Curso 2019/20

1º e 2º da ESO van ao Rocódromo

Hoxe, xoves 27 de febreiro,  o alumnado de 1º e 2º da ESO pasaron una xornada inesquecible no Rocódromo de Lugo, organizada polo servizo de deportes do Concello de Lugo dentro do Programa Xogade da Xunta de Galicia. 

 

Está situado no Pazo de  Feiras e Congresos de Lugo, nun pavillón de máis de 5000  m2,  nel pódese probar a escalada nas tres modalidades: Dificultade, Velocidade e  Búlder. Ademais, conta cunha plataforma de quince metros de altura para practicar técnicas como o rápel ou a progresión con cordas fixas. 

 

No seguinte enlace podedes ver un pequeno resumo en imaxes do día e do ben que o pasamos.

 

Entroido 2020

Este venres 21 de febreiro celebramos o entroido no IES do Camiño, foi una xornada moi divertida, na que o pasamos moi ben: comemos, xogamos, bailamos e sobre todo rímonos moito!

 

"Nin + nin -, iguais": Ana Corredoira

Hoxe, martes 18 de febreiro, no marco da actividade “Nin + nin -, iguais”, consistente nun ciclo de conferencias en centros educativos para dar a coñecer a mulleres profesionais líderes nos seus sectores, contamos coa bióloga e gandeira de A Cernada, Ana Mª Corredoira. Esta veciña de Palas de Rei falounos un pouco das súa experiencia vital e da súa profesión de gandeira, así como con algunha das dificultades ás que se tivo que enfrontar, tanto por ser  muller, como por ser xove.

 

Cursou a ESO e o Bacharelato no noso instituto, cun expediente brillantísimo, para logo estudar Bioloxía na USC, con non menos éxitos. Ao remate desta e con todo un amplo abano de posibilidades laborais, toma a decisión de comprometerse e poñerse á fronte da explotación gandeira de seus pais, coa que xa estaba  familiarizada e  colaboraba desde sempre. Ana María é un exemplo a seguir de muller intelixente, sensible, pero cos pés na terra e con fe  nunha gandaría sostíbel e con rendibilidade, con fe no futuro de Galicia e do seu sector gandeiro e capaz de solventar os obstáculos e atrancos que se atopou durante a súa traxectoria. 

 

E así o demostrou durante a súa conferencia onde nos transmitiu a súa forza, motivación e paixón polo que fai e no que cre ferventemente. Ogallá dispuxeramos de máis tempo para seguir conversando con ela. 

Moitas grazas por volver ao que foi e segue sendo o teu instituto. 

 

Ademais neste día contamos coa presenza da Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella e o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada Camoira. 

 

Aquí podes ver un resumo en imaxes da conferencia:

Cruz Vermella: "Taller Acoso Escolar e uso das TIC/Redes Sociais"

Hoxe, martes 18 de febreiro, Natalia e Pablo, voluntarios da Cruz Vermella de Lugo, traballaron cos alumnos e coas alumnas de 1º da ESO o “Taller para a prevención do acoso escolar e o uso responsable das TIC e as redes sociais”. Cremos fundamental incidir nestes temas pola problemática que atopamos, a diario, nos centros educativos, polo que esta acción formativa sumase ás que xa levamos realizadas durante este curso, tales como desenvolvemento do programa TEI e a Charla da Garda Civil sobre Novas Tecnoloxías e novas adiccións dentro do Plan Director para a mellora da convivencia nos centros educativos. 

 

Buscamos, por un lado, reducir as condutas violentas nos adolescentes e polo outro, potenciar a igualdade, a convivencia e o uso responsable das TIC e as redes sociais. 

 

Durante o taller de hoxe as rapazas e rapaces traballaron conceptos como o bullying e o acoso escolar, o ciberbullying, as estratexias de prevención do acoso escolar e o ciberacoso, as mentiras das redes sociais, as vantaxes e desvantaxes das redes sociais …. Todo iso nun ambiente lúdico a través de técnicas de grupo, visionado de vídeos, posta en común de ideas…. 

 

Moitas grazas, Pablo e Natalia,  por vir ao noso centro e facer desta una xornada tan importante para a formación do noso alumnado. 

Vémonos pronto! 

 

 

 

 

Cruz Vermella: "Taller Alimentación" (2º ESO)

Hoxe, martes 18 de febreiro, Helena e Alba, traballadoras da Cruz Vermella de Lugo realizaron co alumnado de 2º da ESO o “Taller de Alimentación”, no que traballaron a promoción da saúde como alicerce esencial para a prevención de actitudes, comportamentos e hábitos que supoñan riscos asociados o seu benestar físico, psíquico e social.

 

Para iso abordáronse conceptos como o de saúde e alimentación, nutrición, necesidades nutricionais, roda de alimentos, prexuízos, estereotipos e mitos en torno á alimentación e canons sociais de beleza – salubridade. Sen esquecernos dos trastornos da conduta alimentaria tales como a anorexia, a bulimia e trastornos da conduta alimentaria non especificados. 

 

Así mesmos reforzáronse as habilidades individuais e sociais tales como a autoestima, comunicación, capacidade analítica e crítica, autonomía na toma de decisións, resistencia á presión grupal, empatía e asertividade. 

 

E por último recalcouse a importancia dos hábitos de vida saudables asociados á alimentación e ó exercicio físico: hixiene alimentaria, cociñado de alimentos, formas alternativas  de alimentación e actividade física. Elas traballaron todos estes conceptos co alumnado a través de xogos, dinámicas de grupos, debates tales como análise de anuncios, “pasapalabra” de alimentos, visionado de vídeos…

 

Grazas a Helena e Alba é sempre un pracer contar con vós no noso instituto. 

 

 

 

Charla informática sobre a Universidade de Coruña (UDC)

Hoxe, martes 11 de febreiro, contamos con Laura que traballa no Servizo de Asesoramento e Promoción do Estudante  (SAPE) para informar ao alumnado de 2º de Bacharelato sobre a Universidade de A Coruña. 

 

Laura informounos sobre o réxime de acceso á universidade, os grados que se poden cursar no campus de Ferrol e  A Coruña que son un total de máis de 40 graos, entre eles hai 1 bilingüe inglés/español, 8 que imparten itinerarios en inglés, 4 dobres graos internacionais, 7 son programas de simultaneidade de grao e 1 é compartido coa Universidade de Santiago de Compostela. Ademais una vez rematados os estudos de grado pódese continuar na UDC cursando algún dos máis de: 60 Másteres, 30 programas de Doutoramento e 30 programas de Estudos propios.

 

Tamén os alumnos e alumnas recibiron información sobre as becas e axudas ás que poden optar, aloxamento, actividades culturais e deportivas, voluntariado... 

 

E con esta charla rematamos co asesoramento académico ao alumnado de 2º de bach sobre as tres universidades do sistema universitario galego (CIUG). Esperemos que foran de axuda ao noso alumnado. 

 

 

 

"A maldición de San Brandán"

O luns 10 de febreiro contamos no instituto co autor Paulo Calvo, autor do libro “ “A maldición de San Brandán”. Un dos libros que este ano estamos a ler no Club de Lectura da Biblioteca. Paulo é profesor de Economía e Matemáticas no ensino secundario. No eido literario recibiu premios en certames como o de microrrelatos do Centro Galego de Frankfürt e nos Sonigramas do Diario cultural da Radio Galega. Asemade, colaborou cunha serie de relatos curtos de xénero fantástico no libro Contos estraños. 

 

Esta novela narra como o padre Aldán guía un grjpo de frades irlandeses cara a un recuncho da antiga Britonia, Lar de Maeloc, coa misión de acubillar un poderoso artefacto. O mesmo que o doutor Fausto Wesster procura para o Führer, sabendo que de atopalo, o ditador acadaría a gran vitoria que desexa para os nazis sobre Europa. O mesmo que Daniel Alvite, Luthier da USC, descubrirá no fardo das escavacións de Wewelsburg. Unha novela que nos fará conter a respiración, un conto de misterio, azar e intriga histórica onde nunca saberemos se o destino da humanidade é libre ou obedece á vontade dun obxecto. Ou quizais si, quizais si o saberemos…

 

Foi unha sorte contar co autor no noso centro e que fixera unha presentación tan amena e accesible para o alumnado. Grazas! 

Probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional.

A Consellería de Educación convoca probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional.

 

* Probas de acceso a CICLOS FORMATIVOS de GRAO MEDIO.

Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio as persoas que non posúan o título de graduado en ESO nin un título profesional básico e teñan 17 anos ou os fagan no ano natural de celebración da proba.

O prazo de presentación de solicitudes será entre os días 2 e 13 de marzo de 2020, ambos os dous incluídos.

As solicitudes están en https://sede.xunta.gal co procedemento ED312C.

As solicitudes presentaranse en calquera centro docente público da Consellería de Educación que imparta ciclos formativos de formación profesional. 

Data:  As probas de acceso aos ciclos de grao medio terán lugar o día 28 de maio de 2020.

 

 

* Probas de acceso a CICLOS FORMATIVOS de GRAO SUPERIOR.

Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior as persoas que non posúan o título de bacharelato nin un título de técnico de formación profesional e teñan 19 anos ou os fagan no ano de realización da proba.

O prazo de presentación de solicitudes será entre os entre os días 10 e 19 de febreiro de 2020, ambos os dous incluídos.

As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.gal co procedemento ED312D 

Data: As probas de acceso aos ciclos de grao superior terán lugar o día 23 de abril de 2020. 

 

Máis INFORMACIÓN no DOG do 7 de febeiro de 2020 e en www.edu.xunta.es/fp e/ ou no Departamento de Orientación.

Podes consultar tamén a información nos seguintes enlaces:

Saída didáctica a Santiago de Compostela

Saída didáctica a Compostela

O pasado xoves 30 de xaneiro  as rapazas e os rapaces de 1º e 2º de Bacharelato e as de FP desfrutaron dunha saída pedagóxica á capital da Galiza.

Pola mañá, o alumnado de 2º de Bacharelato fixo unha pequena homenaxe no Panteón das Galegas Ilustres aos escritores do grupo Nós, así como tamén reivindicaron o papel das mulleres  na configuración do noso sistema literario. 

Despois deste recoñecemento, visitaron o Museo do Pobo Galego cunha actividade que a guía da institución lles proporcionou. Recorreron as salas e as diversas exposicións de xeito autónomo e entretido á descuberta de diferentes obxectos, símbolos, vestimentas, ferramentas…que nos conforman como pobo.

Xa pola tarde, tiveron a sorte  de gozar da exposición “Galicia, un relato no mundo”  que se atopaba na cidade da cultura, acompañadas dun experto na mostra.  Alí, viron en directo e por primeira vez os Cancioneiros da Vaticana, tesouros da nosa lírica medieval, así como outras xoias da nosa cultura, como “A SANTA”  de Francisco Asorey .

Podes ver no seguinte enlace algunhas das fotos da xornada:

Plan Director: "Violencia de Xénero"

A violencia de xénero é un problema que está ocorrendo a nivel mundial e en particular, na nosa sociedade de aí a necesidade de intervir dende as idades máis temperás para poder previla.  

 

As causas da violencia contra as mulleres atópanse na discriminación de xénero, as normas sociais e os estereotipos de xénero que a perpetúan. Esta violencia pode manifestarse en diversos tipos:  FÍSICA, SEXUAL, ECONÓMICA, SIMBÓLICA E PSICOLÓXICA. 

 

Dende o instituto levamos varios cursos traballando coas alumnas e alumnos na súa prevención, dado os efectos devastadores que a violencia ten nas mulleres. Xa que cremos firmemente que a prevención debe comezar nas primeiras etapas da vida, mediante a educación dos nenos e nenas que promova as relacións de respecto e a igualdade de xénero. O traballo con mozos e mozas é a mellor opción para lograr un progreso rápido e sostido en materia de prevención e erradicación da violencia de xénero, xa que esta etapa trátase dunha época crucial durante a cal se forman os valores e normas relativas á igualdade de xénero.

 Por iso hoxe contamos no centro, dentro do marco do Plan Director para a mellora da convivencia, coa presenza de dous formadores da Garda Civil, Ana e Hector, que informaron e formaron ao alumnado de 3º e 4º da ESO e de 2º de FP Básica na prevención da violencia de xénero.

Distribuir contido