Skip to Content

Actividades complementarias

CHARLAS DO PROGRAMA "A PONTE ENTRE O ENSINO MEDIO E A USC"

Nas últimas semanas desenvolvéronse tres charlas dentro do programa "A Ponte entre o Ensino Medio e a USC", dirixidas a alumnado de 4º ESO e Bacharelato.

A Antiga Roma en feminino: grandes mulleres da historia romana. Impartida pola profesora Ana Mª Suárez Piñeiro para o alumnado de Latín de 4º ESO e 1º Bacharelato. O vídeo da charla completo aquí.

Todo está conectado: as pegadas ambientais da actividade industrial. A cargo da profesora Almudena Hospido Quintana e dirixida ao alumnado de Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional de 4º ESO.

Ferramentas para atallar as noticias falsas na era da desinformación. Impartida polo profesor Ángel Vizoso García para o alumnado de 2º Bacharelato dentro da materia de Lingua Galega e Literatura.

 

XORNADAS DE PROMOCIÓN DO BALONCESTO

O Departamento de Educación Física organizou unhas xornadas de promoción de baloncesto en colaboración con Boa Vila Basket. Representantes do club achegáronse ao centro e mantiveron encontros co alumnado da ESO e de Bacharelato.

RUTAS DE SENDEIRISMO NA CONTORNA DO CENTRO

Este curso, dentro da materia de Educación Física, o alumnado está realizando rutas de sendeirismo na contorna. O noso centro atópase nun entorno privilexiado, e esta é unha moi boa maneira de coñecelo, aproveitalo e estar ao aire libre.

CHARLA DO PROGRAMA DE DIVULGACIÓN DE DOAZÓN E TRANSPLANTE

Esta semana desenvolvéronse dúas charlas a través de videoconferencia dentro do Programa de Divulgación de Doazón e Transplante, organizado pola Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS).

O alumnado de Bioloxía de 1º BACH así como o grupo do Ciclo Medio recibiron información por parte de persoal sanitario, profesionais da coordinación de transplantes e persoas que achegaron a súa experiencia vital como transplantadas.

POR UN NADAL CHEO DE XOGUETES NON SEXISTAS E NON VIOLENTOS

O alumnado de Coeducación de 1º de Bacharelato, despois de facer unha análise dos catálogos de xoguetes e do sexismo presente nos xogos de nenos e nenas, propuxo unha serie de indicacións para agasallar xoguetes non sexistas e non violentos este Nadal. Podedes velas na imaxe.

O ALUMNADO DO CICLO PARTICIPA NO II CONGRESO IBÉRICO DE TURISMO DEPORTIVO

O alumnado do Ciclo Medio de condución de actividades físico-deportivas no medio natural participou de maneira telemática no II Congreso Ibérico de turismo deportivo celebrado en Ourense o 16 e 17 de decembro.

Puideron afondar nas sinerxías existentes entre os sistemas deportivo e turístico e coñecer que oportunidades e ideas conforman, tamén como ferramentas para promover o deporte e os hábitos de vida saudables.

OBRADOIRO EXPERIMENTAL DE ÓPTICA

Benito Vázquez, profesor da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, desenvolveu un obradoiro experimental de óptica co alumnado de Física de 2º Bacharelato.

A actividade foi organizada dende o Departamento de Física e Química do centro.

Distribuir contido


by Dr. Radut