Skip to Content

Actividades complementarias

8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES, NO IES DE POIO

A Asemblea Feminista-LGTB do alumnado, que se constituíu a comezos deste segundo trimestre, organizou o acto principal con motivo do Día Internacional das Mulleres, no que alumnas integrantes da asemblea leron textos propios que amosaban a desigualdade de xénero e no que tamén se interpretou a canción “O que é noso”.

Neste vídeo podedes ver un resumo da actividade que se desenvolveu nos recreos. Tamén podedes atopar os textos no documento adxunto.

Ademais, o alumnado de 1º BACH de Literatura Universal estreou a súa proposta escénica "8 marzo. 8 mulleres pioneiras na historia e na literatura". O alumnado de 2º ESO e 1º BACH está participando nas representacións que se están a desenvolver no Salón de Actos ao longo do mes de marzo.

O CENTRO XA CONTA CUN COMPOSTEIRO

O noso centro xa conta cun composteiro cedido polo Concello de Poio. O obxectivo é implantar a práctica da compostaxe na comunidade educativa. Para iso, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, o alumnado está recibindo formación específica.

Ademais, o grupo de 4º ESO D, na materia Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional, está preparando un proxecto para mellorar a xestión de residuos no centro, que comezarán a desenvolver nas próximas semanas.

O ALUMNADO DE 4º ESO REALIZA RUTAS POLA CONTORNA EN EDUCACIÓN FÍSICA

No IES de Poio temos unha contorna privilexiada. Aproveitando o bo tempo, grupos de 4º ESO saíron a facer rutas por Campelo e polos muíños da Freixa.

OBRADOIROS DE OFICIOS TRADICIONAIS EN 2º ESO

A semana pasada, o alumnado de 2º da ESO volveu ter un obradoiro sobre oficios tradicionais en colaboración co Concello de Poio. No primeiro trimestre traballaron co coiro e agora aprenderon como é o labor das redeiras e redeiros.

 

ENTROIDO 2021 NO IES DE POIO

Aínda que este ano non puidemos celebrar o tradicional festival, quixemos que o espírito de Entroido percorrese todo o centro. O alumnado comezou coa decoración das súas aulas e a semana de entroido o meco revolucionou o instituto mandándonos vir con algo do revés, con roupa de moitas cores, cun zapato distinto en cada pé... Para rematar, celebramos o concurso de Entroido no que un grupo de alumnado constituíu o xurado.

GRUPO GAÑADOR DO CONCURSO DE DECORACIÓN - 1º ESO E

GRUPO GAÑADOR DO CONCURSO DE DISFRACES - 3º ESO A

MINIGRUPO GAÑADOR DO CONCURSO DE DISFRACES - 3º ESO B

Parabéns e grazas a todos e todas por participar!

 

 Nesta ligazón podedes atopar máis imaxes.

11F, DÍA DA NENA E A MULLER NA CIENCIA

 

Para reivindicar a presenza das mulleres nos ámbitos científicos, o alumnado de 4º ESO e 1º BACH estivo elaborando materiais.

Grupos de 4º ESO e 1º BACH, na materia de Física e Química, entrevistaron a mulleres vinculadas profesionalmente a diferentes ámbitos científicos e presentaron o resumo desas entrevistas nas infografías que expuxeron no vestíbulo do 1º andar e das que deixamos unha mostra nos adxuntos desta entrada.

O alumnado de Matemáticas de 4º ESO B revisou os datos de matrícula de Bioloxía e Debuxo Técnico en 1º de Bacharelato e de Bioloxía e Física en 2º de Bacharelato para analizar se había diferenzas por xénero. Os datos deixan ver que hai maior matrícula de rapazas en Bioloxía e maior matrícula de rapaces en D. Técnico e Física. Isto non é casual, xa que na escolla formativa aínda están presentes moitos estereotipos. A rama sociosanitaria está máis feminizada, porque está vinculada cos coidados, asociados historicamente ás mulleres. Por outra banda, en Física e Debuxo Técnico, materias vinculadas ás profesións máis técnicas, é maior o número de alumnos, porque estas destrezas se socializan máis nos rapaces e tamén hai moitas menos referentes mulleres neste ámbito. Podedes ver a análise no documento adxunto.

Temos claro que para que as mulleres teñan moita máis presenza nos diferentes ámbitos científicos, é necesario fomentar unha formación libre de estereotipos

CRÉASE UNHA ASEMBLEA FEMINISTA-LGTB DO ALUMNADO

Este espazo nace co obxectivo de acoller o alumnado con interese en desenvolver actividades e iniciativas a prol da igualdade e da diversidade de xénero. O xoves 28 de xaneiro tivo lugar a presentación da asemblea. A partir de agora, as xuntanzas realizaranse os xoves nos recreos.

NOTRE MINUIT À PARIS

Tania, Andrea, Sara, Sandra e Uxía, alumnas de francés 2LE de 2º BACH, xunto coa súa profesora Mercedes comparten a súa iniciativa Notre minuit à Paris, "unha historia de mulleres, escrita por mulleres, para amosarvos as incribles e descoñecidas vidas que a historia invisibilizou". Con ela, pretenden dar a coñecer algunhas das mulleres francesas que foron invisibilizadas na historia a pesar das súas  grandes achegas.

Podedes coñecer máis este proxecto no seu Instagram e no seu blog

Distribuir contido


by Dr. Radut