades teórico-prácticas que lles permitiu afondar no coñecemento da nosa tradición. No obradoiro “Entroido: madamas e galáns na outra banda do río” coñeceron as personaxes máis destacadas do noso Entroido e mesmo tiveron a oportunidade de confeccionaren o seu propio sombreiro. No obradoiro “Instrumentos humildes”, alén de afondaren na clasificación, xeitos de tocar e historia de instrumentos de noso e doutras culturas, chegaron a elaborar un sinxelo instrumento tradicional. Diversión e aprendizaxe nunha xornada única!

 


Distribuir contido


by Dr. Radut