Cruz Vermella: "Taller Acoso Escolar e uso das TIC/Redes Sociais"

Hoxe, martes 18 de febreiro, Natalia e Pablo, voluntarios da Cruz Vermella de Lugo, traballaron cos alumnos e coas alumnas de 1º da ESO o “Taller para a prevención do acoso escolar e o uso responsable das TIC e as redes sociais”. Cremos fundamental incidir nestes temas pola problemática que atopamos, a diario, nos centros educativos, polo que esta acción formativa sumase ás que xa levamos realizadas durante este curso, tales como desenvolvemento do programa TEI e a Charla da Garda Civil sobre Novas Tecnoloxías e novas adiccións dentro do Plan Director para a mellora da convivencia nos centros educativos. 

 

Buscamos, por un lado, reducir as condutas violentas nos adolescentes e polo outro, potenciar a igualdade, a convivencia e o uso responsable das TIC e as redes sociais. 

 

Durante o taller de hoxe as rapazas e rapaces traballaron conceptos como o bullying e o acoso escolar, o ciberbullying, as estratexias de prevención do acoso escolar e o ciberacoso, as mentiras das redes sociais, as vantaxes e desvantaxes das redes sociais …. Todo iso nun ambiente lúdico a través de técnicas de grupo, visionado de vídeos, posta en común de ideas…. 

 

Moitas grazas, Pablo e Natalia,  por vir ao noso centro e facer desta una xornada tan importante para a formación do noso alumnado. 

Vémonos pronto!