Skip to Content

Actividades complementarias

CONCURSO FOTOGRÁFICO "VISIBLES E DIVERS@S"

 

 BASES DO CONCURSO FOTOGRÁFICO “VISIBLES E DIVERS@S”

 

Realiza unha ou máis fotografías e participa no CONCURSO DE FOTOGRAFÍA “VISIBLES E DIVERS@S”. Para participar é requisito ser alumno/a do IES de Poio.

 

Envíanos fotografías sobre un feito, situación ou circunstancia que consiga expresar con especial sensibilidade e habilidade as diferentes maneiras de visibilización LGTB+.

 

Requisitos das imaxes: Deben ser orixinais, poden estar en branco e negro ou a cor e a técnica e formato será libre.

Presentación das imaxes e prazo:

O prazo para presentar imaxes rematará o luns 3 de maio ás 23.59h.

A imaxe ou imaxes deben enviarse como adxunto en .jpg, .jpeg ou .png ao correo: sementes.liberdade@gmail.com

No corpo do correo deben indicarse o nome e apelidos, o curso e grupo e un título en galego para a imaxe.

Cada persoa poderá participar cun máximo de tres fotografías distintas. 

Premio:

Todas as fotos recibidas serán publicadas no noso perfil de Instagram (@sementesdeliberdade) sen autoría para que poidan ser votadas dándolle a gústame antes do fallo final do xurado e, despois, formarán parte dunha exposición no centro.

A foto gañadora será seleccionada por un xurado composto por:

- Dúas alumnas de Sementes de liberdade, asamblea feminista-LGTB do IES de Poio

- Unha persoa representante da Comisión de Igualdade do profesorado

- Silvia Díaz, concelleira de Igualdade do Concello de Poio

- Paula Andrés, fotógrafa profesional

 

O xurado terá en conta:

- A calidade técnica e compositiva

- A orixinalidade e idoneidade do enfoque da diversidade sexual

- A acollida da fotografía no Instagram @sementesdeliberdade (aínda que se terá en conta, valoraranse máis as anteriores cuestións)

 

A persoa gañadora recibirá como premio unha cámara instantánea (Fujifilm Instax Mini 11). A entrega do premio realizarase o 18 de maio.

SESIÓN DE NARRACIÓN ORAL EN FRANCÉS

O Departamento de Francés organizou unha actividade de narración oral con Samuel Mountoumnjou. O alumnado achegouse á cultura francófona a través das historias contadas polo narrador camerunés. 

CHARLA INFORMATIVA DA UNIVERSIDADE DE VIGO

Hoxe contamos con representación da Universidade de Vigo, para presentar ao alumnado de 2º BACH a oferta educativa dos seus tres campus universitarios. A charla informativa foi organizada polo Departamento de Orientación.

OBRADOIRO: "IMPROVISANDO POLA VIDA. FERRAMENTAS DE RESPOSTA"

Os dous últimos días do trimestre, tivemos o pracer de contar con High Paw e A Rabela. Achegáronse ao centro para desenvolver o obradoiro “Improvisando pola vida. Ferramentas de resposta” con alumnado de 4º ESO e 1º BACH.

O alumnado aprendeu como se produce a música electrónica e como empregar a improvisación como unha ferramenta de resposta ante agresións e situacións incómodas. 

PROGRAMA "A PONTE ENTRE O ENSINO MEDIO E A USC": SUPERCONDUTIVIDADE

Dentro do programa “A Ponte entre o Ensino Medio e a USC”, o alumnado de Física de 2º BACH participou na charla “Supercondutividade”, a cargo do profesor Manuel Mosqueira.

Nesta actividade describiuse o fenómeno da supercondutividade, facendo un percorrido histórico desde o seu descubrimento en 1911 no mercurio ata os modernos supercondutores de alta temperatura baseados en ferro. Fíxose fincapé nas aplicacións (presentes e futuras) baseadas nestes materiais. Finalmente, tivo lugar unha demostración práctica do fenómeno da levitación magnética.

RUTA EN BICICLETA POR SAMIEIRA

O pasado mércores, o día que o alumnado do Ciclo Medio adoita saír a facer rutas en bicicleta, achegáronse aos muíños de Samieira e á praia de O Laño.

ENCONTRO TELEMÁTICO CON MANUEL GAGO

O alumnado de Francés de 4º ESO mantivo esta semana un encontro telemático sobre lendas co profesor e divulgador Manuel Gago

Manuel Gago é director de culturagalega.gal, a plataforma de divulgación do Consello da Cultura Galega e profesor asociado da Facultade de Ciencias da Comunicación. É doutor en CC. da Comunicación e membro do Grupo de investigación de Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela. No ámbito profesional, desenvolve desde 1999 proxectos de comunicación interactiva, como o Mapa Sonoro de Galicia e outros produtos de difusión do Consello da Cultura Galega, e expositiva, como as exposicións Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura (2016), Alba de Gloria. Unha experiencia (2017), do Consello da Cultura Galega, ou Galicia, un relato no mundo (2019), no Museo Gaiás da Cidade da Cultura.

(Fonte: Consello da Cultura Galega)

 

VISITA AO CENTRO DE COMPOSTAXE COMUNITARIA

O alumnado de 4º ESO D, que está a cursar Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional achegouse a visitar o centro de compostaxe comunitaria da rúa Rosalía de Castro. Alí puideron coñecer o proceso de primeira man grazas á mestra composteira do concello de Poio.

Dende este trimestre, tamén contamos cun composteiro no centro, no exterior da cafetería, no que alumnado, profesorado e persoal non docente poden depositar os residuos orgánicos.

ACTIVIDADES NA TITORÍA ENTRE IGUAIS

As últimas semanas, o alumnado de 1º e 3º ESO, os cursos que participan no programa Titoría entre Iguais estivo desenvolvendo actividades conxuntas para fortalecer a relación entre persoas titoras e titorizadas. Participaron nunha busca de pistas nas horas de titoría e tamén nos Recreos TeI. 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut