VISITA Á ALDEA DE SILVARREDONDA

O departamento de Lingua Galega e  Proxecto Interdisciplinar organizan a visita á Aldea de Silvarredonda en Rois para o alumnado de 1º da ESO o vindeiro 15 de Marzo de 10:30 a 14: 00 horas.

O obxectivo da actividade é coñecer unha aldea tradicional: funcionamento, servizos e actividades comunais, dentro do programa da actividade anual de centro " Arredor da memoria".

A MIDSUMMER NIGHT'S DREAM

O Alumnado do IES de Brión asistirá o día 27 de febreiro á representación da obra A Midsummer Night's Dream a cargo da Factoría de Producciones Culturales S. C.

O Departamento de Inglés organiza esta actividade en dúas sesións, que se representarán no Salón de actos do Centro Polivalente do Concello de Brión.

VISITA AO ICG

 

O día 20 de febreiro o alumnado de Tecnoloxía Industrial I de 1º de bacharelato visitou as instalacións do Instituto de Cerámica de Galicia, a proposta do departamento de Tecnoloxía para cumprimentar o estudo do bloque temático de materiais

 

A visita poderiamos dividila en tres bloques fundamentais:

I- Presentación do IGC

O director do instituto Francisco Guitián recibiunos e convidounos ao salón de actos onde realizou unha presentación da historia do instituto dende os seus orixes, no 1990 ata a actualidade, expoñendo a principal actividade en I+D+I, os materiais de traballo, as industrias coas que colabora e para as que realiza servizos tecnolóxicos como Alúmina- aluminio, aquagest, ferroatlántica ou Sargadelos, as empresas xeradas a partir do IGC spin-offs, etc.

A modo de exemplo descubrimos que o IGC leva rexistradas ata 30 patentes como a creación do proceso de obtención de vidriados e cristais negros a partir de residuos de pizarra.

Tamén coñecimos que se crearon a partir do instituto 4 spin-offs:

  • Glassvivo que produce la de roca a partir dos residuos da lousa e ademais contribúe a diminuír o volume e eliminar os vertedoiros minerais en Galicia.

  • Neoker que que se adica a fabricar fibras monocristalinas de alfa-alúmina denominadas whiskers, que visualmente lembran ao algodón. É un material único a nivel mundial que soporta 1800 graos de temperatura de uso e resiste un peso de 60 toneladas por centímetro cadrado sen romper. Ademais pode mesturarse para formar materiais compostos de altas prestacións.

  • Keramat é a única peme española no sector do deseño e a fabricación de biocerámicas para implantes médicos e veterinarios

  • Inderbar, que produce ladrillos acumuladores de calor

Puidemos coñecer as principais liñas investigadores que se desenvolven na actualidade no IGC.

II- Visita guiada á exposición dos principais materiais

A continuación puidemos observar o aspecto dalgúns dos materiais de traballo, dende biomateriais como tapóns de cráneo ou prótese de cadeira, ata un diamante artificial, pasando por unha amplia variedade de ladrillos, placas feitas con restos orgánicos de pipas ou palla empregadas como illantes de calor, fios superresistentes feitos a partir de residuos de pizarra.

III- Instalacións, técnicas e equipamento.

Unha das partes máis interesantes da visita foi poder ver in situ a actividade que se desenvolve nas instalacións desde comprobar ensaios de resistencia de materiais, ladrillos, ata como se analiza un material con microscopía e espectrometría. Tamén visitamos a planta piloto con equipamento moi innovador e unha amplia gama de fornos, comprobando cunha cámara térmica a modificación da temperatura de diversos materias.

Agradecemos a Francisco Guitián e ao seu equipo a posibilidade de darnos a coñecer de primeira man o traballo de investigación con materiais realizado en Galicia desde o Instituto Galego de Cerámica.

LECTURA DA CARTA QUE EINSTEIN ESCRIBIU AO PRESIDENTE ROOSEVELT EN 1939

O luns 30 de xaneiro o alumnado de 4º ESO, 1º Bach e 2º Bach con Física e Química dará lectura á carta que Albert Einstein escribiu ao presidente norteamericano Roosevelt en 1939.

O Departamento de Física e Química celebrará con esta actividade o día da paz.

PROGRAMA A PONTE. VISITA Á USC

O vindeiro día 9 de febreiro o alumnado de 2º de bacharelato visitará diversas facultades da USC no marco do programa "A ponte entre o ensino medio e a USC".

Esta visita organizada polo Departamento de Orientación, complementarase cunha charla informativa que terá lugar no noso centro o día 15 de marzo a cargo da profesora Mª Teresa Flores Arias.

MEMORIA DA NOSA LINGUA

Coa exposición "Memoria da nosa lingua" inaugúrase unha serie de exposicións no marco da actividade anual de centro que este ano xira "Arredor da memoria".

"Memoria da nosa lingua" recolle o traballo que o alumnado de 3º ESO realizou a partir do libro "Historia da lingua galega" de Pepe Carreiro.

A profesora Mariña Pérez Rei acompañou ao alumnado na elaboración dos seus traballos.

 


EN COLABORACIÓN. EFECTO INVERNADOIRO

Un grupo de alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato fai unha demostración do efecto invernadoiro para o alumnado de 1º de ESO. Foi nos dous recreos do día 12 de xaneiro, medindo a temperatura no exterior e no interior do noso propio invernadoiro. O alumnado de Bacharelato aproveitou para explicar ao de ESO o problema do efecto invernadoiro a nivel planetario... Un problema grave, de certo. Que podemos facer dende o instituto para contribuir a evitalo?


VISITA AO MUPEGA E AO MUSEO DO POBO GALEGO

O vindeiro martes día 29 de novembro o alumnado de 1º ESO realizará unha saída educativa a Santiago de Compostela para visitar o Mupega e o Museo do Pobo Galego.

Esta actividade, promovida dende Proxecto Interdisciplinar, desenvólvese no marco da actividade anual de centro, que este ano xira "Arredor da memoria".

 


SAÍDA Á FACULTADE DE QUÍMICA E AO CICUS

O alumnado de Física e Química de 1º e 2º de bacharelato realizará unha saída o vindeiro día 25 de novembro á Facultade de Química da USC e ao CIQUS, dentro do programa "Acércate á Química!".

Entre outras actividades terán a oportunidade de visitar a exposición "Entre moléculas", producida polo CSIC con motivo do Ano Internacional da Química.

VISITA Á PLANTA DE TRATAMENTO DE LIXO DE LOUSAME E AO PARQUE NATURAL DE CORRUBEDO

Planta de tratamento de residuos sólidos urbanos de Servia. Lousame.

Vista do Parque Natural de Corrubedo

Que pasa co lixo unha vez que o botamos no colector? A onde van parar as botellas de plástico? Que é compost? ...

Estas e outras preguntas terán cumprida resposta na visita que o alumnado de 3º de ESO vai facer o próximo día 11 á Planta de tratamento de lixo de Lousame.

Organizada polos departamentos de Bioloxía e Xeoloxía e Tecnoloxía esta saída completarase cunha visita ao Parque natural de Corrubedo, un espazo natural protexido dun gran valor ecolóxico, como poderemos comprobar; ademais de apreciar "in situ" o traballo do vento e o mar durante anos e anos para modelar unha paisaxe única.

Distribuir contido