Club de lectura

Encontro do club de lectura

O día 22 de marzo tivo lugar o último encontro do segundo trimestre do club de lectura do IES do Camiño. Como o día anterior fora o Día Mundial da Poesía, nesta ocasión non só comentamos a obra de narrativa elixida, ¿Cuál es tu lucha? de Nando López; senón que repartimos e lemos algúns poemas de Penúltimas tendencias e Makinaria de Carlos Negro. Tamén seguindo o proxecto da RAE "Amamos la poesía" nos fixamos nalgúns poemas, por exemplo "Diferente" de Juan Ramón Jiménez. No medio da lectura e entre o debate xerado, acordamos facer un recital conxunto fóra do centro coa colaboración dos voluntarios da biblioteca, algúns deles membros do club. Seguiremos informando...

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Encontro do club de lectura

Encontro do club de lectura de adultos

O día 4 de abril xuntámonos o club de lectura de adultos do IES do Camiño para falar sobre a lectura do trimestre. Seguindo o lema das biblioteca escolares, apostamos pola banda deseñada. Madialeva de Ana Moreiras foi a obra escollida. Non contabamos, por primeira vez, e xa van catro encontros, coa presenza da escritora, polo que a reunión tivo un cariz diferente. Nesta caso as aportacións dos/as lectores/as tomaron maior protagonismo e foi un gusto escoitar reflexións acerca do cromatismo das ilustracións ou os planos detalle empregados nas viñetas. Tamén puidemos debater sobre algún dos múltiples temas que toca a obra, pero foron a migración ou os matrimonios concertados os que deron máis que falar.

O próximo e último encontro do curso farémolo neste terceiro trimestre e como suxerencias de lectura saíron: Un animal chamado néboa de Ledicia Costas, Xaora de Ana Moreiras, Senlleiras de Antía Yáñez ou As chaves do tempo de Luisa Villalta, entre outros.

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Encontro do club de lectura de adultos

Irene Rega visita o Club de lectura

O venres 19 de xaneiro tivemos a cuarta xuntanza co alumnado do club de lectura do IES do Camiño que, nesta ocasión, consistiu nun encontro coa autora do último libro lido: A malferida de Irene Rega Jul.

Tivemos a oportunidade de falar con ela sobre o acoso, tema principal do libro, pero tamén sobre as lecturas obrigadas, o proceso de escritura ou os finais abertos e ambiguos. Grazas a todas/os por ler e participar e, especielmente, grazas a Irene pola humildade, o agasallo para a rapazada e a boa conversa.

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Reunión do club de lectura

Club de lectura de adultos

O día 15 de xaneiro reunímonos o club de lectura de adultos de Palas de Rei. Nesta xuntanza tivemos a oportunidade de charlar con Rosa Paz, autora do libro escollido: Las tres hermanas. Sorprendeunos a súa seguridade ó afirmar que ela escribiu o que quixo escribir e tamén abrimos un debate ben interesante entre o que nós percibiramos como lectoras/es dos personaxes e o que ela tiña en mente cando os creou.

O próximo encontro terá lugar neste mesmo trimestre e Madialeva de Ana Moreiras é o libro proposto. Podedes anotarvos ó club escribindo a: cristina.gonzalez.abelaira@edu.xunta.gal

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Club de lectura de adultos

O club de lectura

O día 27 de outubro inauguramos o club de lectura deste curso. Ese día asistiron catro profes e trece alumnas e alumnos á reunión. Presentamos o club, repartimos un agasallo, un doce e un calendario coas datas das seguintes xuntanzas. Tamén escollemos a lectura. Dúas foron as obras máis votadas: As alumnas e El príncipe y la modista e a reunión para falar das mesmas fíxose o venres, día 1 de decembro. As obras tiveron un éxito moi desigual causando filias e fobias entre o noso alumnado e as docentes. Agradecemos a participación, pois somos un grupo ben xeitoso e convidámosvos a unirvos ó próximo encontro o xoves, día 21 de decembro.

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Club de lectura

Club de lectura de adultos

O día 25 de abril o club de lectura de adultos reuniuse na pastelería Dulce María de Palas de Rei con motivo do noso segundo encontro. Desta volta tivemos a oportunidade de charlar con Alba Guzmán Falcón, a autora de Xoaniña de Deus, o libro de lectura escollido. Todas as asistentes desfrutamos da conversa cunha escritora que ten máis premios que anos, é admirable!

Grazas a todas por estar aí, porque eu penso como Xoaniña: "é máis importante non esquecer que olvidar". Podedes anotarvos ó club escribindo a: cristina.gonzalez.abelaira@edu.xunta.gal

Álbum: Curso académico 2022/23 -> Club de lectura de adultos

Viaxe a Compostela do clube de lectura

O día 17 de abril o club de lectura do IES do Camiño realizou unha saída a Santiago de Compostela, escenario dalgúns dos libros lidos este curso, en concreto, de Trescatorcedezaseis e de Cicuta para dous de Rocío Leira, escritora coa que tivemos a oportunidade de charlar na librería AENEA.

Foi un encontro compartido co club de lectura do IES deMonterroso. 

Deixámosvos algunhas das imaxes do mesmo.

Álbum: Curso académico 2022/23 -> Viaxe a Compostela do clube de lectura

Clube de lectura

O club de lectura da biblioteca do IES do Camiño contou este trimestre con tres grupos diferentes para ó alumnado. Por unha banda, reunímonos para compartir a lectura de Hearstopper, que triunfou entre as rapazas e as profes e que repetimos en pouco tempo porque quedamos con gana da segunda, terceira e cuarta parte da novela gráfica. Por outro lado, apostamos por Trescatorcedezaseis de Rocío Leira. Este grupo foi aumentando o seu número de participantes, pois aqueles que acudían só de oíntes ó encontro, animáronse a mergullarse na lectura da obra e quedamos de repetir a experiencia de ler á mesma autora despois do Nadal. Cicuta para dous é a obra elixida. 

Por último, moitos dos membros do club iniciáronse no mundo da psicoloxía e charlamos sobre Las gafas de la felicidad, unha proposta de Alejandra Abuín, que nos fixo pensar en que, igual, os problemas que temos non o son tanto. Ás veces tan só dependen das gafas coas que os ollemos. 

Grazas polo voso tempo, o voso entusiasmo e as vosas lecturas. 

Bo Nadal! 

Álbum: Curso académico 2022/23 -> Clube de lectura

Lectura de "Nai que nos pariu"

O día 15 de decembro reuniuse por primeira vez en Dulce María o club de lectura de adultos do IES do Camiño para compartir a lectura da obra: NAI QUE NOS PARIU. Mulleres á altura do interior. Era un coloquio co seu autor, Fernando García Penas. Foi un encontro fermoso, cheo de anécdotas, confidencias e acompañado de cafés, doces e infusións; pero tamén de lectura a viva voz e emoción. Estivemos case dúas horas charlando e TODOS e TODAS CONTAMOS neste camiño de libros.

Graciñas pola boa disposición e o agarimo de todas vós. Quedamos de vernos noutra. Así que seguiremos informando. Lembrade que para anotarvos tan só debedes escribir ó seguinte enderezo: cristina.gonzalez.abelaira@edu.xunta.gal 

 

Álbum: Curso académico 2022/23 -> Lectura de "Nai que nos pariu"

Obradoiro: "A maleta azul dos libros raros"

O 27 de outubro Emma Pedreira visitou a nosa biblioteca para inaugurar o Club de Lectura co obradoiro: "A maleta azul dos libros raros". O alumnado de Oratoria foi o encargado de presentar á recoñecida escritora galega. Todos desfrutamos moito e entedemos que alí onde hai obxectos que conten historias, alí hai libros. Reunirémonos de novo o martes 8 de novembro ás 11 horas no tempo de lecer. Agardámosvos!

 

Álbum: Curso académico 2022/23 -> Obradoiro: "A maleta azul dos libros raros"
Distribuir contido