Skip to Content

Actividades complementarias

ACTO DE DESPEDIDA DO ALUMNADO DE 2º DE BACHARELATO

Este 28 de maio, despedimos á nosa promoción 2015-2021. Desexámosvos o mellor nesta etapa que comezades e agradecemos todo o voso esforzo nestes últimos cursos que vos tocou vivir.

Polas limitacións de aforo, non puideron acompañarnos as familias, un piar fundamental para o noso alumnado. Agradecémosvos tamén todo o voso esforzo.

E por suposto, moitas grazas tamén ao profesorado que acompañou ás nosas alumnas e alumnos ao longo destes anos.

Moita sorte e ata sempre, o IES de Poio sempre será a vosa casa!

LIGAZÓN ÁS IMAXES DO ACTO

"AS RAPAZAS DO ROSARIO", DE EVA TORRES, FOTOGRAFÍA GAÑADORA DO CONCURSO "VISIBLES E DIVERS@S"

Na xornada posterior ao 17 de maio, Día Internacional contra a LGTBfobia, Sementes de liberdade, a asemblea feminista-LGTB do instituto, fixo entrega dos premios do concurso fotográfico “Visibles e divers@s”.

Estas foron as fotografías galardoadas:

- 1º premio para Eva Torres, 1º BAC C: “As rapazas do rosario”

- Accésit para Sara Freijo, 2º BAC A: “Iridescencia

- Accésit para Ainhoa Bernárdez, 1º BAC C: “Os homes tamén menstrúan”

Parabéns ás premiadas e a todas as persoas participantes pola calidade das súas imaxes. Podedes velas todas na exposición que se atopa no vestíbulo do instituto e no Instagram da Asemblea.

Nova na prensa: Pontevedra Viva

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Os versos de Xela Arias encheron o IES de Poio. O 14 de maio celebramos por adiantado o Día das Letras Galegas con música e poesía. Tivemos que organizarnos en diferentes actividades e por grupos para adaptarnos ás circunstancias actuais.

O alumnado de Música (4º ESO) e Linguaxe e Práctica Musical (1º BACH), coordinado pola súa profesora Gabriela, presentou na biblioteca os videopoemas elaborados a partir das creacións de Xela Arias, a autora homenaxeada neste 2021. Participaron na actividades os alumnos e alumnas deses cursos.

Os grupos de 1º, 2º e 3º ESO, por outra banda, participaron nun recital poético e musical no que escoitaron diferentes pezas a ritmo dos acordeóns e pandeiretas dos seus compañeiros e compañeiras, coordinados polo profesor Albano.

Presentamos ademais o resultado do poema colectivo no que cada clase creou un verso para formar a creación que o alumnado de ciclo titulou “Ledicia na esmorga”. A través deste recital, o alumnado tamén puido achegarse ás creacións poéticas a través do recitado de fragmentos de Darío a diario, Tigres coma cabalos e Denuncia do equilibrio. Nesta actividade participou tamén, como representación institucional, a concelleira de Cultura de Poio, Raquel Rodríguez.

Moitas grazas polo seu traballo ao alumnado que interpretou as pezas, que recitou os poemas e que presentou! 

IMAXES PRESENTADAS AO CONCURSO "VISIBLES E DIVERS@S"

Nesta ligazón podedes ver as imaxes que o alumnado presentou ao concurso fotográfico "Visibles e divers@s" convocado por Sementes de liberdade, a asemblea feminista-LGTB do alumnado. O 18 de maio anunciarase a persoa gañadora.

Distribuir contido


by Dr. Radut